martes, 14 de marzo de 2017

Tema 9: Sector servizos e o proceso de terciarización da economía en España e Galicia”. a) Características do sector terciario. b) Causas da terciarización. c) Contrastes na localización dos servizos.

“Sector servizos e o proceso de terciarización da economía en España. a) Características do sector terciario. b) Causas da terciarización. c)  Contrastes na localización dos servizos.

O sector servizos abrangue todas aquelas actividades que non se poden considerar agrarios, pesqueiros ou industriais. En España este sector ocupa o meirande número de traballadores. Por iso se considera que vivimos nunha sociedade terciaria. Nos países desenvolvidos máis da metade da poboación activa traballa no sector terciario ou servizos, que medrou en importancia tanto polo número de persoas que ocupa como pola riqueza que xera. A distribución dos servizos no territorio amosa grandes desigualdades e desequilibrios, dado que tenden a se concentrar nas zonas con maiores niveles de renda.


a) Características do sector terciario. 


O sector terciario ou servizos abrangue o conxunto de prestacións orientadas a satisfacer as necesidades e demandas da sociedade. É un sector moi heteroxéneo formado por actividades moi diversas. As características principais que definen o sector terciario son: 


- Actividades intanxibles e inmateriais. O que se ofrece e se valora é a calidade da prestación que se realiza, por exemplo, un servizo médico ou unha asesoría. 



- Actividades imposibles de almacenar. Os servizos préstanse cando son necesarios ou requiridos, polo que se adoitan localizar preto dos posibles usuarios. 


- Actividades moi diversas. Desde administracións públicas, servizos financeiros, comerciais, culturais e de lecer, sanitarios e educativos, dirección, administración e asesoría de empresas, servizos de limpeza e mantemento, asistencia social, comunicacións etc. 


- Actualmente, téndese a diferenciar o terciario clásico do terciario superior ou cuaternario, sector que reúne as actividades máis cualificadas: investigación, telecomunicacións, alta tecnoloxía... 


- É un sector que abrangue dende grandes empresas con milleiros de traballadores a pequenos empresarios. 


b) Causas da terciarización. 


Desde hai tres décadas, pódese dicir que España ten unha economía de servizos, porque máis de dous terzos de todos os empregos e a produción que se xera no país proceden deste sector. A tendencia é que esta proporción continúe aumentando nos próximos anos, tal e como ocorre en todos os países do noso medio. Por iso se adoita afirmar que en España vivimos un proceso de terciarización da economía. 


O rápido crecemento que experimentaron as actividades de servizos é o resultado das profundas transformacións que viviu a sociedade española, que hoxe presenta as seguintes características


- É unha sociedade de consumo, en que o aumento do nivel de renda elevou a capacidade de compra e, con isto, o desenvolvemento do comercio e toda unha serie de servizos destinados á poboación. 


- É unha sociedade do benestar, en que aumentou a oferta de todo tipo de servizos sociais (educativos, sanitarios, culturais, deportivos...), ofrecidos por institucións públicas e privadas. 


- É unha sociedade de ocio, en que aumenta a importancia do turismo e de diversos servizos relacionados co gozo do tempo libre (hostalaría, restauración, espectáculos etc.). 


- É unha sociedade capitalista avanzada, en que o sector financeiro e de seguros ocupa un lugar destacado no control do diñeiro e o crédito, básicos para o funcionamento das empresas e o propio consumo familiar. 


- É unha sociedade do coñecemento, en que cobran protagonismo unha serie de servizos avanzados que melloran a calidade e competitividade das empresas (enxeñaría, deseño, servizos informáticos, asesoría técnica...), xunto a centros de investigación e centros tecnolóxicos para promover a I+D. 


- É unha sociedade rede, en que tanto as persoas coma os produtos ou a información teñen cada vez maior mobilidade, xerando densas redes de fluxos ás que os territorios queren estar conectados, o que aumenta a demanda de todo tipo de transportes e telecomunicacións. 


- É unha sociedade regulada, porque a súa complexidade esixe unha administración pública eficaz que xestione o seu funcionamento. 


Todo isto supón unha gran diversidade de servizos, desde os máis especializados e modernos ata os máis tradicionais e precarios. 



c) Contrastes na localización dos servizos. 



A localización do emprego en actividades de servizos mostra importantes diferenzas se se considera o volume total de persoas ocupadas nas diferentes provincias. As de Madrid, Barcelona e Valencia concentran case cinco millóns de empregos, equivalentes a máis dunha terceira parte do total, seguidas por outras provincias litorais, xunto a Sevilla e Zaragoza. 

Se se considera en cambio a proporción do emprego terciario sobre o total, as diferenzas diminúen, cos valores máis altos en Madrid, o litoral mediterráneo (agás Cataluña) e ambos os arquipélagos.


Esa distribución relaciónase coa influencia de diversos factores: 

  • Ante todo, relaciónase coa repartición da poboación e o seu nivel de renda, pois a maioría destas actividades buscan estar cerca dos seus clientes potenciais e, polo tanto, aumentan en territorios con altas densidades e elevado nivel de ingresos.
  • Tamén inflúe a presenza de poboación estacional relacionada co desenvolvemento do turismo, sobre todo, nas áreas litorais, pois iso engade un volume importante de consumidores dalgúns tipos de servizos
  • Un terceiro factor é a densidade de empresas no territorio, pois son as principais demandantes dalgúns servizos (desde o transporte e as telecomunicacións, aos servizos informáticos, xurídicos, de mantemento e reparación, de deseño e enxeñaría etc.).
  •  Por último, as administracións central, autonómica e local distribúense por todo o territorio, pero a presenza de funcionarios e contratados nelas é maior naqueles provincias e cidades onde se localiza a capitalidade nacional ou autonómica.
En resumo, os servizos teñen hoxe unha grande importancia e dinamismo, ata converterse na principal fonte de emprego actual e para o futuro. Por esa razón, e porque as diferentes actividades tamén mostran diversas tendencias de localización, xeran paisaxes específicas e, en ocasións, son fonte de impactos negativos; a Xeografía interésase cada vez máis por este sector que conta con máis de catorce millóns de empregos e dous terzos do valor da produción total obtida en España, así como a maior perspectiva de crecemento. 
 

O sector servizos en Galicia. 
 

Máis do 60% do PIB de Galicia corresponde ao sector servizos, que experimentou un gran crecemento e diversificación nas últimas décadas. O turismo, o comercio, os transportes e mais os servizos sociais son exemplos desta transformación. 


O sector terciario de Galicia adquiriu unha importancia decisiva na creación de postos de traballo, xa que en 2008 os servizos ocupaban o 63% do emprego galego. A distribución xeográfica está pouco equilibrada; os servizos concéntranse nas capitais provinciais e nos grandes núcleos urbanos, principalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra. Distínguense dous subsectores: 


- Os servizos non destinados á venda son os servizos sociais financiados polos organismos oficiais, como a educación, a saúde e a administración pública. Así, en 2006 o 56% do gasto público que realizou a Xunta estivo destinado a sanidade e educación. 


- Os servizos destinados á venda abranguen o comercio, o turismo, os transportes, os servizos ás empresas, que diversificaron a súa oferta en actividades como asesoramento xurídico, servizos informáticos e administrativos, recursos humanos ou publicidade e os servizos financeiros, que potencian o crecemento da economía a través da concesión de créditos a particulares e empresas, e o investimento en proxectos empresariais. 


En canto ó turismo, Galicia dispón de máis de 54.000 prazas hoteleiras e de numerosos servizos e equipamentos complementarios. Os turistas que visitan Galicia proceden na súa maioría do territorio español (80,4%) e en menor medida do estranxeiro (19,6%), sobre todo de países da UE, como Portugal, Reino Unido, Alemaña, Francia e Italia. A nosa Comunidade ofrece diversos tipos de turismo: turismo de sol e praia, turismo cultural, turismo rural e turismo termal. A imposibilidade de competir no mercado internacional cos destinos masivos de praia determinou a orientación da política turística cara a outros campos, como o gastronómico, cultural, congresos ou o deportivo, co fin de atraer un turismo de maior calidade e asegurar a ocupación hoteleira durante todo o ano. Tras uns anos de retroceso pola crise economica, os datos provisionais presentan o 2015 como o mellor ano do turismo galego na historia, superando os anos xacobeos 2004 e 2010.

Respecto ao comercio, Galicia incrementou nas últimas décadas o comercio interior como consecuencia do crecemento demográfico e económico. Na actualidade representa un 10% do PIB e emprega un 17% da poboación ocupada. Caracterízase pola coexistencia de numerosos pequenos establecementos xunto a grandes empresas comerciais nacionais e multinacionais. Actualmente, o pequeno comercio está vivindo unha crise que se manifesta na redución de establecementos tradicionais e na perda de emprego. 


Os intercambios co exterior son cada vez máis importantes debido á apertura progresiva da economía galega. A balanza comercial nos últimos anos foi positiva xa que as exportacións superaron as importacións. Así, durante os primeiros nove meses do 2015, Galicia vendeu ao estranxeiro produtos por valor de 14.000 millóns de euros e importou o equivalente a 11.261 millóns. As exportacións céntranse na venda de material de transporte, confección e peixe, crustáceos e moluscos. As importacións que destacan polo seu volume son os produtos enerxéticos e o material de transporte.


Finalmente, nos transportes hai que salientar que a situación periférica e o relevo accidentado de Galicia son factores que explican que as infraestruturas de transporte e comunicación co resto do Estado fosen tradicionalmente moi deficientes. Así e todo, nas últimas décadas, os investimentos públicos destináronse a modernizar e ampliar a rede de estradas, os ferrocarrís (destacando a lenta introducción da alta velocidade), os portos e os aeroportos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario