2.- Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Observe a figura 1 e identifique as dez provincias peninsulares que recibiron 600.000 o mais turistas estranxeiros (1 punto). Gerona (Girona), Barcelona, Tarragona, Madrid, Valencia, Alicante (Alacant), Granada, Málaga, Cádiz, Sevilla.
b) Comente os documentos seguindo estas cuestións:
- Analice os tipos de documentos nas figuras 1 e 2 (1 punto). A figura 1 é un mapa administrativo de España, de coropletas, cunha división provincial, sobre a que se marca unha lenda de cores que amosan distintos intervalos de número de turistas estranxeiros recibidos por provincia a partir da información subministrada polo INE (Instituto Nacional de Estatística). A figura 2 amosa unha fotografía panorámica dunha paisaxe litoral humanizada; nun primeiro termo, un outeiro, en segundo plano unha aglomeración urbana a carón dunha praia -con edificios moi elevados- e ao fondo unha liña de montañas que descende cara a un cabo.
- Comente a figura 2 analizando a súa posible localización, os elementos e as características deste espazo relacionándoas co tipo de actividade dominante (1 punto). Amosase un modelo de paisaxe turística (que corresponde á cidade de Benidorm, no litoral alacantino). Nesta paisaxe aprécianse unha serie de recursos naturais que favorecen o turismo: praias longas e areosas que se combinan co clima mediterráneo -caracterizado por veráns secos e calorosos; o tipo de clima pode deducirse da escasa vexetación que existe na montaña do fondo e da cuberta vexetal de piñeiros que observamos no primeiro plano. Este espazo turístico caracterízase por unha abundante oferta hoteleira e extrahoteleira (apartamentos, cámpings), que dispón de boa accesibilidade por estrada e vía aérea, dada a súa proximidade aos aeroportos. Este tipo de paisaxe turística presenta –como podemos observar na imaxe- elevadas densidades e un elevado número de todo tipo de aloxamentos situados ao longo da liña de costa ou nas súas proximidades, diminuíndo con rapidez cara ao interior. Benidorm, ao igual que outras cidades do litoral mediterráneo, optaron por potenciar a construción en altura para facer rendible ao máximo este tipo de turismo (baseado en moitas ocasións en importantes operacións inmobiliarias). Este modelo turístico presenta todo tipo de actividades (hoteis, restaurantes, comercios, axencias de viaxes...) que teñen os turistas como clientes. Para iso precisa dispor de boas accesibilidades por estrada e vía aérea (proximidade a aeroporto). Estamos, polo tanto, diante do modelo máis extendido de oferta turística en España, o modelo de sol e praia, cunha abundante oferta dirixida a unha clientela masiva, de nivel medio, e moi concentrada nos meses de verán polo que enfróntase dende hai tempo a problemas de saturación, deterioración do medio ambiente e á competencia doutros destinos similares e máis baratos.
- Analice distintas repercusións da actividade económica dominante nesta paisaxe (1 punto). As repercusións deste modelo turístico son variadas:
- Demográficas: cunha alta concentración de poboación en tempada turística alta no verán, tanto pola afluencia de visitantes como de empregados nos servizos turísticos. Esta afluencia de visitantes pode provocar saturación e deterioro das infraestruturas, perda de calidade e problemas medioambientais. A estacionalidade deste lugar, sen embargo, é menor que a doutros lugares da costa, pois tanto o turismo de Semana Santa e pontes como a afluencia de turismo de terceira idade español e estranxeiro contribúen a alixeirar un pouco a devandita estacionalidade.
- Económicas: creación dunha serie de empregos no sector turístico -que non obstante, están sometidos á estacionalidade da demanda- e na construción. Tamén é unha actividade afectada por certa inestabilidade asociada á evolución da economía internacional: aumenta en períodos de crecemento económico, pero a chegada de turistas vese freada en fases de crise ou en momentos de inseguridade internacional.
- Ordenación do territorio: nos espazos próximos tamén se implantan actividades en relación co turismo, como amosa a canteira aberta na montaña; os espazos agrarios e rurais da contorna pasaron a ser terreo urbanizable para todo tipo de aloxamentos ou infraestruturas turísticas, co conseguinte cambio de uso e valor do solo.
- Medioambientais: a creación de bloques de hoteis e apartamentos á beira da liña de praia ten alterado profundamente a visión tradicional deste antigo porto pesqueiro. O incremento da actividade tamén provoca un consumo notable de recursos escasos -como a auga potable- e xera tamén importantes volumes de residuos sólidos urbanos (RSU), e diversos tipos de contaminación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario