viernes, 27 de mayo de 2016

Tema 2: Formación e evolución xeomorfolóxica da Península Ibérica e das Illas Canarias e Baleares. Tipos de unidades morfoestruturais

Formación e evolución xeomorfolóxica da Península Ibérica e das Illas Canarias e Baleares. Tipos de unidades morfoestruturais
a) Formación e evolución xeomorfolóxica da Península Ibérica e das Illas (da era arcaica ao glaciarismo cuaternario). b) Tipos de unidades: zócolos, macizos antigos, cordilleiras de pregamento, cuncas sedimentarias.
a) Formación e evolución xeomorfolóxica da Península Ibérica e das Illas
O relevo actual da Península é o resultado dunha historia xeolóxica de millóns de anos na que se alternaron fases oroxénicas con outras de calma, nas que predominou a erosión e a sedimentación.
1) Durante a era arcaica ou Precámbrico (4.000-600 millóns de anos) emerxeu do mar unha banda arqueada de noroeste a sueste, formada por lousas e gneis, que comprendía case toda a actual Galicia. Tamén xurdiron elevacións nalgúns puntos illados do Sistema Central e dos Montes de Toledo. Este macizo precámbrico foi arrasado posteriormente pola erosión e cuberto case na súa totalidade polos mares paleozoicos.
2) Na era primaria ou Paleozoico (600-225 millóns de anos) tivo lugar a oroxénese herciniana. Dos mares que cubrían a maior parte da Península xurdiron as cordilleiras hercinianas, formadas por materiais como o granito, lousa e cuarcita. Ao oeste elevouse o Macizo Hespérico, arrasado pola erosión durante a mesma era primaria e convertido en zócalo ou meseta inclinada cara ó Mediterráneo. Ó noreste apareceron os macizos de Aquitania, Catalano-Balear e do Ebro, e ó sueste, o Macizo Bético-Rifeño. Todos eles foron tamén arrasados pola erosión e durante a era primaria convertidos en zócolos.
3) A era secundaria ou Mesozoico (225-68 millóns de anos) foi un período de calma no que predominaron a erosión e a sedimentación. Continuou o aplanamento das cordilleiras hercinianas. A inclinación do zócolo da Meseta cara ó Mediterráneo permitiu, nos períodos de transgresión mariña, unha fonda penetración do mar, que depositou no seu bordo oriental unha cobertoira non moi potente de materiais sedimentarios plásticos (calcaria, arenito, marga). Tamén se depositaron enormes espesuras de sedimentos en fosas mariñas situadas nas actuais zonas pirenaica e bética.
4) Durante a era terciaria (68-1,7 millóns de anos) produciuse a oroxénese alpina. Como resultado desta:
  • Levantáronse as cordilleiras alpinas, ó pregarse os materiais depositados nas fosas pirenaica e bética entre os macizos antigos, que actuaron como topes. Xurdiron os Pireneos entre os macizos de Aquitania, Hespérico e do Ebro (que acabou afundíndose), e as cordilleiras Béticas, entre os macizos Bético-Rifeño e o Hespérico.
  • Formáronse as depresións prealpinas paralelamente ás novas cordilleiras, e entre estas e o macizo antigo: a depresión do Ebro, paralela ós Pireneos, e a do Guadalquivir, paralela ás Béticas.
  • A Meseta viuse afectada pola oroxénese alpina. En primeiro lugar pasou a inclinarse cara ó Atlántico, determinando a orientación cara a este océano de boa parte dos ríos peninsulares. En segundo lugar formáronse os bordos montañosos da Meseta. No seu bordo oriental pregáronse os materiais plásticos depositados polo mar na era secundaria, orixinando a parte oriental da cordilleira Cantábrica e o Sistema Ibérico. No bordo sur da Meseta, o empuxe das cordilleiras Béticas levantou Serra Morena. Por último, o zócolo da Meseta, formado por materiais paleozoicos ríxidos, experimentou fracturas e fallas. Os bloques levantados formaron o Macizo Galaico e as serras interiores da Meseta (Sistema Central e Montes de Toledo). Nesta era tamén se orixinou o conxunto de natureza volcánica das Illas Canarias.
5) Durante a era cuaternaria (1,7 millóns de anos ata a actualidade) producíronse o glaciarismo e a formación de terrazas fluviais. -
  • O glaciarismo afectou ás cordilleiras máis altas (Pireneos, cordilleira Cantábrica, Sistema Central, Sistema Ibérico e Serra Nevada), dando lugar a glaciares de circo e de val. Os glaciares de circo nas cabeceira dos vales e os glaciares de val no val dándolle a forma de “U”.
  • A época glaciar caracterizouse pola formación de terrazas fluviais, antigos chans de inundación abandonados polo posterior encaixamento fluvial. As terrazas son froito das alternancias climáticas do Cuaternario. Os sucesivos ciclos glaciais e posglaciais do Cuaternario deron lugar a terrazas graduadas. Na Península, as máis características son as formadas polo Douro, o Texo, o Guadiana, o Guadalquivir e o Ebro.
b) Tipos de unidades morfoestruturais: zócolos, macizos antigos, cordilleiras de pregamentos, cuncas sedimentarias.
Unidades morfoestruturais. Resultan de movementos tectónicos que se orixinan no interior da Terra e dan lugar a levantamentos, afundimentos e desprazamentos da codia terrestre, e da posterior actuación da erosión e da sedimentación. Ambos os procesos están condicionados pola natureza das rochas. Na Península atópanse presentes as grandes unidades morfoestructurais do relevo continental: zócolos, macizos antigos, cordilleiras de pregamento e concas sedimentarias ou depresións.
1) Os zócolos son chairas ou mesetas formadas na era primaria ou paleozoico como resultado do aplanamento pola erosión de cordilleiras xurdidas nesta era. Os materiais paleozoicos son rochas silíceas: granito, lousa, cuarcita e xistos. Son ríxidas e ante novos empuxes oroxénicos fractúranse ou rompen. Na actualidade, os zócolos constitúen relevos horizontais que ocupan extensas áreas na metade occidental da Península.
2) Os macizos antigos son montañas formadas na era terciaria polo novo levantamento dun bloque como consecuencia do movemento oroxénico alpino; son materiais paleozoicos. Estes macizos presentan cumes suaves e arredondados. Na Península, constitúen macizos antigos as serras interiores da Meseta (Sistema Central e Montes de Toledo), o Macizo Galaico e a parte occidental da cordilleira Cantábrica.
3) As cordilleiras de pregamento son grandes elevacións montañosas que xurdiron na oroxénese da era terciaria polo pregamento de materiais sedimentarios calcarios, depositados polo mar na era secundaria. Distínguense dous tipos:
  • Cordilleiras intermedias, pregamento de materiais depositados nos bordos dos zócolos (Sistema Ibérico e parte oriental da cordilleira Cantábrica).
  • Cordilleiras alpinas, pregamento de materiais depositados en xeosinclinais ou fosas mariñas longas e profundas (Pireneos e cordilleiras Béticas). Teñen fortes pendentes e formas escarpadas.
4) As concas sedimentarias ou depresións: zonas afundidas formadas na era terciaria e cheas con sedimentos de calcaria, arxila, arenitos e margas. As concas sedimentarias son de dous tipos: as concas sedimentarias formadas polo afundimento dun bloque dun zócalo a causa das presións oroxénicas da era terciaria (depresións das mesetas do Douro, Texo e Guadiana); e as depresións prealpinas, localizadas a ambos os lados das cordilleiras alpinas (depresións do Ebro e do Guadalquivir). As concas sedimentarias son relevos horizontais ou suavemente inclinados porque non foron afectados por oroxéneses posteriores.