martes, 28 de marzo de 2017

Presentaciones urbanismo



Definiciones control 4/4

Esperanza de vida: Cálculo do número de anos que un individuo pode esperar vivir ben no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Obtense a partir das táboas de mortalidade. A esperanza de vida é maior nas mulleres que nos homes, situándose en 2011 en 84,8 anos para as mulleres e 78,8 para os homes (en España).

Réxime demográfico
: Período correspondente ao modelo de transición demográfica cunhas determinadas características canto á natalidade, á mortalidade e ao crecemento natural ou vexetativo. Distínguense: 1) o antigo réxime demográfico, con altas taxas de natalidade e mortalidade e crecemento vexetativo escaso; 2) o réxime demográfico moderno, con taxas de natalidade e mortalidade moi baixas.

Censo de poboación: É un documento no que se reconta a poboación dun país nun momento determinado. Achéganos información sobre o volume de poboación dun lugar, a súa composición por sexo e por idades, estado civil, tamaño da familia, nivel de estudos, renda, etc. En España se realiza habitualmente nos anos acabados en "1" (cada dez anos).

Saldo migratorio: Resultado de poñer en relación inmigración e emigración nun determinado territorio. O saldo migratorio é positivo cando o número de inmigrantes é superior ao de emigrantes, e negativo cando a emigración supera a inmigración.

Taxa de fecundidade: Medida que pon en relación o número de nacidos vivos nun ano determinado co número de mulleres en idade de procrear (
entre os 15 e os 49 anos) existentes ese mismo ano.

Transición demográfica
: Modelo que describe os cambios demográficos acaecidos ao longo do tempo nos países desenvolvidos: transición dende unha situación de altas taxas de natalidade e mortalidade a outra caracterizada por un descenso de ambas, pasando pola fase intermedia, de descenso da mortalidade antes que a natalidade, permitindo un rápido crecemento demográfico.

Padrón municipal: Rexistro que leva a cabo cada concello sobre a poboación que vive no seu municipio. Recolle menos datos que o censo, pero a diferencia de este trátase dun rexistro vivo, dinámico. Cando unha persoa se traslada a vivir a outro municipio ten a obriga legal de empadroarse nel, ó recibir os concellos máis ou menos financiamento en función da poboación que teñan.


Desagrarización: é a perda de poboación dedicada á actividade agraria, así como á perda de importancia económica da actividade agrícola nun territorio. En toda España tense producido este proceso, especialmente desde finais dos anos 1970.

Explotación intensiva: é aquela explotación agraria que elimina os barbeitos e recorre á produción continua do terreo, estimulada polo emprego de fertilizantes e o regadío artificial. Este tipo de agricultura intensiva obtén unha forte produtividade, sobre terreos moitas veces de extensión reducida. É moi habitual no litoral mediterráneo, especializado na horticultura.

Acuicultura é o conxunto de actividades que, mediante algún tipo de intervención no ciclo biolóxico ou no medio no que habitan os peixes, permiten controlar a súa reprodución e/ou crecemento. A acuicultura aparece restrinxida a un pequeno abano de especies, principalmente peixes, moluscos e crustáceos. En Galicia, a acuicultura representa aproximadamente a terceira parte da cifra do negocio da pesca

miércoles, 22 de marzo de 2017

Tema 10: Transformacións recentes na estructura das cidades. a) Cidade difusa. b) Os cambios no centro urbano (degradación vs rehabilitación). c) Cambios de uso no solo urbano.


A maior parte das cidades españolas posúen elementos de época distintas: o centro histórico, cos seus monumentos e rúas estreitas e tortuosas; os ensanches, de trazado regular; os arrabaldes, de crecemento desordenado; os desenvolvementos urbanos densos, en edificación aberta; e as novas periferias, cada vez máis dispersas e fragmentadas. As cidades transfórmanse: crecendo cara ao exterior coa creación de novos espazos residenciais e áreas de actividade económica, e por procesos de reestruturación no seu interior. Aparecen centros comerciais, parques empresariais ou urbanizacións que se constrúen nas aforas. Prodúcese un proceso de fragmentación do espazo urbano con pezas conectadas entre sí por autovías e estradas. 

a) Cidade difusa O modelo de cidade mediterránea, compacta, foise substituíndo polo tipo de cidade difusa de modelo anglosaxón. 

A cidade difusa ou dispersa esténdese horizontalmente e está separada en áreas especializadas e monofuncionais: zonas residenciais (diferenciadas por prezos e por grupos sociais), áreas comerciais, zonas de lecer, centros de ensino, universidades, barrios administrativos e de oficinas... Ademais diminúe: o contacto humano, os intercambios e a sociabilidade. É unha tipoloxía urbana caracterizada pola mestura de usos e de funcións e pola tendencia a ocupar un territorio moi extenso. A aceleración na ocupación do espazo implicou maior mobilidade individual: as viaxes pendulares cotiás (por motivos de traballo, estudo ou lecer) aumentaron en número e distancia . 

b) Os cambios no centro urbano (degradación vs rehabilitación) 

A partir da segunda metade do século XX, os centros históricos de moitas cidades españolas comezaron a sufrir unha progresiva deterioración e abandono. A maior parte dos que permaneceron eran anciáns con baixos niveis de renda, polo que o centro experimentou un proceso de envellecemento e empobrecemento. Todo isto reflectiuse nunha deterioración urbana, xa que moitas vivendas quedaron baleiras, e noutras non se realizaron as obras necesarias de mantemento e renovación. Ao mesmo tempo, a actividade económica tamén se foi desprazando cara aos ensanches. O centro histórico só foi capaz de reter algúns centros administrativos e eclesiásticos instalados en edificios monumentais, así como os comercios tradicionais. Ao longo das últimas décadas, as tendencias anteriores víronse, en parte, compensadas por procesos de revitalización destas zonas debido a:
  • Políticas públicas de conservación e revitalización. As administracións públicas investiron na rehabilitación dos edificios e a mellora dos espazos públicos. Ademais, deron un novo uso a vellos monumentos, converténdoos, por exemplo, en edificios administrativos ou universitarios, e dinamizando así a vida dos centros históricos. 
  •  Desenvolvemento do turismo cultural. Que potenciou a rehabilitación dos centros históricos españois, mediante a restauración de edificios e a peonalización de rúas e prazas. No interior dalgunhas cidades realizáronse importantes operacións urbanísticas, consistentes, por exemplo, en reconverter ás vellas áreas industriais en novos espazos de ocio. 
  • Cambio de actitude da poboación local. Comeza a verse como unha área de oportunidades económicas e un lugar agradable para vivir. Así, os centros dalgunhas cidades están atraendo poboación nova e de maior nivel de renda, o que contribúe a conservar os edificios residenciais .
Subsisten problemas especialmente nalgúns barrios, onde ao envellecemento da poboación e o baixo nivel de renda, se unen a marxinación social e a conformación de áreas cunha forte concentración de inmigrantes, o que dificulta a súa integración no conxunto da sociedade.

c) Cambios no uso do solo urbano

 Os usos do solo son as diferentes utilizacións do espazo urbano: comercial e de negocios, residencial, industrial, de equipamento, etc. Na cidade preindustrial (dende a súa orixe ata mediados do século XIX) o casco antigo era a parte da cidade urbanizada. Ocupaba unha pequena superficie da cidade actual, pero ten un gran valor polo legado cultural que contén. Nesta época os usos do solo eran moi diversos (multifuncionalidade).

 A cidade preindustrial sufriu notables modificacións como resultado do proceso de industrialización, que tivo lugar entre mediados do século XIX e a década de 1960. O casco antigo experimentou unha progresiva terciarización e consolidouse como centro comercial e de negocios na cidade. O resultado foi o desprazamento dos usos residenciais e a deterioración dos edificios pola contaminación e o tráfico. As cidades que nesta época implantaron industrias modernas atraeron unha numerosa poboación campesiña e estendéronse creando ensanches para os burgueses, barrios industriais e obreiros, e barrios axardinados. Producíuse unha división entre unha área residencial cara para a burguesía e as zonas industriais e os barrios marxinais –con escasos servizos e equipamentos- para o proletariado que creceron arredor do ensanche, ao longo das estradas e camiños que partían da cidade ou xunto ás industrias e ás estacións ferroviarias. 

Os barrios-xardín debidos ás ideas naturalistas. Tratábase de vivendas destinadas ás clases medias e baixas, se ben co tempo tamén as clases altas demandaron este tipo de espazos. Co posterior crecemento da cidade, estes espazos quedaron situados en zonas relativamente céntricas, o que favoreceu a súa revalorización e o seu cambio de uso por exemplo, gardarías ou clínicas privadas. 

Na década de 1960, as principais cidades españolas iniciaron un enorme crecemento debido ao incremento natural da poboación e a inmigración e o progresivo desenvolvemento dos servizos. As cidades ampliaron a área edificada e crearon extensas periferias. Estas áreas urbanas chegaron a unirse ás veces cos municipio veciños, constituíndo aglomeracións urbanas. 

Na actualidade (época postindustrial) algunhas zonas industriais e barrios obreiros quedaron nunha posición céntrica, o que revalorizou o solo que ocupan, dando lugar ao baleirado industrial e aparición de usos terciarios ou residenciais. Pola contra, os espazos menos accesibles e desorganizados mantéñense como espazos marxinais. 

 Nos últimos anos, as grandes cidades teñen un ritmo de crecemento menor, pero continúan estendéndose no espazo, debido á difusión de parte da súa poboación e da súa actividade económica cara a periferias cada vez máis afastadas. Estas periferias estrutúranse en diferentes áreas: barrios residenciais, áreas industriais e áreas de equipamento:
  • Os barrios residenciais da periferia responden a diversas tipoloxías e presentan bastante homoxeneidade social derivada do prezo do solo e da distancia ao centro: barrios marxinais , de vivendas de promoción oficial , polígonos de vivenda de promoción privada, barrios de quinteiro pechado, áreas de vivenda unifamiliar. 
  • As áreas industriais localízanse xunto ás principais vías de acceso á cidade, buscando a proximidade urbana e solo abundante a prezo alcanzable. Tamén inclúen espazos industriais novos, como parques empresarias e tecnolóxicos, en áreas de gran calidade ambiental; ou polígonos de naves acaroadas destinados a empresas con menos recursos. 

  • As áreas de equipamento son froito da actual descentralización das actividades económicas cara á periferia urbana: grandes superficies comerciais, centros escolares, sanitarios e administrativos e outros servizos

Tema 8: “Situación actual da industria en España”


 “Situación actual da industria en España e Galicia”. a) Desafíos: problemas estruturais (dimensión, I+D+i, tecnoloxía) e consecuencias da incorporación á Unión Europea. b) Tendencias recentes da industria en España: globalización e deslocalización.



España é un país integrado no conxunto dos países industriais do mundo. Mais o desenvolvemento da actividade industrial en España non acadou un nivel notable ata a segunda metade do século XX. A crise industrial de 1973- 1974, que evidenciou a necesidade de cambiar os sistemas de produción, coincidiu coa revolución tecnolóxico-informática ou terceira revolución industrial. Desenvolveuse unha nova etapa denominada postindustrial ou informacional, que deu lugar a novos modelos de empresas cunha importancia crecente das novas tecnoloxías, a innovación e a investigación. O ingreso de España na Unión Europea (a partir de 1986) supuxo o final do proteccionismo e a apertura do mercado á competencia exterior, que ten provocado unha reconversión industrial e peche de moitas industrias non competitivas. 


Desafíos: problemas estruturais e consecuencias da incorporación á Unión Europea


A industria española presenta diversos problemas estruturais que afectan negativamente á súa competitividade fronte á economía europea e global: 


• Existe un escaso número de grandes empresas,

• A produtividade industrial é inferior á da Unión Europea.

O nivel de intensidade tecnolóxica é baixo, e a porcentaxe de investimento en I+D é insuficiente. 


Todo isto provoca unha balanza tecnolóxica deficitaria: as principais empresas de automóbiles, maquinaria eléctrica, aparellos electrodomésticos e produtos farmacéuticos fabrican con patentes estranxeiras, que son un enorme gasto para España que debe pagar pola súa aplicación.

A industria española, tras a entrada na Unión Europea, viviu un proceso de modernización produtiva que ten pasado por sucesivas crises (1990-1993, e a actual, desde 2007-2008). A mediados da década de 1990, a industria española, recuperada da primeira reconversión industrial, convertírase no sector de actividade máis produtivo grazas á moderación salarial e á flexibilidade na contratación laboral. A economía medraba por enriba da media europea e aumentaba o investimento español nos países da Unión Europea, mentres que en Portugal, o norte de África e Latinoamérica se instalaban empresas españolas. 



Tendencias recentes da industria en España: globalización e deslocalización.


A industria tivo un ritmo positivo de crecemento de vendas, produción e demanda, aínda que vai perdendo importancia dentro do conxunto de actividades económicas a causa da terciarización xeral da economía e do emprego.

A crise financeira de 2007, xurdida inicialmente nos Estados Unidos, afecta posteriormente a toda a economía mundial. Na Unión Europea iniciouse unha tendenza xeral á baixa, que en España se reflicte nunha recesión da carteira de pedidos, un aumento dos stocks e unha desaceleración do emprego.

A incorporación de novos países á UE afecta á industria española por diversos motivos: estes países gozan dunha maior proximidade ao grande eixe industrial europeo que constitúen os países nórdicos, Alemania e o Norte de Italia; ademais, a estrutura produtiva é semellante á española, a man de obra máis barata, e a súa produtividade e cualificación en alta tecnoloxía, maior. Así mesmo, o investimento de capital estranxeiro permitiulles a implantación de empresas de alta tecnoloxía, co que aumentou o seu potencial industrial dentro da UE.

Un dos sectores da industria española máis afectados é o dos automóbiles, no que España mantivo un bo ritmo de exportacións; o sector está dominado por empresas de capital estranxeiro que poden deslocalizar as industrias na procura de menores custos.

O actual tecido industrial español estase a incorporar á globalización económica, de maneira que as nosas zonas industriais se configuran como puntos dunha rede de produción a nivel mundial. Nunha economía globalizada, as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado; disto derívanse as causas da deslocalización: a busca de menores custos laborais e de mellores condicións fiscais e técnicas. Por esta razón, as empresas se trasladan a lugares como o Leste de Europa, Sueste asiático, China,...As consecuencias das deslocalizacións son o incremento da taxa de paro e a perda de emprego no sector secundario, que tende cada vez máis a terciarizarse. 

Tema 6.2: “Mobilidade espacial da poboación: a) O éxodo rural. b) A inmigración”.

A dinámica da poboación non depende só da relación entre nacementos e defuncións (crecemento natural), senón tamén da mobilidade da poboación ou saldo migratorio.  Os movementos migratorios españois adoitan clasificarse en migracións transoceánicas históricas, ata mediados do século XX, cuxo principal punto de destino foron diversos países de América Latina, e migracións modernas, desde finais da década de 1950, que presentaron unha dobre vertente: as migracións interiores campo-cidade e as migracións exteriores, cara aos países industriais de Europa Central e Occidental.  As migracións campo-cidade tiveron lugar cando aumentou a poboación rural, diminuíu a poboación empregada na agricultura e aumentou a demanda de man de obra na industria e nos servizos. Desde 1961 producíronse vinte millóns de desprazamentos interiores. A metade dos españois vive nun municipio distinto do que naceu, e case unha cuarta parte nunha provincia diferente á do seu nacemento. Por iso, as migracións interiores tiveron unha grande influencia sobre a distribución da poboación en España e sobre as variacións espaciais na súa composición.  

O éxodo rural  

O éxodo rural: de 1900 a 1975 

No primeiro terzo do século XX rexistráronse fortes correntes migratorias desde as zonas rurais ás cidades impulsadas polas novas actividades industriais e de servizos das áreas urbanas. Estes movementos interrompéronse durante a guerra civil e a inmediata posguerra, para rexurdir con moita máis forza nos anos cincuenta e, sobre todo, nos sesenta e primeira metade dos setenta.  Nesa época, a economía española experimentaba un elevado ritmo de crecemento, apoiado na industrialización e o turismo, que estimularon a construción de vivendas e infraestruturas, así como os servizos ás empresas e á poboación. Ao mesmo tempo, produciuse a mecanización de gran parte das tarefas agrarias, o que orixinou un éxodo masivo de poboación no medio rural.  Só nos anos sesenta do século XX cambiaron de residencia 4,2 millóns de españois, o 60% dos cales se trasladaron a outras provincias. Na distribución espacial destas migracións interiores cabe distinguir os seguintes espazos de orixe e destino: 
  • Os espazos emisores eran as áreas rurais do interior peninsular, ou espazos con sistemas agrarios en crise: Andalucía, Estremadura, as dúas Castelas, Aragón, Asturias, Galicia etc.  
  • Os espazos atractores foron Madrid, Cataluña e o País Vasco, que se atopaban en pleno proceso de industrialización. A chegada de inmigrantes xerou o crecemento das grandes áreas urbanas, como Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Zaragoza e Sevilla. Tamén creceron cidades máis pequenas, como Tarragona, Valladolid, Vigo, Avilés ou Huelva, e as principais áreas turísticas do país. 
 Novas pautas das migracións interiores: de 1975 á actualidade 

As migracións interiores masivas de carácter laboral finalizan bruscamente a mediados dos anos setenta do século XX, como consecuencia da crise económica que se produciu a causa da alza do prezo do petróleo. Desta maneira, entre 1975 e 1985 debilitáronse os fluxos migratorios interprovinciais. Continúan, con menor intensidade, os movementos de poboación nova desde o medio rural ata as cidades, ao tempo que se inician os movementos de retorno de emigrantes en sentido oposto.  Coa recuperación económica de mediados dos anos oitenta do século pasado, os fluxos reactívanse, aínda que sen alcanzar a intensidade dos tempos do éxodo rural nin os niveis doutros países europeos. Destaca un modelo migratorio novo, en que as migracións interprovinciais (económicas e motivadas por cambios de emprego) perden importancia a prol das migracións intraprovinciais, orixinadas por cambios no lugar de residencia, pero non necesariamente de emprego.  Na actualidade, a maior parte dos fluxos migratorios son de curta distancia, e están ligados á expansión urbana. O crecemento das principais cidades desborda os termos municipais e trasládase aos municipios veciños. Ese cinto de municipios próximos ás grandes cidades é o que experimenta un maior crecemento demográfico, debido sobre todo á inmigración de poboación nova. Este proceso é posible a causa da confluencia dun conxunto de factores técnicos (a mellora das infraestruturas de trasporte arredor das cidades), económicas (a carestía do solo e a vivenda incita os mozos a buscar vivendas máis baratas nos arredores das cidades) e culturais e ambientais (moitos mozos buscan novos estilos de vida máis ligados á natureza, fuxindo da deterioración do medio ambiente das áreas urbanas).   


A inmigración 

 A partir dos últimos decenios do século XX iniciouse unha nova etapa nas migracións. O desenvolvemento económico trasformou España dun país tradicionalmente emigrante a un país receptor de inmigración.   

De país de emigración a país de inmigración: os novos fluxos migratorios  Tras a entrada de España na UE e a superación da crise económica da primeira metade dos anos oitenta do século XX, o país comezou a converterse en destino dos fluxos migratorios internacionais. En 1985, España só contaba cuns 250.000 residentes estranxeiros, o que supoñía un 0,6% da poboación total. A finais da primeira década do século XXI, esta cifra supera xa os 5,2 millóns, representando o 11,3% da súa poboación, inda que esta cifra tende a reducirse nos últimos anos por mor da crise económica desde 2007.  A conxunción dun descenso da emigración e un aumento sen precedentes da inmigración exterior propiciou que o saldo migratorio en España sexa claramente positivo desde os anos oitenta do século pasado ata o ano 2011 momento en que a tendencia, por mor da crise económica, se volve inverter.  Canto á inmigración estranxeira en España podemos distinguir dúas fases en que non só se produciu un cambio substancial no número de estranxeiros presentes no país senón tamén na súa composición.  
  • Durante a primeira fase (nos anos oitenta do século pasado), a maior parte dos estranxeiros residentes en España procedían de occidente, o centro e o norte de Europa. Este continxente respondía basicamente a dúas motivacións: 

    •  Numerosos xubilados europeos elixiron España para retirarse e poder gozar do seu clima e estilo de vida. Estes cidadáns concentráronse na costa mediterránea da Península e nos arquipélagos de Baleares e Canarias, onde seguen representando unha porcentaxe elevada das súas poboacións. 
    • Outro grupo importante foi o dos traballadores das multinacionais europeas que se foron asentando especialmente en Madrid e Barcelona. 
    • Ademais, existía unha colonia crecente de marroquís que comezaron a acudir a España durante esa época na busca de traballo.  
  • Nunha segunda fase, durante a década de 1990 e os primeiros anos do noso século, chegaron ao noso país numerosos cidadáns de Europa do Leste, así como latinoamericanos e asiáticos, á vez que continuaba o fluxo de norteafricanos.  A maior parte dos inmigrantes procede agora de América Latina, norte de África e Europa. Entre os primeiros destacan os ecuatorianos, colombianos, bolivianos e peruanos; entre os segundos predominan os marroquís; e entre os terceiros, os máis numerosos son agora os romaneses, seguidos de británicos, búlgaros, alemáns e italianos. Tamén existe un importante colectivo de chineses.  

Distribución espacial e actividade de poboación inmigrante   Os estranxeiros concéntranse nas áreas máis dinámicas do territorio español, é dicir, onde hai máis oportunidades de emprego. Destacan especialmente Madrid, xunto do litoral mediterráneo e as illas. Non obstante, os inmigrantes chegaron a practicamente todos os recantos do territorio, malia que a maior parte se concentra nas grandes cidades. Tamén existe un importante número de estranxeiros, sobre todo africanos, en áreas rurais con agricultura intensiva. Polo tanto, a súa localización espacial está moi relacionada co tipo de traballo que desempeñan.  En xeral, os inmigrantes ocupan postos de traballo que non eran cubertos pola poboación española, polo que non hai propiamente unha situación de competencia coa poboación autóctona

Efectos da inmigración   Os inmigrantes, co seu traballo, contribuíron de forma decisiva ao crecemento económico de España nos anos anteriores á crise económica. Ademais, a chegada de estranxeiros freou o proceso de envellecemento da poboación, xa que entre eles predominan os adultos novos e as súas taxas de natalidade son superiores ás da poboación española. Este feito é importante desde o punto de vista de mantemento do sistema de pensións e Seguridade Social: coa chegada masiva de inmigrantes prodúcese unha diminución da proporción de poboación dependente e un aumento do número de contribuíntes. Canto á integración social dos inmigrantes, a situación é moi diferente segundo os colectivos, pois algúns poden integrarse moito máis facilmente ca outros en función da súa lingua e a súa cultura.

Tema 6.1: “Movementos naturais da poboación”. a) Natalidade, mortalidade e fecundidade no réxime demográfico actual. b) Desequilibrios territoriais no movemento natural da poboación.

O estudo dos movementos naturais da poboación presta atención aos fenómenos da fecundidade, a natalidade, a mortalidade xeral e a mortalidade infantil, e tamén a esperanza de vida.
Os réximes demográficos diferenzan tres etapas, que se coñecen como réxime demográfico antigo, transición demográfica e réxime demográfico moderno, atendendo á evolución das taxas de natalidade e mortalidade. España atópase actualmente na última destas etapas, que se estende desde finais dos anos 1970 ata os nosos días. 

a) Natalidade, mortalidade e fecundidade no réxime demográfico actual. 

Desde comezos do século XX, a natalidade en España amosou unha tendencia descendente, que se intensificou a finais da década de 1970. Esta propensión á baixa situou a España, ao final do século XX, nun dos índices de fecundidade máis baixos de Europa. O descenso da natalidade fixo que o número de nados se achegase ao número de falecidos, o que se traduciu nun escaso crecemento natural da poboación. Á baixa natalidade houbo que lle sumar unha esperanza de vida cada vez máis prolongada, de xeito que se incrementou a porcentaxe de persoas con idades superiores aos 65 anos. Como consecuencia disto, a poboación española entrou nunha fase de avellentamento progresivo. 

A partir do cambio de século, as estatísticas amosan unha repunta da natalidade, de maneira que no ano 2007 se situaba nun 11 por mil, a cifra máis alta rexistrada desde 1979. Este cambio de tendencia foi debido á chegada á idade fértil das mulleres nadas nos anos de forte crecemento demográfico, así como á chegada masiva de inmigrantes estranxeiros novos, atraídos polo crecemento da economía española. 

Debido á crise económica diminuirá o número de inmigrantes, ao que hai que sumar a entrada de xeracións con menor número de mulleres nas idades máis fecundas. En consecuencia, hai unha redución das taxas de natalidade xeral. 

As previsións do Instituto Nacional de Estatística indican que a poboación española podería chegar a un crecemento vexetativo que estará nuns niveis moi baixos a finais desta década, e coa probabilidade de seguir diminuíndo, polo que a diferenza entre o número de nacementos e o de defuncións tenderá a se igualar. 

Ao longo do século XX, a mortalidade en España caeu debido ao importante descenso da mortalidade infantil e ao aumento da esperanza de vida. En 1900, a taxa de mortalidade era do 28,3‰, mentres que na década de 1980 chegou a ser do 7,4 ‰. No entanto, a partir de 1985 rexistrouse un lixeiro aumento, debido ao progresivo avellentamento da poboación. 

En 2007, a taxa de mortalidade era do 8,6‰. A primeira causa de falecemento foron as enfermidades cardiovasculares, cunha maior incidencia na poboación masculina, a partir dos 45 anos.Entre os 15 e os 44 anos, o maior número de defuncións ocasiónanos os accidentes de tráfico e a SIDA. A poboación masculina é tamén a máis afectada. A incidencia destas causas de falecemento segue unha tendencia decrecente.

A taxa de mortalidade infantil en España é moi baixa: 3,5 por cada mil nados vivos en 2007, de maneira que se sitúa ao nivel dos países máis avanzados do mundo. 

Ata hai pouco, o número de matrimonios por cada 1000 habitantes era un dato significativo porque gardaba relación directa coa natalidade, pero actualmente resulta un dato pouco fiable, dado o aumento de parellas de feito e de familias monoparentais.

A taxa media de fillos por muller, que no ano 2007 foi de 1,4, prevese que se sitúe no 1,5, pero aínda que as mulleres teñan máis fillos, a poboación non medrará porque haberá menos mulleres en idade de procrear. O que non semella que vaia cambiar é a idade media de maternidade, estabilizada, en 2007, ao redor dos 31 anos. Este atraso na maternidade, que antes se situaba nos 25 anos de media, débese, entre outras causas, á dificultade que representa ter fillos sen contar antes cunha situación laboral sólida.Para que unha poboación se manteña estable, é necesario que unha xeración sexa relevada pola seguinte. Esta substitución acádase cunha media de 2,1 fillos por muller. Nos últimos anos, a inmigración modificou a tendencia á baixa da natalidade, pero isto non garante o reemprazo xeracional. 

b) Desequilibrios territoriais no movemento natural da poboación. 

Actualmente, todas as comunidades autónomas posúen baixas taxas de natalidade, de mortalidade e de crecemento natural. Non obstante, existen certos contrastes debidos á diferente estrutura por idades, é dicir, ao grao de xuventude ou envellecemento da poboación. Esta estrutura depende á súa vez de causas herdadas e actuais: 
  • As causas herdadas son o distinto comportamento tradicional da natalidade e as diferenzas de desenvolvemento económico, causantes das migracións. Estas aféctanlle principalmente á poboación nova e provocan o envellecemento das rexións emigratorias (onde descende a natalidade e aumenta a mortalidade) e o rexuvenecemento das inmigratorias. En España, as migracións tiveron lugar entre 1950 e 1975, desde as rexións agrarias do interior ás urbano-industriais. A crise de 1975 detivo estas migracións e afundiu a natalidade nas rexións máis afectadas. 
  • As causas actuais son os novos factores de desenvolvemento económico a partir da crise e a inmigración estranxeira, que desde 1995 achega poboación nova e elevación da natalidade.
     
  • a) As comunidades autónomas con maior dinamismo demográfico contan, respecto á media española, con taxas de natalidade máis elevadas, taxas de mortalidade máis baixas e crecemento natural máis alto.
    En xeral, presentan unha estrutura demográfica relativamente máis nova, causada por un comportamento tradicional máis natalista (Andalucía, Murcia e as cidades de Ceuta e Melilla), por ser foco de inmigración interna en épocas pasadas (Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Baleares) ou por recibir unha forte inmigración estranxeira desde a década de 1990 (todas elas).
    As excepcións neste grupo son Canarias, onde a favorable estrutura por idades compensa a baixa natalidade, e Navarra, onde a desfavorable estrutura por idades se compensa cunha natalidade relativamente máis alta.
     
  • b) As comunidades autónomas en declive demográfico teñen, respecto á media española, taxas de natalidade máis baixas, taxas de mortalidade máis altas e crecemento natural máis baixo, negativo en moitos casos.Presentan unha estrutura demográfica fortemente envellecida, por sufrir unha intensa emigración en épocas pasadas (Galicia e as comunidades do interior peninsular); pola prolongada incidencia da crise industrial de 1975 (rexións de antiga tradición industrial da cornixa cantábrica), e por contar na actualidade con menor inmigración estranxeira. 

Tema 7.2 "Transformacións recentes na estrutura agropecuaria española"

Transformacións recentes na estrutura agropecuaria española: a) A poboación rural, b) As explotacións agrarias, c) Técnicas e sistemas agrarios, d) Estrutura gandeira e e) Política Agrícola Común.

O espazo rural é o territorio non urbanizado da superficie terrestre. Tradicionalmente foi, case en exclusiva, un espazo agrario onde se desenvolvían as actividades agrícolas, gandeiras e forestais. Non obstante, desde a década de 1970, introducíronse outras actividades, como as residenciais, industriais, de servizos, recreativas e paisaxísticoconservacionistas. Como consecuencia, o espazo rural volveuse máis heteroxéneo e complexo. 
  • a) A poboación rural 
A poboación ocupada nas actividades agrarias é escasa, existen diferenzas territoriais entre as baixas cifras de poboación agraria de Madrid e do País Vasco, en torno ao 1%, e os valores máis altos de Estremadura, Murcia e Galicia, superiores ao 8%. Pola súa banda, o envellecemento rural é máis acusado nas comunidades do interior peninsular. 

A causa principal foi o éxodo rural, entre 1960 e 1975. Despois, a crise económica desacelerou o éxodo rural e incrementou a actividade agraria a tempo parcial. As tendencias demográficas que se apuntan desde a década de 1990 son dobres: 
  1. - Unha continuación do descenso demográfico e do envellecemento nas áreas rurais máis desfavorecidas ( crecemento natural negativo, a emigración, a xubilación ). 
  2. - Certa recuperación e rexuvenecemento das áreas rurais máis dinámicas. Está relacionada co asentamento de inmigrantes, novas actividades en zonas rurais periurbanas e turísticas e coas subvencións europeas. 
  • b) As explotacións agrarias 
O descenso do seu número débese ao abandono de terras e a un proceso de concentración, por venda ou arrendamento. Esa concentración permitiu a elevación do tamaño medio das explotacións. O resultado é unha dualidade cada vez maior entre: 
  1. - Explotacións familiares moi pequenas e pouco rendibles.
  2. - Empresas agrarias, ben de particulares ben de sociedades ou cooperativas, que teñen maior dimensión, estanse modernizando e son rendibles. 
O réxime de tenza establece a relación entre propiedade e explotación ou uso da terra. Pode distinguirse entre tenza directa (explotación traballada polos seus propietarios), arrendamento (se explotan terras alleas a cambio dunha renda anual) e parzaría (se explotan terras a cambio dunha porcentaxe da colleita). Na actualidade, un 70% das terras cultivadas mantéñense en tenza directa e tende a desaparecer o sistema de parzaría (só un 2% do total). 
  • c) Técnicas e sistemas agrarios 
As técnicas e os sistemas agrarios experimentaron cambios desde a década de 1960. As transformacións técnicas consistiron na incorporación de avances como a mecanización de tarefas, a selección xenética das sementes e razas gandeiras, ou o uso de fertilizantes químicos e produtos fitosanitarios. As transformacións nos sistemas agrarios supuxeron unha crecente intensificación da produción e un paralelo aumento do rendemento. A agricultura española actual coñeceu un intenso proceso de modernización, o que permitiu elevar a súa eficiencia. As transformacións máis importantes son: 
  1. - Unha crecente especialización do territorio nos cultivos para os que teñen meiores condicións competitivas, abandonando o resto. A substitución do policultivo polo monocultivo. 
  2. - Maior investimento de capital para incorporar maquinaria (tractores, colleitadoras, motores para rega, etc.), produtos químicos (fertilizantes, herbicidas, praguicidas, etc.) ou sementes seleccionadas e transxénicas, manipuladas xeneticamente. 
  3. - Forte incremento da superficie en regadío, tamén provoca a sobreexplotación de certos acuíferos e crecentes conflitos pola auga. 
  4. - Incorporación de novas técnicas de cultivo, como o enarenado ou cultivo baixo plástico. 
  • d) Estrutura gandeira
 Nos últimos anos, coñeceu un notable desenvolvemento en España, e hoxe en día representa un 40% da produción final agraria. Grazas ao: 
  1. - Aumento da súa importancia económica ante o crecente consumo dos seus produtos.
  2. - Unha modernización das explotacións. 
  3. - Unha evolución das especies en función da súa rendibilidade. 
  4. - Menor dependencia das condicións naturais, ao aumentar a importancia da gandaría estabulada. 
A gandaría destínase hoxe principalmente á alimentación da poboación, o que va unido ao forte aumento do consumo de carne, leite e ovos. Iso supuxo, a miúdo, a substitución das razas autóctonas por outras de maior produción e por conseguinte, maior rendibilidade. 
  • e) Política Agraria Común (PAC) 
As áreas rurais españolas cunha importante presenza de actividades agrarias enfróntanse desde hai décadas a importantes problemas: 
  1. - Escasa competitividade dunha parte dos produtos, que só poden ser rendibles para o agricultor grazas ás políticas de subvención e ao establecemento de prezos protexidos. 
  2. - Progresivo despoboamento e envellecemento das áreas rurais españolas. 
  3. - Redución dos empregos agrarios debido aos procesos de mecanización e o abandono de terras pouco produtivas. 
  4. - Ingresos medios inferiores aos que obteñen os que traballan na industria ou nos servizos. 
  5. - Crecentes impactos ambientais ao aumentar a demanda de o uso, ás veces excesivo, de agroquímicos que contaminan solos e acuíferos. 
Desde a entrada na Unión Europea, a maioría das accións dirixidas á promoción do sector agrario español proveñen da Política Agraria Común (PAC) cunha serie de accións: 
  1. - Establecemento de prezos de garantía para determinados produtos. 
  2. - Esixencia de redución de superficie, ou cotas máximas de produción. 
  3. - Apoio á forestación de terras agrícolas e á agricultura e gandería ecolóxicas. 
  4. -Axudas para a modernización das explotacións e a incorporación de mozos agricultores. 
  5. - Apoio á diversificación económica do mundo rural. 
  6. - Axudas especiais para áreas de montaña e zonas desfavorecidas. 
Pese a ser a clave que permite manter hoxe activas boa parte das explotacións agrarias, a PAC enfróntase a certas críticas: 
  1. - Absorbe parte importante do orzamento total comunitario, o que non corresponde ao peso relativo do sector. 
  2. - Supón un proteccionismo do seu mercado interior, que frea as posibilidades de que países do Terceiro Mundo exporten a el os seus produtos, moitas veces máis baratos.
  3.  - Como as axudas se vinculan ao tamaño da explotación, favorece unha partición moi desigual: só un 20% das exportacións repartiu o 80% das axudas.

Tema 7.1 .- Os usos do solo e a súa distribución: tipos e factores explicativos

“Os usos do solo e a súa distribución: tipos e factores explicativos”. - Tipos: terras labradas, prados e pastos, áreas forestais, restantes usos do solo. - Factores: condicións naturais (dominios atlántico, mediterráneo e subtropical e áreas montañosas e chairas) e estrutura da propiedade

Ata o século XIX, todos os países mantiñan un predominio do sector primario (o que inclúe as actividades agrarias e outras ligadas á extracción de recursos naturais, como a pesca e a explotación forestal), e boa parte da súa poboación activa dedicábase a obter alimentos e outros bens de primeira necesidade. Só entón, algúns países iniciaron un proceso de industrialización, que fixo que o sector secundario se convertese no máis importante dentro do seu territorio. 

Nas últimas décadas, os países desenvolvidos mantiveron a redución progresiva do sector primario, e agora tamén do secundario fronte ao rápido crecemento do sector terciario ou de servizos. Na actualidade o sector primario só dá emprego ao 4,5% dos ocupados en España, e xera unha proporción algo inferior (4%) do PIB; moi por debaixo do secundario (29% dos ocupados) e, sobre todo, do terciario (66%). 

De todos os xeitos, a produción final agraria é hoxe un 30% superior á de hai un cuarto de século grazas ao seu maior grao de tecnificación que permite aumentar a produtividade do traballo e, pese á perda de importancia dentro da economía española e a dos restantes países desenvolvidos, as actividades do sector primario aínda manteñen un gran valor estratéxico (autonomía alimentaria, achega de materias primas, manter poboación e emprego en áreas rurais, preservar o medio ambiente...). Por todos estes motivos, a Unión Europea mantén desde hai décadas unha Política Agraria Común (PAC), que busca a supervivencia desta actividade influíndo decisivamente sobre o sector agrario español. 

Tipos de usos do solo 

Os máis de cincuenta millóns de hectáreas do territorio español destínanse a diferentes usos, o que xera diversos tipos de paisaxes. A grandes trazos, identifícase catro grandes tipos de usos de solo: 
  • As terras labradas, ocupadas por diferentes cultivos, comprenden algo máis de 16 millóns de hectáreas (34% da superficie total). Esténdese, sobre todo, polas grandes cuncas e vales interiores, de relevo predominantemente chan ou ondulado (vales do Ebro, Douro, Texo, Guadiana, Guadalquivir), algunhas depresións interiores (Bierzo leonés, Baza e Guadix en Granada, Antequera en Málaga etc.) e o litoral mediterráneo. Son, en cambio, escasas tanto nas rexións do norte peninsular coma nas áreas de montaña e o arquipélago canario. Neste último, as condicións climáticas, topográficas ou a escasa fertilidade do solo dificultaron sempre a súa posta en cultivo, ou ben produciuse o seu abandono recente debido aos seus escasos rendementos ou á competencia doutros usos. 
  • Os prados e pastos ocupan uns 8 millóns de hectáreas (17% da superficie total). Están destinados á produción de herba para alimento do gando, e ocupan as áreas máis húmidas, topograficamente accidentadas ou con solos de pouca calidade para o cultivo. Pódense distinguir tres tipos de situacións: · As pradarías permanentes constitúen o uso máis característico do solo nas rexións de clima oceánico próximas ao litoral cantábrico, desde Galicia ao País Vasco, e están asociadas a unha importante gandaría bovina. · No oeste da Península Ibérica predominan os pastos estacionais, verdes nos períodos chuviosos, pero que secan no verán; isto permitiu manter unha gandaría máis diversificada (bovina, ovina e porcina) e de carácter extensivo. · Nos cumes das principais cordilleiras, onde desaparece o bosque polas baixas temperaturas e a pobreza dos solos, aparecen os pastos de altura, utilizados tradicionalmente por unha gandaría trashumante -principalmente ovina- que se traslada a eles no verán desde as terras máis baixas e cálidas. 
  • As áreas forestais, que se corresponden con bosques de especies caducifolias ou perennifolias, ocupan 15 millóns de hectáreas (32% da superficie total). A súa densidade é maior nas rexións máis húmidas, así como nas principais cadeas montañosas da Península e os arquipélagos, e son tamén as áreas menos transformadas pola acción humana. Permiten a explotación da madeira e doutros produtos complementarios (cortiza, froitos etc.), así como a súa utilización para a caza.
  • Os restantes usos do solo suman outros 8,4 millóns de hectáreas (que constitúe o 17% da superficie total). Nesta sección inclúense desde os terreos ermos improdutivos ata as áreas urbanizadas, as ocupadas por infraestruturas (como son aeroportos, portos, estradas ou ferrocarrís) e os espazos hídricos de auga doce e non mariños (lagos, ríos e encoros). 
Factores explicativos da distribución de usos do solo 

A distribución dos usos do solo en España vén determinada por varios factores: 

  • a) As condicións naturais: en España distínguense tres dominios: 
    1. · O dominio atlántico, de clima húmido, que conta coa presenza de prados e bosques. Esténdese polo norte e oeste peninsular, degradándose cara ao interior. 
    2. · O dominio mediterráneo, localizado no resto da Península e as illas Baleares. Caracterízase pola existencia dunha estación seca no verán, e mostra un predominio das terras labradas. 
    3. · O dominio subtropical, nas illas Canarias, que ten na aridez o principal factor limitante para os cultivos e o bosque, agás nas zonas que están expostas aos ventos alisios.
Outra división é a existente entre áreas montañosas e chairas. Nas primeiras, as condicións especiais de elevada altitude e pendente, solos pouco profundos e descenso térmico favorecen un uso do solo para pastos e bosques. En cambio, nas chairas a ocupación humana foi historicamente máis intensa, polo que predominan as terras cultivadas. Exceptúanse as penechairas occidentais, onde os solos son de pouca calidade, o que explica o seu uso para pastos e non para cultivos. 
  • b) A evolución histórica e a estrutura da propiedade
Na economía de subsistencia, cultivos, pastos e bosque complementábanse, poñéndose en uso a maior superficie de terra posible para asegurar a alimentación da poboación. O desenvolvemento da economía de mercado, desde hai máis dun século, conduciu ao abandono das terras de cultivo pouco rendibles e a súa substitución por pastos destinados a alimentar o cada vez máis demandado gando; tamén produciu a destrución de certos bosques compensada coa repoboación doutros, o que ocasionou cambios no mapa de usos do solo. 

Nos territorios dominados pola gran propiedade, eran habituais os usos extensivos con poucos rendementos por hectárea, e con investimentos de traballo e capital escasos, que os fan rendibles; hoxe en día moitas convertéronse en empresas capitalistas de alto rendemento. A pequena propiedade asóciase a usos máis intensivos do solo para poder subsistir con pouca terra, pero con maiores rendementos; algunhas pequenas explotacións hortofrutícolas ou baixo plástico xeran grandes ingresos.

martes, 21 de marzo de 2017

Definiciones control 28/3

Parroquia: División administrativa menor que un municipio, de límites asumidos e coñecidos polos moradores; pero non recoñecidos xurídicamente e integrada por varias aldeas (propias de Galicia e Asturias)

Municipio: Unidade territorial administrativa básica en que se divide oficialmente o territorio español, rexida por un concello elexido democráticamente.

Provincia: entidade local con personalidade xurídica propia, determinada pola agrupación de municipios y división territorial para o cumprimiento das actividades do Estado, gobernadas polas Diputacións.

Comunidade autónoma: unidade territorial inscrita no ámbito maior e soberano do Estado, que goza dun certo grao de autogoberno

Estatuto de Autonomía: norma institucional básica dunha Comunidad Autónoma, no que se recolle a denominación da Comunidade, a delimitación territorial, as súas institucións, etc.

Comisión europea: institución que representa e defende os intereses da Unión Europea no seu conxunto, propón a lexislación, políticas e programas de acción e é responsable de aplicar as decisións do Parlamento Europeo e do Consello da Unión Europea. Formada por 27 comisario, un por cada país membro, o presidente actual é Jean Claude Juncker

Xeopolítica: é a ciencia que, a través da xeografía política, a xeografía descritiva e a historia, estuda a causalidade espacial dos sucesos políticos e os seus futuros efectos

Obxectivos dDesenvolvemento Sustentable: Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) son un grupo de obxectivos relativos ó desenvolvemento internacional futuro. Foron creados polas Nacións Unidas e substituíron ós Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que caducaron na fin de 2015. Os ODS abarcan de 2015 a 2030. Hai 17 obxectivos e 169 metas específicas para estes obxectivos: entre eles, eliminar a fame e a pobreza e garantir a saude, a educación e a igualdade.

Movementos antiglobalización: Corrente de protesta mundial que aglutina grupos de diversos países e ideoloxías que teñen en común o seu rexeitamento do capitalismo neoliberal e o excesivo poder de entidades supranacionais sobre os estados.
  
Poboación activa: Aquel sector da poboación que se atopa en idade apta para traballar (16  a 65 anos). Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro, poboación activa desocupada ou desempregada.