miércoles, 22 de marzo de 2017

Tema 10: Transformacións recentes na estructura das cidades. a) Cidade difusa. b) Os cambios no centro urbano (degradación vs rehabilitación). c) Cambios de uso no solo urbano.


A maior parte das cidades españolas posúen elementos de época distintas: o centro histórico, cos seus monumentos e rúas estreitas e tortuosas; os ensanches, de trazado regular; os arrabaldes, de crecemento desordenado; os desenvolvementos urbanos densos, en edificación aberta; e as novas periferias, cada vez máis dispersas e fragmentadas. As cidades transfórmanse: crecendo cara ao exterior coa creación de novos espazos residenciais e áreas de actividade económica, e por procesos de reestruturación no seu interior. Aparecen centros comerciais, parques empresariais ou urbanizacións que se constrúen nas aforas. Prodúcese un proceso de fragmentación do espazo urbano con pezas conectadas entre sí por autovías e estradas. 

a) Cidade difusa O modelo de cidade mediterránea, compacta, foise substituíndo polo tipo de cidade difusa de modelo anglosaxón. 

A cidade difusa ou dispersa esténdese horizontalmente e está separada en áreas especializadas e monofuncionais: zonas residenciais (diferenciadas por prezos e por grupos sociais), áreas comerciais, zonas de lecer, centros de ensino, universidades, barrios administrativos e de oficinas... Ademais diminúe: o contacto humano, os intercambios e a sociabilidade. É unha tipoloxía urbana caracterizada pola mestura de usos e de funcións e pola tendencia a ocupar un territorio moi extenso. A aceleración na ocupación do espazo implicou maior mobilidade individual: as viaxes pendulares cotiás (por motivos de traballo, estudo ou lecer) aumentaron en número e distancia . 

b) Os cambios no centro urbano (degradación vs rehabilitación) 

A partir da segunda metade do século XX, os centros históricos de moitas cidades españolas comezaron a sufrir unha progresiva deterioración e abandono. A maior parte dos que permaneceron eran anciáns con baixos niveis de renda, polo que o centro experimentou un proceso de envellecemento e empobrecemento. Todo isto reflectiuse nunha deterioración urbana, xa que moitas vivendas quedaron baleiras, e noutras non se realizaron as obras necesarias de mantemento e renovación. Ao mesmo tempo, a actividade económica tamén se foi desprazando cara aos ensanches. O centro histórico só foi capaz de reter algúns centros administrativos e eclesiásticos instalados en edificios monumentais, así como os comercios tradicionais. Ao longo das últimas décadas, as tendencias anteriores víronse, en parte, compensadas por procesos de revitalización destas zonas debido a:
  • Políticas públicas de conservación e revitalización. As administracións públicas investiron na rehabilitación dos edificios e a mellora dos espazos públicos. Ademais, deron un novo uso a vellos monumentos, converténdoos, por exemplo, en edificios administrativos ou universitarios, e dinamizando así a vida dos centros históricos. 
  •  Desenvolvemento do turismo cultural. Que potenciou a rehabilitación dos centros históricos españois, mediante a restauración de edificios e a peonalización de rúas e prazas. No interior dalgunhas cidades realizáronse importantes operacións urbanísticas, consistentes, por exemplo, en reconverter ás vellas áreas industriais en novos espazos de ocio. 
  • Cambio de actitude da poboación local. Comeza a verse como unha área de oportunidades económicas e un lugar agradable para vivir. Así, os centros dalgunhas cidades están atraendo poboación nova e de maior nivel de renda, o que contribúe a conservar os edificios residenciais .
Subsisten problemas especialmente nalgúns barrios, onde ao envellecemento da poboación e o baixo nivel de renda, se unen a marxinación social e a conformación de áreas cunha forte concentración de inmigrantes, o que dificulta a súa integración no conxunto da sociedade.

c) Cambios no uso do solo urbano

 Os usos do solo son as diferentes utilizacións do espazo urbano: comercial e de negocios, residencial, industrial, de equipamento, etc. Na cidade preindustrial (dende a súa orixe ata mediados do século XIX) o casco antigo era a parte da cidade urbanizada. Ocupaba unha pequena superficie da cidade actual, pero ten un gran valor polo legado cultural que contén. Nesta época os usos do solo eran moi diversos (multifuncionalidade).

 A cidade preindustrial sufriu notables modificacións como resultado do proceso de industrialización, que tivo lugar entre mediados do século XIX e a década de 1960. O casco antigo experimentou unha progresiva terciarización e consolidouse como centro comercial e de negocios na cidade. O resultado foi o desprazamento dos usos residenciais e a deterioración dos edificios pola contaminación e o tráfico. As cidades que nesta época implantaron industrias modernas atraeron unha numerosa poboación campesiña e estendéronse creando ensanches para os burgueses, barrios industriais e obreiros, e barrios axardinados. Producíuse unha división entre unha área residencial cara para a burguesía e as zonas industriais e os barrios marxinais –con escasos servizos e equipamentos- para o proletariado que creceron arredor do ensanche, ao longo das estradas e camiños que partían da cidade ou xunto ás industrias e ás estacións ferroviarias. 

Os barrios-xardín debidos ás ideas naturalistas. Tratábase de vivendas destinadas ás clases medias e baixas, se ben co tempo tamén as clases altas demandaron este tipo de espazos. Co posterior crecemento da cidade, estes espazos quedaron situados en zonas relativamente céntricas, o que favoreceu a súa revalorización e o seu cambio de uso por exemplo, gardarías ou clínicas privadas. 

Na década de 1960, as principais cidades españolas iniciaron un enorme crecemento debido ao incremento natural da poboación e a inmigración e o progresivo desenvolvemento dos servizos. As cidades ampliaron a área edificada e crearon extensas periferias. Estas áreas urbanas chegaron a unirse ás veces cos municipio veciños, constituíndo aglomeracións urbanas. 

Na actualidade (época postindustrial) algunhas zonas industriais e barrios obreiros quedaron nunha posición céntrica, o que revalorizou o solo que ocupan, dando lugar ao baleirado industrial e aparición de usos terciarios ou residenciais. Pola contra, os espazos menos accesibles e desorganizados mantéñense como espazos marxinais. 

 Nos últimos anos, as grandes cidades teñen un ritmo de crecemento menor, pero continúan estendéndose no espazo, debido á difusión de parte da súa poboación e da súa actividade económica cara a periferias cada vez máis afastadas. Estas periferias estrutúranse en diferentes áreas: barrios residenciais, áreas industriais e áreas de equipamento:
  • Os barrios residenciais da periferia responden a diversas tipoloxías e presentan bastante homoxeneidade social derivada do prezo do solo e da distancia ao centro: barrios marxinais , de vivendas de promoción oficial , polígonos de vivenda de promoción privada, barrios de quinteiro pechado, áreas de vivenda unifamiliar. 
  • As áreas industriais localízanse xunto ás principais vías de acceso á cidade, buscando a proximidade urbana e solo abundante a prezo alcanzable. Tamén inclúen espazos industriais novos, como parques empresarias e tecnolóxicos, en áreas de gran calidade ambiental; ou polígonos de naves acaroadas destinados a empresas con menos recursos. 

  • As áreas de equipamento son froito da actual descentralización das actividades económicas cara á periferia urbana: grandes superficies comerciais, centros escolares, sanitarios e administrativos e outros servizos

No hay comentarios:

Publicar un comentario