jueves, 16 de marzo de 2017

Exercicio transporte 1





 2.- Atendendo ao documento conteste as seguintes cuestións (puntuación máxima de 4 puntos): 

a) Indique o nome das catro illas cos aeroportos de maior número de pasaxeiros (1 punto). Mallorca, Tenerife, Gran Canaria e Lanzarote.
 
 b) Identifique o tipo de documento e expoña brevemente as características do transporte aéreo (1 punto). O documento recolle un mapa temático de España de base provincial que representa duas variables: unha, cuantitativa, amosa o tráfico de pasaxeiros nos aeroportos comerciais españois no ano 2008 utilizando unha barra na que a lonxitude é proporcional ao número de pasaxeiros e a súa base está situada na provincia onde se atopa o aeroporto. Outra, cualitativa, sinala mediante a cor amarelo as provincias con aeroporto. No extremo superior de cada barra aparece o dato cuantitativo en miles, e os aeroportos cun tráfico menor a 250.000 pasaxeiros aparecen representados cun punto na súa localización provincial. A fonte é o Ministerio de Fomento.
O transporte aéreo destínase principalmente ó traslado de pasaxeiros a longas distancias. As mercadorías transportadas por este medio se restrinxen ás máis urxentes (medicinas), ás de gran valor (material informático), ás de rápida caducidade (correo, alimentos) e ás de escaso volume.
As súas principais vantaxes son ser un medio rápido, seguro e cómodo. Nas últimas décadas experimentou un rápido desenvolvemento debido ao crecemento da renda, os cambios na organización espacial da economía, o aumento da demanda turística, profesional e de negocios e o abaratamento dos prezos polo xurdimento de compañías de baixo custo.
O transporte aéreo tamén presenta problemas como:
- a súa capacidade é limitada polo que resulta un medio caro.
- produce unha alta contaminación atmosférica ao utilizar queroseno como combustible.
- a contaminación acústica polos ruídos e vibracións provocados polo despegue e aterraxe dos avións obriga a que os novos aeroportos se constrúan fóra das áreas urbanas, necesitando así vías de comunicación entre as cidades e os aeroportos.
- Un inconveniente engadido nos últimos anos foron os rigorosos controis de seguridade para previr atentados terroristas, que fan aumentar o tempo de espera nos aeroportos.
Na última década, as compañías tradicionais entraron en proceso de declive ao proliferar compañías de baixo custe (low cost) e os Gobernos impulsaron medidas para liberalizar as compañías que eran propiedade do Estado, que acabaron privatizándose ou fusionándose para ser máis competitivas.  

c) Explique as causas dos distintos valores entre provincias (1 punto). No mapa podemos observar que os aeroportos con maior tráfico de pasaxeiros se concentran no litoral mediterráneo e nas illas. A única excepción é o aeroporto “Adolfo Suárez” de Madrid. Esto débese a que o transporte aéreo é un piar básico da economía española porque está relacionado directamente co turismo, que é unha das maiores fontes de riqueza do país.
No mapa podemos ver que os principias aeroportos españois son os de Madrid, Barcelona e Palma de Mallorca. O de Madrid é o máis importante xa que pola estrutura xerárquica da rede aeroportuaria española funciona como hub ou aeroporto central, que ten conexións directas con case todos os aeroportos españois e cos principias do estranxeiro. Os aeroportos periféricos teñen que realizar os seus enlaces a través de Madrid aínda que tamén destaca o aeroporto do Prat de Barcelona, que aspira a un papel de hub.
Despois de Madrid e Barcelona, salientan aqueles aeroportos que serven a importantes zonas turísticas tradicionais como os do arquipélago canario: Tenerife, As Palmas, Lanzarote e Forteventura; os do arquipélago balear: Palma, Eivissa e Menorca e no litoral mediterráneo os de Málaga e Alacant.
 
d) Expoña as consecuencias do elevado número de aeroportos (1 punto). Un aspecto que podemos observar no mapa é a existencia en España de numerosos aeroportos xa que ata ben pouco se seguiu a política de que todas as cidades de certo tamaño contasen cun (modelo de aeroporto-cidade).
A práctica totalidade dos aeroportos españois son propiedade de “AENA Aeroportos”. Cando foi posible a construción de novos aeroportos por parte de xestores independentes, o xestor público contaba xa con aeroportos nas zonas con maior tráfico aéreo. Nos últimos anos construíronse varios aeroportos en distintas provincias se ben todos eles teñen tráficos moi reducidos (impacto da crise económica) e non son rendibles xa que un aeroporto necesita boa accesibilidade e unha importante loxística que comprende grandes instalacións e servizos adecuados para desempeñar a súa función e se non teñen un número mínimo de viaxeiros deixan de ser atractivos para moitas actividades económicas como servizos de restauración, oficinas bancarias, comercios, axencias de aluger de vehículos ou transportes urbanos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario