viernes, 11 de noviembre de 2016

Mapa tiempo PAU 2013

2.‐ Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):

a) Localice as provincias numeradas do 1 ao 4 (Figura 2), indicando cales están en alta e cales están en baixa presión (1 punto).

Provincias:    1: Sta. Cruz de Tenerife: alta presión   2: Cidade  Real: alta presión   3: Navarra: baixa presión   4: Teruel: baixa presión
 
b) Comente o documento (Figura 1) seguindo as seguintes cuestións: 

Identifique o tipo de documento, as figuras isobáricas, frontes e a localización -a grandes trazos- destes (1 punto).

Estamos diante dun mapa meteorolóxico de superficie, no que se expresa a presión atmosférica en isóbaras e se localizan diferentes centros de presión, así como outras figuras isobáricas (frontes cálidas, frías e ocluídas). Distinguimos no mapa dous centros de altas presións, un sobre o continente africano e outro sobre o Océano Atlántico, ao Oeste das illas Azores -con 1024 mb de presión no seu centro-; e dous centros de baixas presións ubicados no Atlántico Norte, ao Noroeste de Irlanda -con 956 e 960 mb de presión no seu centro, respectivamente-. Asociados aos centros de baixa presión temos unha cadea ou familia de frontes, con alternancia de frontes cálidas, frías e ocluídas. Sobre o Mediterráneo constátase a presenza dunha fronte fría procedente do Oeste, que xa varreu a Península Ibérica, e que atrapou a fronte cálida para constituír unha ocluída sobre o continente europeo e as Illas Británicas -fronte ocluída asociada ao centro de baixas presións máis profundo, o de 956 mb no seu centro-. A punto de chegar á Península Ibérica, a continuación da fronte fría que vimos de citar, e procedente do Oeste, temos unha fronte cálida que está a punto de atravesar o litoral portugués; máis ao Oeste, sobre o Atlántico, outra fronte fría que xa se converte en ocluída no ollo da depresión de 960 mb, enlazada con outra fronte cálida procedente do Sur e outra fronte fría do Noroeste que se localizan no centro do Atlántico. 
 
Masas de aire e ventos dominantes nas distintas áreas de España (1 punto).

Nesta situación conflúen dúas masas de aire de características contrastadas (a masa de aire polar marítimo, procedente da depresión de Islandia -habitualmente fría e húmida- e a masa de aire tropical marítimo -orixinada nos anticiclóns subtropicais -cálida e húmida-) e á penetración de aire frío procedente do Norte, coado mediante unha profunda valgada asociada aos centros de baixas presións. Produciranse ventos intensos do Oeste debido ao forte gradiente de presión.
 
Situación meteorolóxica e tipos de tempo que cabe esperar nas comunidades de Galicia e de Canarias, significando as diferenzas de temperatura, humidade e precipitación (1 punto).

Con este mapa de isóbaras, cabe esperar un tipo de tempo estable, con temperaturas suaves tendendo a cálidas, e ausencia de nubes, nas illas Canarias, sometidas á influencia do anticiclón das Azores. O grao de humidade, sendo relativamente elevado polo carácter insular das illas, será menor que en Galicia -debido á influencia estabilizadora das altas presións-. Por contra, Galicia, sometida a ventos do Oeste-Suroeste, con baixas presións e forte gradiente de presión debido á proximidade das isóbaras, terá un tempo inestable e húmido, con ceos cubertos e maiores precipitacións na costa occidental e nas superficies montañosas a barlovento. As temperaturas son suaves relacionadas coa fronte cálida que está a chegar. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario