2.- Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Na figura 1, localice e nomee as cinco provincias limítrofes con Portugal nas que apareza a sobreira (1 punto).
De Norte a Sur: Zamora, Salamanca, Cáceres, Badajoz e Huelva.
b) Comente os documentos atendendo ás seguintes cuestións:
Identifique as figuras 1 e 2 e especifique as características das rexións bioxeográficas ás que pertencen (1 punto).
Son dous mapas de España coa división provincial e corocromáticos que representan a extensión superficial de dúas especies vexetais, sobreira e faia. Os dous mapas teñen a escala sinalada (numérica no da esquerda e gráfica no da dereita) e a fonte (Atlas Nacional de España). Trátase de dous mapas temáticos cualitativos (definen cualidades non relacionadas con cantidades) que é o tipo de mapa máis utilizado en xeografía física. A escala de medida é nominal.
Aparece no mapa a superficie de faias e sobreiras en dúas rexións: a faia esténdese pola rexión eurosiberiana (tamén atlántica) no bosque temperado oceánico caducifolio, e tamén na cordilleira pirenaica ata unha altura de máis de mil metros (a rexión boreoalpina comezaría a partir dos 1.200-1.300 m); a sobreira sitúase na rexión mediterránea caracterizada polo bosque perennifolio e a matogueira.
Determine os factores que condicionan a existencia desta vexetación en cada caso (1 punto).
Hai tres factores básicos que son as precipitacións, os solos e a altitude, coa súa influencia sobre a temperatura.
A sobreira (Quercus suber) esténdese pola rexión mediterránea, caracterizada desde o punto de vista climático por una estación seca e calorosa (prefire áreas con temperaturas medias superiores aos 18 graos C e climas que superen os 40 graos C de máxima); precisa máis de 500 mm de precipitacións ao ano (o ideal da sobreira está entre 600 e 1.000 mm anuais, inda que se adapta a climas con máis de 400 mm de precipitación anual; de aí a súa extensión en Estremadura e no occidente da Península). Tampouco tolera invernos fríos e prefire solos silíceos como os existentes no Oeste da Península. Sobreira e aciñeira forman o bosque típico mediterráneo, o bosque esclerófilo.
A faia (Fagus sylvatica) pertence á rexión eurosiberiana de bosque caducifolio. Forma un bosque pechado con escaso sotobosque. Tolera mal a calor e ben o frío, polo que medra mellor na cordilleira Cantábrica nas abas orientadas cara ao Norte; adáptase ben a áreas de elevada pendente e altitude entre 300 e 1.700 m. Na rexión atlántica, a faia combínase en bosques mixtos con carballos e coníferas. Necesita grande humidade, de aí a súa extensión no mapa pola cordilleira Cantábrica e os Pireneos. Prefire os solos calcarios pero adáptase aos silíceos. Este factor e tamén visible no mapa.
Relacione a vexetación con aspectos ambientais e económicos (1 punto).
A vexetación clímax constituída por especies autóctonas como a faia e a sobreira de copas anchas e troncos leñosos (que poderían durar séculos e acadar alturas notables, de ata 20 m) está en retroceso por mor da acción antrópica; reduciuse á superficie a causa da sobreexplotación agrícola (roturación, sobrepastoreo…) e da substitución por outras especies de maior rendibilidade económica e máis rápido crecemento. Estes bosques foron moi transformados pola actividade humana agraria no pasado, e urbana e industrial na actualidade.
A degradación do sobreiral dá lugar á formación de matogueiras como maquias e estepas. O faial consérvase en moitos lugares case como bosque relicto, que precisa protección ambiental para a súa conservación (ex.: bosque de Muniellos, en Asturias).
Tradicionalmente, as dúas especies tiveron un importante aproveitamento económico. A madeira dura e densa da sobreira foi utilizada para a fabricación de toneis e barcos. Os froitos da sobreira son moi apreciados pola súa landra para a alimentación do gando. Pero a cortiza é o principal aproveitamento da árbore. Esta cortiza tiña como función protexer a árbore dos incendios e pódese extraer cada nove anos. Utilízase para a fabricación de tapóns, colmeas, parquets, illantes, calzado etc. En Estremadura, a preparación da cortiza é una das principais actividades industriais. A madeira da faia é tamén moi apreciada na carpintería interior, mobiliario e ebanistería. Con ela fabrícanse portas, tarimas, frisos, molduras, chapas decorativas e taboleiros contrachapados industriais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario