lunes, 7 de noviembre de 2016

Exercicio clima



a) Localice cinco sistemas montañosos con temperaturas medias inferiores a 7,5ºC (1 punto). 

Pireneos, Sistema Central, Sistema Ibérico, Cordilleira Cantábrica, Montes de León, Serras SO de Galicia. 

b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións: 

  • Identifique o documento e relacione as áreas coas mesmas temperaturas coas zonas xeográficas ás que correspondan. (1 punto) 


Trátase dun mapa temático, corocromático, con isoliñas (isotermas) que representan a temperatura media anual das distintas áreas de España (Península, Baleares e Canarias). Na lenda, as cores azuis reflicten as zonas máis frías (áreas montañosas do centro e norte peninsular, Submeseta Norte e cumios máis elevados dos sistemas montañosos meridionais). As cores marelas e salmón (de 12,5ºC a 17,5ºC) correspóndense coa Submeseta Sur, depresión do Ebro, áreas litorais do Cantábrico e Galicia, ademais dos vales interiores de Galicia e Dorsal Meridiana, arquipélago balear e áreas montañosas de Canarias). As cores vermellas, con temperaturas máis elevadas, correspóndense coas áreas de dominio mediterráneo levantino e andaluz, depresión do Guadalquivir e litorais das illas Canarias. 

  • Explique os factores xeográficos e termodinámicos que condicionan as áreas con temperaturas superiores a 15ºC (1 punto).

Canto aos factores xeográficos: España localízase en latitudes medias. Pero a latitude máis meridional (incluso subtropical no caso canario) das áreas litorais levantinas e andaluzas contribúe ao incremento da temperatura media. A altitude dos espazos sinalados correspóndese esencialmente con áreas deprimidas ou litorais, que están por debaixo dos 200 metros sobre o nivel do mar. En Canarias, a pesar das maiores altitudes, a súa posición latitudinal xustifica o valor medio máis elevado das temperaturas anuais. 

A proximidade ao mar: nas costas mediterráneas, o inverno é suave e o verán, caloroso, pois este mar, pechado e bordeado por relevos montañosos, actúa como un almacén de calor e non pode amortecer moito as elevadas temperaturas estivais. Polo tanto, a amplitude térmica das súas costas é moderada. 

No referente aos factores termodinámicos: Na área mediterránea prodúcese un predominio do anticiclón das Azores durante boa parte dos equinoccios e solsticio de verán. A penetración de vagas de aire frío é menor ca nas áreas setentrionais da península. Por contra, a influencia sahariana, moi acentuada no verán, produce unha elevación das temperaturas medias. As illas Canarias constitúen un dominio climático orixinal debido á súa situación no extremo sur da zona temperada, en contacto co dominio intertropical e preto das costas africanas, o que fai que se entrecrucen influencias variadas. Dominan as altas presións tropicais (anticiclón das Azores) e o vento alisio do nordeste, que dá lugar a temperaturas cálidas todo a ano nas zonas baixas, xa que ningún mes baixa de 17 ºC, polo que a amplitude térmica é pequena (inferior a 8º C). 

  • Relacione as áreas de temperaturas inferiores a 15ºC cos dominios climáticos aos que corresponden (1 punto). 


A área de 12,5ºC a 15ºC correspóndese cos dominios climáticos do mediterráneo continentalizado da Submeseta Sur e a depresión do Ebro; o suboceánico (oceánico de transición ou oceánico de influencia mediterránea) dos vales interiores de Galicia e o oceánico do litoral cantábrico.

A área de 10ºC a 12,5ºC correspóndese, esencialmente, co dominio mediterráneo continentalizado (ou de interior) da Submeseta Norte e montañas medias.

A área de 7,5ºC a 10ºC correspóndese co dominio de montaña peninsular.

A área de menos de 7,5ªC de media correspóndese co dominio de alta montaña peninsular. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario