Tema “Problemática dos recursos hídricos en
España e posibles solucións”. a) Os transvases. b) A desalinización. c) A
recuperación de acuíferos. d) O saneamento dos ríos.
España é un territorio
onde a auga é escasa e está desigualmente repartida. Podemos considerar España
como unha área xeográfica árida porque as precipitacións unicamente superan os
1000 mm anuais nos lugares de clima propiamente oceánico, onde chegan os
efectos das borrascas atlánticas, e nalgunhas zonas de montaña. Nas terras de
clima interior e mediterráneo as chuvias son escasas e irregulares, con veráns
secos, e con intensa evaporación. Do elevado grao de aridez de boa parte das
terras de España derívase a escaseza dos seus recursos hídricos.
As confederacións hidrográficas son entidades
adscritas ao Ministerio de Medio Ambiente que teñen como función xestionar os
recursos hídricos do territorio que se lles asignou. Os recursos hídricos son
importantes nas confederacións do Norte, Douro, Texo e Ebro. Pola contra
manteñen un precario equilibrio as do Guadiana, Xúcar, Pireneo Oriental e
Canarias e son claramente deficitarias as confederacións do Guadalquivir, Sur,
Segura e Baleares. Por iso, as políticas hídricas están orientadas á obtención
de auga.
Cabe diferenciar entre a política de transvasamentos, a desalinización
da auga do mar, a recuperación dos acuíferos e os plans de saneamento dos ríos.
As políticas de transvasamentos A desigual distribución dos recursos hídricos
presentou a posibilidade dunha política de transvasamentos, ao derivar auga dun
río a outro. De feito o abastecemento de cidades como Madrid, Barcelona,
Bilbao, Valencia, Murcia, Alacante, Sevilla ou Cádiz depende de pequenos
transvasamentos de augas e de complexos sistemas de distribución. Para levar a
cabo grandes transvasamentos son necesarias obras que, en ocasións, atopan unha
forte oposición. De feito, dos proxectos existentes, unicamente se cumpriu a
primeira fase do transvasamento Texo‐Segura. A condución de auga a gran
distancia require custosos traballos de enxeñaría e de bombeo, e pódese perder
auga por evaporación. Doutra banda, a cesión de caudais dun río a outro pode
producir cambios nos acuíferos, limitacións para ampliar o uso da auga nas
cuncas fluviais de orixe, e tamén producir cambios na achega de sedimentos.
A
desalinización da auga do mar Na actualidade, búscase satisfacer a demanda de
auga das áreas deficitarias coa instalación de plantas desalgadoras. Esta
solución resulta custosa e o seu funcionamento consume moita enerxía. No
entanto, a técnica para desalgar a auga do mar está a realizar numerosos
progresos para abaratar os seus custos e mais o seu consumo de enerxía, e a
auga que se obtén é de boa calidade. En España funcionan plantas desalgadoras
nas illas Canarias e Almería, e estanse a construír novas instalacións ao longo
da costa mediterránea.
A recuperación dos acuíferos As augas subterráneas, cuxa
renovación pode representar decenas de milleiros de anos, explótanse a partir
da perforación de pozos e o bombeo de auga. Este aproveitamento foi moi intenso
nas terras mediterráneas, para regar as hortas, e tamén para aquelas terras que
non contan con outro recurso hídrico, como o Campo de Níxar, áreas do
Maestrazgo e algúns lugares da Mancha. A extracción de auga dos acuíferos non
soamente fixo diminuír o seu nivel, senón que tamén provocou o desecamento
total ou parcial de áreas lacustres e palustres. Nas áreas litorais, o risco
máis grave é a salinización da auga dos acuíferos. Para poder extraer auga
doce, as perforacións alcanzaron ás veces os 600 m de profundidade. A falta de
presión da auga doce rompe o equilibrio entre a presión que exerce esta e a
auga do mar, que penetra nos acuíferos e provoca a salinización dos solos de
cultivo e a perda da súa fertilidade. Esta auga non é apta para algúns usos
industriais nin para o consumo. A crecente urbanización da costa mediterránea e
a agricultura e mais a gandaría intensiva favoreceron a filtración das augas
residuais, xurros e produtos químicos que corromperon a calidade de moitas
augas subterráneas. Para resolver estes problemas actualmente proponse inxectar
auga para recargar algúns acuíferos e proceder á depuración das augas que
conteñen.
Os plans de saneamento dos ríos En España aplícanse plans de
saneamento dos ríos coa finalidade de reducir a progresiva deterioración da
calidade das súas augas e acadar un bo estado ecolóxico, o que significa que os
seus leitos van poder ter a capacidade de xerar vida. Estes plans supoñen un maior control sobre as
verteduras industriais e urbanas, así como a instalación de colectores e
plantas depuradoras de auga, para converter algúns ríos cloaca en ríos de augas
limpas.
Un dos obxectivos do Plan Nacional de Calidade das Augas 2007‐2015 é a
restauración dos ríos españois co fin de devolver ao seu estado natural ríos,
corgos, regueiros e brañais. Algunhas das metas principais que fixaba o Plan
eran:
- Garantir a calidade da auga distribuída en consonancia coas normas europeas.
- Previr, reducir e tratar a produción de refugallos e os seus efectos nocivos.
- Garantir un nivel elevado de protección das augas e promover a súa utilización sustentable.
- Recuperar o valor ecolóxico e cultural dos ríos, posibilitando que as xeracións futuras poidan gozar da riqueza do medio fluvial.
No hay comentarios:
Publicar un comentario