lunes, 17 de abril de 2017

Tema 12; España no escenario xeopolítico: España na UE - España no mundo.

España na UE


A Unión Europea é unha organización internacional constituída por 28 estados europeos. A Unión Europea ten moitas actividades, entre as que destacan a creación dun mercado europeo único (ou sexa unha unión aduaneira), dunha moeda única (adoptada por 16 dos 28 estados membros) e dunha política agrícola (PAC), pesqueira (PPC), comercial e de transportes común. A Unión Europea desenvolve tamén varias iniciativas para a coordinación das actividades xudiciais e de defensa dos Estados Membros, así como trata de equiparar o desenvolvemento das diversas rexións mediante compensacións económicas, e de fortalecer a propia unión creando vínculos culturais e de cooperación por medio de programas específicos de mantemento de proxectos a escala europea e intercambio de persoas.

O Tratado de París (1951), establecendo a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA), e o Tratado de Roma (1957), instituíndo a Comunidade Económica Europea e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica ou Euratom, foron asinados por seis membros fundadores: Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Luxemburgo e Países Baixos. Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo acordaran anteriormente formar o chamado Benelux.

Despois disto, a UE realizou seis ampliacións sucesivas: en 1973 Dinamarca, Irlanda e Reino Unido (que sairá da UE en 2019 despois de realizar un referendum ó respecto con resultado negativo -Brexit-); en 1981 Grecia; en 1986 España e Portugal; en 1995 Austria, Finlandia e Suecia; o 1 de maio de 2004, República Checa, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta e Polonia; o 1 de xaneiro de 2007, Bulgaria e Romanía; o 1 de xullo de 2013 Croacia.

En 1972 e 1994, Noruega asinou tamén tratados de adhesión á Unión Europea. Porén e sempre a través de referendos, a poboación norueguesa rexeitou a adhesión do seu país. A República de Macedonia, Islandia, Montenegro e Turquía son candidatos a adhesión á UE. As negociacións con Turquía, e Macedonia aínda non se iniciaron formalmente e por tanto aínda non hai unha data definida para a súa incorporación.

Para unirse á UE, un país debe satisfacer os criterios de Copenhaguen, definidos en 1993 no Consello Europeo de Copenhaguen. Estes esixen unha democracia estable que respecte os dereitos humanos e o Estado de Dereito; unha economía de mercado viable capaz de competir dentro da UE, e a aceptación das obrigacións da adhesión, incluída a lexislación da UE.

Cando se asinou o Tratado de Roma en 1957, España tiña un réxime ditatorial. Os países asinantes non contaron con ela, xa que non cumpría os requisitos políticos necesarios. En 1979 comezaron as negociacións para a adhesión de España á Comunidade Económica Europea (CEE). O requisito esixido era dispor de institucións democráticas e a adaptación da economía española á comunitaria, sobre todo na produción agraria e pesqueira. España, ademais, solicitou tempo para se adaptar á unión aduaneira e á existencia de determinados monopolios, e permitir así a integración progresiva dalgúns sectores produtivos. Tras longas negociacións, tanto España como Portugal incorporáronse á CEE en 1986.
Parte do desenvolvemento económico e social de España débese á integración europea:
   
  • España comezou a recibir fondos da CEE desde 1987. Estas axudas crearon uns 300.000 empregos anuais. 
  • A renda per cápita actual é o 97,7 % da media comunitaria; no ano 1986 era dun 68 %.
  • O 90 % dos investimentos que recibe España do exterior procede da Unión Europea.
  • Os fondos europeos serviron para financiar proxectos como:
    • Construción do 40 % de autovías e ampliación de portos, aeroportos e metros
    • Programas educativos para estudantes (Erasmus)
    • Tarxeta Sanitaria Europea
    • Restauración ou reconstrución do patrimonio artístico e monumental.

España no mundo



España é un dos 27 países membros da Unión Europea e un dos 198 países que hai actualmente no mundo. Forma parte da civilización occidental e da cultura mediterránea. A economía española é das máis desenvolvidas e a poboación goza dun elevado nivel de benestar. Para analizar a súa posición no conxunto mundial convén ter en conta diversas variables:

Extensión. Se ordenamos os países pola súa extensión, nos primeiros lugares figuran países que ocupan unha gran parte dun continente con extensións superiores aos 7 millóns de km. Unha segunda categoría de países inclúe grandes Estados con máis de 1 millón de km. España ocupa pola súa extensión (505.990 km) o lugar cincuenta e un na clasificación mundial, de xeito que se considera un territorio relativamente grande.

Poboación. Se ordenamos os países pola súa poboación, España ocupa un lugar destacado, polo que se pode considerar un país poboado. Salientan nos primeiros lugares China, con máis de 1.300 millóns de habitantes, e a India, con 1.166 millóns, que son os países máis poboados da Terra. España está situada dentro do grupo de pases que teñen un volume considerable de poboación (46 millóns).

Riqueza. O nivel de riqueza dun país adóitase medir segundo o seu Produto Interior Bruto por habitante (PIB per cápita). O PIB per cápita é o valor de toda a produción dun ano dividido polo número de habitantes. España, cun PIB por habitante de 24.000 euros, é un país rico que forma parte do conxunto de países desenvolvidos no mundo. España pertence á Unión Europea e, como tal, está incluída no grupo de países economicamente máis poderosos do planeta.

Desenvolvemento. Para poder situar de forma comparativa o desenvolvemento actual dos países recórrese ao Índice de Desenvolvemento Humano (IDH), un indicador que se calcula a partir de tres variables: a esperanza de vida ao nacer, o índice de escolarización e o índice do PIB por habitante e se puntúan entre un valor máximo de 1 e un valor mínimo de 0; España ocupa o lugar 27º na clasificación mundial (0,884 de índice). Todos estes datos veñen confirmar que formamos parte do pequeno grupo de habitantes do planeta que goza das condicións de vida máis favorables.

Respecto a súa proxección cultural no mundo, España é un país multilingüe, no que os diversos idiomas constitúen unha riqueza cultural. Das linguas de España, a que ten maior presenza no mundo é o castelán, porque o falan nas súas diferentes modalidades centos de millóns de persoas de diversos países de América Latina. O castelán tamén é a segunda lingua máis falada de Estados Unidos debido ao número de inmigrantes hispanos, e é lingua oficial da ONU e cooficial no ámbito da Unión Europea.

En canto a súa presenza nos organismos internacionais España, debido á Guerra Civil e á ditadura franquista, viviu illada do ámbito internacional entre os anos 1939 e 1959. A posición estratéxica que ocupa no mar Mediterráneo interesoulle a Estados Unidos durante a guerra fría e iso facilitou a súa apertura ao exterior e a súa entrada na ONU en 1955. Desde aquela España coñeceu un gran desenvolvemento económico e social e hoxe figura como membro da Unión Europea, institución na que se integrou en 1986 (CEE, hoxe UE).

Ademais partircipa nun gran número de organizacións internacionais, o que expresa a vontade e a necesidade de resolver os problemas pola vía do diálogo e da cooperación. Unha das máis importantes é a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Esta organización foi fundada despois da Segunda Guerra Mundial, en 1949, para lles facer fronte a posibles ameazas do bloque comunista. É unha organización de defensa político-militar cuxo obxectivo é a axuda mutua, salvagardar a paz, a seguridade e o benestar das potencias que a integran en caso dun ataque exterior. Tras un referendo, España incorporouse definitivamente á OTAN en 1986

Das organizacións económicas máis destacadas na que España tamén ten un papel moi activo salienta a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). Esta organización foi fundada en 1960 e ten como obxectivo coordinar as políticas económicas e sociais dos Estados membros. España ingresou na OCDE en 1961. Tamén forma parte do Fondo Monetario Internacional (FMI), institución de carácter financeiro, e da Organización Mundial do Comercio (OMC), de tipo comercial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario