2.‐ Atendendo ao documento (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Cite cinco provincias que teñan unha taxa de poboación estranxeira entre 12 e 15,9% (1 punto).
Hai que citar cinco destas provincias: Barcelona, La Rioja, Segovia, Guadalajara, Madrid, Murcia, Málaga, Santa Cruz de Tenerife e Las Palmas.
b) Identifique o tipo de documento e relacione áreas xeográficas cos valores das taxas (1 punto).
O mapa reflicte a porcentaxe de poboación estranxeira nas provincias españolas. É un mapa de coropletas que representa datos cuantitativos asociados a unidades administrativas (neste caso provincias) utilizando cores de recheo diferentes. O mapa presenta unha clasificación en cinco intervalos de clase (cada clase unha cor) e inclúe una escala gráfica. As áreas xeográficas que se poden diferenciar facilmente son o Levante mediterráneo desde Girona ata Almería, cunha taxa elevada de poboación estranxeira. Pola contra a parte occidental de España e a cornixa cantábrica teñen as taxas máis baixas.
c) Explique as causas das diferenzas das porcentaxes observadas no documento (1 punto).
Como causas das diferenzas das porcentaxes pódense citar:
- O crecemento económico baseado en gran medida no boom inmobiliario (“o ladrillo”); este crecemento aumentou a oferta de postos de traballo en sectores que non eran cubertos por man de obra española. O resultado foi un maior crecemento dos estranxeiros nas áreas máis turísticas de España (Mediterráneo e arquipélagos) e máis dinámicas economicamente. Os inmigrantes cubrirán postos de traballo nos sectores da construción, dos servizos (hostalaría, fogar) e tamén da agricultura mediterránea (por exemplo, cultivo baixo plástico), como sería o caso de Almería, Murcia ou Lleida.
- No caso de Madrid e as provincias limítrofes e Barcelona hai que ter en conta que os inmigrantes se sitúan nas dúas metrópoles españolas para logo buscar traballo. Madrid e Barcelona actuaron como centros de distribución de traballadores inmigrantes.
- No litoral mediterráneo e as illas atópase unha inmigración de poboación xubilada da Europa noroccidental, debido á forte acollida que propicia o clima suave desta zona.
- A menor incidencia da inmigración en Galicia e a cornixa cantábrica explícase polo menor efecto do boom inmobiliario (non se construíron tantas casas coma no Mediterráneo) e o tipo de agricultura, cun maior peso da gandería no produto final e non tan orientada cara ó mercado exterior como a mediterránea.
d) Comente as consecuencias das diferenzas representadas no documento (1 punto).
Como consecuencias pódense citar aspectos:
- demográfico: a poboación española medra no último decenio do século XX e comezos do XXI; no censo de 1991 ten 38.872.268 habitantes; no do 2001, 40.847.371; e no censo de 2011, 46.815.916. Este incremento está influído pola inmigración. A fecundidade en España tamén varía na segunda metade dos 90, sendo o punto de inflexión 1996 co número de fillos por muller máis baixo. No 2003 as mulleres españolas tiñan como media 1,26 fillos e as estranxeiras 1,90
- económico ou laboral: a inmigración supón (polo perfil de idade dos inmigrantes) un aumento da poboación activa española ata case 23 millóns de persoas, con consecuencias importantes, entre outras para as pensións.
- aspecto social: tamén se pode mencionar cos posibles problemas de integración, a aparición de actitudes xenófobas, as mafias vinculadas á inmigración irregular e os problemas humanos desta. É moi importante o fenómeno migratorio das últimas décadas: o cambio social máis importante na España do século XXI.
No hay comentarios:
Publicar un comentario