lunes, 30 de enero de 2017

Exercicio fontes de enerxia



a) Localice as provincias da figura 1 onde están situadas as centrais nucleares números 1, 2, 4, 5 e 6 (1 punto). 

 a) 1: Guadalajara  2: Burgos  4: Cáceres  5: Tarragona  6: Valencia

b) Comente os documentos das figuras 2 e 3 atendendo ás seguintes cuestións:  

• Identifique os tipos de documentos e xustifique a evolución recente da enerxía nuclear (1 punto)

Estamos diante de dúas gráficas lineais de áreas apiladas, con datos acumulados de produción e consumo de enerxía. No eixo horizontal amósase o ciclo de anos 1975-2007, e no vertical a cantidade total da produción e consumo nacional de enerxía en ktep (kilotoneladas equivalentes petróleo), diferenciando proporcionalmente entre 4 tipos de enerxías fósiles e enerxías renovables.
As figuras 2 e 3 amosan o incremento da produción e consumo de enerxía nuclear coa construción das centrais produtoras a partir da crise do petróleo en 1973. Desde 1985, a estabilización no seu uso é debida á paralización da construción de novas centrais polo triunfo dos criterios ambientais sobre os económicos xustificada polos riscos que implica o funcionamento destas, pola difícil eliminación dos residuos radiactivos e pola dependencia do uranio enriquecido que utilizan os reactores nucleares, e que debe importarse na súa maioría. 

  • Analice a evolución en España da produción e o consumo de enerxías fósiles (1 punto).

O desenvolvemento económico español e a mellora do nivel de vida dos cidadáns fixo que o consumo de enerxía en España non deixase de medrar e, como pode observarse na figura 2, o ritmo resultou especialmente intenso nas últimas décadas. Podemos observar tamén como nas últimas décadas (a gráfica recolle o período 1975-2007) a importancia das enerxías fósiles (especialmente petróleo e gas natural) non deixou de crecer. O 70% da enerxía consumida procede dos hidrocarburos que se importan case na súa totalidade das principais rexións produtoras do mundo: golfo Pérsico, Caribe, norte de África, golfo de Guinea, Mar do Norte, etc., polo que o grao de autoabastecemento enerxético se reducíu ao 20% do que consumimos.
A evolución da produción de carbón, recuperada en parte trala crise do petróleo, foi decrecendo paulatinamente ata situarse en mínimos históricos en tempos recentes, como consecuencia do esgotamento das mellores vetas e da competencia de produtores estranxeiros. A minería do carbón é hoxe residual. 

 • Explique a evolución das enerxías renovables en relación coas políticas enerxéticas recentes (1 punto). 

O cambio máis importante dos últimos anos da enerxía en España é o relacionado coa importancia crecente das enerxías renovables que, como podemos observar na figura3, xa supoñen arredor dunha quinta parte do total.
A comezos de 1990, este tipo de enerxías non supoñían nin a décima parte da produción, cun claro dominio da enerxía hidráulica sobre as demais. Agora, en cambio, xa superan o 20% do total, cun rápido aumento na de orixe eólica, solar e a biomasa, que xa superan en conxunto a de orixe hidráulica.
A enerxía é un sector fundamental e o seu funcionamento afecta a sociedade e a economía española no seu conxunto, polo que hai décadas se considera necesaria a súa correcta planificación e ordenación. Para logralo, desde 1978 sucedéronse varios Plans Estratéxicos Nacionais (PEN) e en 1999 aprobouse un Plan de Fomento de Enerxías Renovables. Os principais obxectivos que establecen estes plans son a redución da dependencia enerxética, a liberalización do sector, o fomento do aforro e unha maior eficiencia no uso da enerxía, a redución dos efectos contaminantes e o impulso do crecemento das enerxías renovables. 
Estas enerxías baséanse en recursos do propio territorio e xeran menor polución atmosférica ca outras convencionais, polo que se consideran unha alternativa de futuro. O seu desenvolvemento (salvo a hidráulica) é moi recente e apoiouse nas melloras tecnolóxicas para aumentar a súa eficiencia e reducir o seu custo, xunto cunha política de apoio que animou ás grandes empresas a investir nelas, o cal podemos ver reflectido no incremento da produción deste tipo de enerxías que recolle a figura 3.

No hay comentarios:

Publicar un comentario