lunes, 6 de febrero de 2017

Vocabulario

Aluvión: Depósito de materiais detríticos, transportado e depositado de xeito transitorio ou permanentemente por unha corrente de auga. Habitualmente, está composto por areas, gravas, arxilas ou limos, acumulándose nas canles das correntes, nas chairas inundables e nos deltas.

Foz: Unidade morfoestrutural do relevo orixinada polos ríos que escavan vales estreitos e profundos sobre terreos calcarios, tamén son coñecidas co nome de gargantas ou canóns e están rodeadas por paredes case verticais. Ex. As Foces do río Xúquer.

Litosfera: é un conxunto máis ou menos ríxido, fragmentado en diversas placas, que forma a superficie sólida do planeta e descansa sobre unha capa plástica, a astenosfera. A litosfera está formada pola códea e unha parte do manto superior terrestre.

Meseta: superficie plana de gran extensión, horizontal ou lixeiramente ondulada, elevada con respecto ao nivel do mar. Case non presenta accidentes topográficos de importancia e os seus rebordos poden ser montañosos. En España é a unidade principal do relevo peninsular, resto do antigo macizo xurdido na oroxénese herciniana, que foi arrasado pola erosión, e afectado e deformado polo movemento alpino que fixo xurdir os seus sistemas interiores e os rebordos montañosos.

Penechaira: É unha chaira sen relevos saíntes, na que a diferencia entre vales e interfluvios é moi débil, con pendentes mínimas, superficie aplanada resultado da erosión dos relevos preexistentes. En España as máis importantes son a Penechaira Zamorano - Salmantina e a Penechaira Estremeña.

Somonte: Terreo ou rexión situado na ladeira dunha montaña. Terras chás, aínda que levemente inclinadas, formadas entre as serras exteriores e o centro da depresión do Ebro, que están constituídas por materiais grosos e duros dos relevos montañosos, transportados polos ríos.

Tectónica de placas: teoría que explicou a deriva continental e outros fenómenos. A superficie exterior da Terra consiste en aproximadamente dez bloques ou placas ríxidas. Estas transportan os continentes e os solos oceánicos, están en constante movemento e son a causa de moita actividade xeolóxica (formación de montañas, volcáns e terremotos). As placas sofren tres tipos básicos de movementos: sepáranse, converxen e deslízanse.

Ría.- val fluvial somerxido baixo o nivel do mar a causa da elevación deste. A orixe xeomorfolóxica está relacionada cun asolagamento do val fluvial relacionado con movementos isostáticos e un afundimento tectónico asociado á rede de fracturas preexistentes. 

Esteiro.-  extensión mariña nas proximidades da desembocadura dun río onde se producen interaccións entre a auga doce e salgada por efecto das mareas, que xeran un ecosistema peculiar.

Tómbolo.-  accidente xeográfico sedimentario, que forma unha estreita lingua de terra ou area entre unha illa ou unha gran rocha afastada da costa e terra firme, ou entre dúas illas.
Aridez.- termo que indica sequidade, falta de humidade. O índice de aridez establece a relación entre as chuvias e o poder desecante da evaporación, representada polas temperaturas. 



Barlovento.- é a parte dun relevo ou zona orientada cara ao lugar de onde vén o vento. En Galicia, cando domina o fluxo zonal do oeste, a vertente de barlovento das dorsais montañosas é a occidental, máis húmida, mentres que a de sotavento, a oriental, se caracteriza por unha menor pluviometría.



Inversión térmica.- Incremento da temperatura do ar ao aumentar a altura, cando debera de diminuír segundo o gradiente adiabático normal. O ar máis cálido atópase sobre o máis frío. No nivel do solo, é resultado da irradiación nocturna con ar en calma e ceo despexado nunha situación anticiclónica invernal



Isóbara.- É unha isoliña que, nun mapa meteorolóxico, une os puntos que teñen a mesma presión

atmosférica ao nivel do mar. O conxunto de todas elas configuran os cambios de presión. Habitualmente se representan os múltiplos de 4 hPa (hectopascais) ou mb (milibares) (1000, 1004, 1008, 1012,…), unidade de medida da presión.



Isohieta.- Isoliña imaxinaria que une puntos con iguais valores de precipitacións, nun mapa no que se expresen cantidades de precipitación recibida por áreas.



Umbría (avesedo).- é a parte dun terreo en que case sempre fai sombra, por estar exposta ao norte, no noso hemisferio. Por exemplo, as vertentes orientadas cara ao Norte do Cordal Cantábrico

Vexetación clímax: é aquela vexetación que está en equilibrio coas condicións ambientais dun lugar, é dicir, a vexetación potencial que debería existir nun lugar de non mediaren outros factores cós meramente ambientais.

Vexetación antrópica
: Vexetación introducida polo home nun espacio determinado da biosfera polo seu valor económico, ou a degradación da cuberta vexetal existente. Cando a vexetación dunha zona é o resultado da intervención humana, denomínase vexetación secundaria. Un exemplo sería a repoboación de piñeiros e eucaliptos na paisaxe vexetal de clima oceánico.

Laurisilva
: Bosque nubrado subtropical, propio de lugares húmidos, cálidos e sen xeadas, con grandes árbores -algunhas perennifolias, de grande altura-, que en España se dá nas illas Canarias, máis concretamente nas vertentes setentrionais das illas occidentais de maior elevación, alí onde o “mar de nubes” -determinado pola afluencia dos alisios- permite o seu crecemento.

Maquis:
ecosistema de matogueira mediterránea, formación de especies perennifolias,
principalmente arbustivas, que acostuma refuxiarse sobre solos silíceos. Os madroños, as xaras, os brezos, lentiscos, romeus e outras especies son características desta formación, de maior porte xeralmente que as garrigas.


Landa.- Formación vexetal de matogueira, característica da rexión eurosiberiana e como consecuencia da degradación do bosque mixto atlántico. Está formada por matogueiras como a xesta, o toxo e o breixo, podendo acadar os 3 m de altura. É característica da España húmida, asentándose sobre solos pobres e pouco aptos para o cultivo.
 
Estiaxe: momento do ano en que un río presenta augas baixas no seu caudal, debido á aridez ou á retención da auga en forma de neve ou xeo en inverno

Cunca fluvial
: é a porción de terreo que drena  a un colector principal (río ou lago), limitada por unha liña de cumes ou divisoria de augas– liña desde a que as augas correntes flúen en direccións opostas, e que soe coincidir cos niveis máis elevados de determinados sistemas montañosos

Marisma: terreo que normalmente está lixeiramente por debaixo do nivel do mar, que se inunda coas augas mariñas, coas dos ríos que desaugan alí, ou con ambas á vez, e que posúe unha vexetación anfibia


Paisaxe: calquera área da superficie terrestre produto da interacción dos diferentes factores presentes nela e que teñen un reflexo visual no espazo. Defínese polas súas formas: naturais ou antrópicas

Efecto invernadoiro:
Concepto medioambiental que refire ao proceso que explica o quentamento da atmósfera terrestre por similitude co que acontece nun invernadoiro; en efecto, a atmósfera pode ser atravesada pola radiación solar calorífica de onda curta, pero non por toda a radiación terrestre de onda larga, gran parte da cal é absorbida polo vapor de auga e o dióxido de carbono.

Ecosistema: conxunto de organismos vexetais e animais que habitan un lugar e que interrelacionan entre sí e co medio que lles é propio.

Avaliación de impacto ambiental: Procedemento técnico-administrativo mediante o cal se avalía á repercusión provocada por un programa, obra ou proxecto con capacidade para xerar alteracións notables no medio ambiente co obxectivo que a autoridade competente poda aceptalo, modificalo ou rexeitalo.


Parroquia: División administrativa menor que un municipio, de límites asumidos e coñecidos polos moradores; pero non recoñecidos xurídicamente e integrada por varias aldeas (propias de Galicia e Asturias)

Municipio: Unidade territorial administrativa básica en que se divide oficialmente o territorio español, rexida por un concello elexido democráticamente.

Provincia: entidade local con personalidade xurídica propia, determinada pola agrupación de municipios y división territorial para o cumprimiento das actividades do Estado, gobernadas polas Diputacións.

Comunidade autónoma: unidade territorial inscrita no ámbito maior e soberano do Estado, que goza dun certo grao de autogoberno

Estatuto de Autonomía: norma institucional básica dunha Comunidad Autónoma, no que se recolle a denominación da Comunidade, a delimitación territorial, as súas institucións, etc.


Comisión europea: institución que representa e defende os intereses da Unión Europea no seu conxunto, propón a lexislación, políticas e programas de acción e é responsable de aplicar as decisións do Parlamento Europeo e do Consello da Unión Europea. Formada por 27 comisario, un por cada país membro, o presidente actual é Jean Claude Juncker

Xeopolítica: é a ciencia que, a través da xeografía política, a xeografía descritiva e a historia, estuda a causalidade espacial dos sucesos políticos e os seus futuros efectos

Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) son un grupo de obxectivos relativos ó desenvolvemento internacional futuro. Foron creados polas Nacións Unidas e substituíron ós Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que caducaron na fin de 2015. Os ODS abarcan de 2015 a 2030. Hai 17 obxectivos e 169 metas específicas para estes obxectivos: entre eles, eliminar a fame e a pobreza e garantir a saude, a educación e a igualdade.


Movementos antiglobalización: Corrente de protesta mundial que aglutina grupos de diversos países e ideoloxías que teñen en común o seu rexeitamento do capitalismo neoliberal e o excesivo poder de entidades supranacionais sobre os estados.
  
Poboación activa: Aquel sector da poboación que se atopa en idade apta para traballar (16 a 65 anos). Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro, poboación activa desocupada ou desempregada.
 
Esperanza de vida: Cálculo do número de anos que un individuo pode esperar vivir ben no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Obtense a partir das táboas de mortalidade. A esperanza de vida é maior nas mulleres que nos homes, situándose en 2011 en 84,8 anos para as mulleres e 78,8 para os homes (en España).

Réxime demográfico
: Período correspondente ao modelo de transición demográfica cunhas determinadas características canto á natalidade, á mortalidade e ao crecemento natural ou vexetativo. Distínguense: 1) o antigo réxime demográfico, con altas taxas de natalidade e mortalidade e crecemento vexetativo escaso; 2) o réxime demográfico moderno, con taxas de natalidade e mortalidade moi baixas.

Censo de poboación: É un documento no que se reconta a poboación dun país nun momento determinado. Achéganos información sobre o volume de poboación dun lugar, a súa composición por sexo e por idades, estado civil, tamaño da familia, nivel de estudos, renda, etc. En España se realiza habitualmente nos anos acabados en "1" (cada dez anos).

Saldo migratorio: Resultado de poñer en relación inmigración e emigración nun determinado territorio. O saldo migratorio é positivo cando o número de inmigrantes é superior ao de emigrantes, e negativo cando a emigración supera a inmigración.

Taxa de fecundidade: Medida que pon en relación o número de nacidos vivos nun ano determinado co número de mulleres en idade de procrear (
entre os 15 e os 49 anos) existentes ese mismo ano.

Transición demográfica
: Modelo que describe os cambios demográficos acaecidos ao longo do tempo nos países desenvolvidos: transición dende unha situación de altas taxas de natalidade e mortalidade a outra caracterizada por un descenso de ambas, pasando pola fase intermedia, de descenso da mortalidade antes que a natalidade, permitindo un rápido crecemento demográfico.

Padrón municipal: Rexistro que leva a cabo cada concello sobre a poboación que vive no seu municipio. Recolle menos datos que o censo, pero a diferencia de este trátase dun rexistro vivo, dinámico. Cando unha persoa se traslada a vivir a outro municipio ten a obriga legal de empadroarse nel, ó recibir os concellos máis ou menos financiamento en función da poboación que teñan.


Desagrarización: é a perda de poboación dedicada á actividade agraria, así como á perda de importancia económica da actividade agrícola nun territorio. En toda España tense producido este proceso, especialmente desde finais dos anos 1970.

Explotación intensiva: é aquela explotación agraria que elimina os barbeitos e recorre á produción continua do terreo, estimulada polo emprego de fertilizantes e o regadío artificial. Este tipo de agricultura intensiva obtén unha forte produtividade, sobre terreos moitas veces de extensión reducida. É moi habitual no litoral mediterráneo, especializado na horticultura.

Acuicultura é o conxunto de actividades que, mediante algún tipo de intervención no ciclo biolóxico ou no medio no que habitan os peixes, permiten controlar a súa reprodución e/ou crecemento. A acuicultura aparece restrinxida a un pequeno abano de especies, principalmente peixes, moluscos e crustáceos. En Galicia, a acuicultura representa aproximadamente a terceira parte da cifra do negocio da pesca

Agricultura ecolóxica.- Sistema para cultivar unha explotación agrícola autónoma, baseada na utilización óptima dos recursos naturais e sen empregar produtos químicos de síntese ou organismos xeneticamente modificados (OXMs) -nin para abono nin para combater as pragas-, logrando deste xeito obter alimentos orgánicos á vez que se conserva a fertilidade da terra e se respecta o medio ambiente.

Silvicultura.- Actividade que trata do cultivo de montes e bosques. A práctica máis habitual da silvicultura é o aproveitamento forestal de espazos destinados á produción de madeira, leña ou resinas, mais tamén poden ter un efecto positivo na protección de cuncas hidrográficas, a conservación de hábitats naturais e o desenvolvemento de espazos recreativos.

Política agrícola común (PAC): política europea composta por unha serie de leis e normas que regulan a produción, o comercio e o tratamento dos produtos agrarios na Unión Europea co fin de incrementar a produción fomentando o progreso técnico, asegurando o desenvolvemento racional da produción agrícola e gandeira, así como o emprego óptimo dos factores de produción, en particular, da man de obra. O seu orzamento está próximo ao 50% do comunitario.

Política pesqueira comunitaria (PPC): política de cohesión e coordinación da U.E. en materia pesqueira. Establece cotas para limitar a cantidade de peixe de cada especie que os EEMM poden capturar, e fomenta a industria pesqueira mediante varias intervencións en el mercado, servíndose dos fondos estruturais.

Denominación de orixe: Concepto administrativo, que refire á distinción que se outorga a certos produtos xeralmente de alta calidade, para distinguir o seu lugar de procedencia e evitar así falsificacións e invasións de mercado (p. ex., carne de vacún galega).

Tranxénicos: son aqueles alimentos que conteñen organismos modificados xeneticamente mediante técnicas de enxeñaría xenética. Dito doutro xeito, é un alimento elaborado a partir de seres vivos ós que lles incorporaron xenes doutro, para lograr en el a característica desexada. Proveñen na súa maior parte de plantas transxénicas, como o millo e a soia




Fondos Estruturais: instrumentos  da  Unión  Europea  que  teñen  por  obxecto  reducir  as  diverxencias  de desenvolvemento  entre  as  rexións,  e  busca  reforzar  a  cohesión  económica  e  social, como por exemplo o   Fondo  Europeo  de Desenvolvemento Rexional (FEDER) - destinado ás rexións menos favorecidas- e o Fondo Social Europeo (FSE) -destinado á formación, para fomentar as oportunidades de emprego.



Enerxías renovables:Aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotables, ben sexa pola inmensa cantidade  de  enerxía  que  conteñen,  ben  porque  son  capaces  de  rexenerarse  por  medios  naturais.  Entre  as  enerxías renovables cóntanse a hidroeléctrica, eólica, solar, xeotérmica, maremotriz, a biomasa e os biocombustibles



Economías  de  escala:Concepto  que  expresa  as  vantaxes  que  para  unha  empresa  comporta  a  súa  localización nun determinado contorno: a existencia de infraestruturas colectivas e de transporte,  concentración  de  man  de  obra  ou  incentivos fiscais



Difusión industrial: Fenómeno que consiste na expansión da industria dende un área industrial central cara á periferia seguindo os eixes que marcan as principais vías de comunicación.



Industrias verdes:  tipo de industria que intenta non contaminar nos procesos de produción, distribución e consumo. Por exemplo, recicla o reutiliza algún tipo de material (cartón, papel, plástico....), reduce ó mínimo as emisións de gases efecto invernadoiro, etc.



Materias primas estratéxicas: materias primas e fontes de enerxía que ben pola amplitude da súa demanda, ben polo carácter focal ou hexemónico da súa oferta,constitúen bens escasos ou xeran dependencia nas economías de terceiros países.



Parque tecnolóxico: conxunto de instalacións que dotan dunha infraestrutura básica a todas aquelas iniciativas empresariais que se estimen viables para o desenvolvemento industrial e tecnolóxico dunha determinada área.



Subcontratación: Tipo de relación pola que o titular dun contrato principal cede a un terceiro (subcontratista) a realización de parte dunha actividade económica por un prezo; utilízase en gran parte para evitar crear relacións laborais directas có subcontratante.
 
Balanza de pagamentos: Medida de tódalas transaccións económicas realizadas entre un país e o resto dos países durante un ano; é dicir, as mercadorías exportadas e importadas, os gastos de estranxeiros no país, as remesas de emigrantes, os capitais estranxeiros invertidos, etc.

Economía somerxida: Actividade económica ilegal, que se aproveita de situacións de altos índices de desemprego e baixos salarios e procura non pagar impostos, cotas de seguridade social, etc., razóns pola que se coñece tamén como economía informal

Franquicia/franquía: Rede de empresas nas que unha delas (franquiciadora), propietaria da marca, a cede a outras pequenas empresas (franquiciadas),que a utilizan a cambio dun pago mensual e dun estricto control do seu funcionamento por parte da franquiciadora (elección dos proveedores, decoración dos establecementos, prezos, etc.).

Plan estratéxico de infraestruturas do transporte (PEIT): Documento do Ministerio de Fomento que asume o obxectivo a largo prazo (vixente ata 2020) de abordar os retos do transporte en España e as medidas que podan contribuir a mellorar as infraestruturas e a eficiencia e racionalidade das redes de transporte.

Taxas aeroportuarias: Impostos sobre diversas actividades que realicen persoas naturais ou xurídicas nos aeroportos de uso e administración pública.

Tour operadores: Sistema de organización do turismo por parte de axencias especializadas, que lle facilitan ao turista a xestión total da viaxe, dende a estadía ata as visitas pasando polo resto dos pormenores organizativos.

Ecoturismo: Tendencia  do  turismo  alternativo,  diferente  ao  turismo tradicional. Priorízase  manter  o  benestar  das  poboacións  locais,  minimizando  os  impactos negativos  para  o  medio  ambiente  e  a  comunidade  local.

Área  metropolitana: espacio  moi  urbanizado que  engloba  unha  cidade  central  que  dá  nome  a  área  e unha serie de cidades satélites que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais e servizos, todo organizado de xeito centralizado

Área suburbana: Territorio próximo ás cidades que polas súas características constitúe unha zona de transición entre o núcleo urbano propiamente e o espazo rural adxacente.

Cualificación do solo: Determinación do plan urbanístico consistente en detallar ou establecer pormenorizadamente o destino do chan previamente clasificado (urbano, urbanizable e non urbanizable). Con ela determínanse os usos e a edificabilidade

Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU):Instrumento de ordenación integral do territorio. Contén a clasificación do solo, definición dos elementos fundamentais da estrutura xeral do territorio (como poden ser  fixar  os  espazos  libres,  de  equipamento  comunitario,  os  sistemas  xerais  de  comunicación  etc.), desenvolvemento,  execución  e  a  vixencia  do plan.  Adoita  ser  municipal,    Plan  Xeral  de  Ordenación Municipal (PXOM).

Unidade veciñal de absorción (UVA): Concepto urbanístico, que refire as intervencións do Instituto Nacional da Vivenda durante a etapa do desarrollismo para combater o fenómeno do chabolismo na periferia das grandes ciudades (barrios de Fuencarral, Hortaleza, Vallecas e Villaverde nos 60), consistente na planificación de edificacións prefabricadas de vida útil prevista de cinco anos.

Xentrificación: Concepto urbanístico, que refire ao proceso de transformación económica, social e cultural dun antigo barrio degradado e/ou residencial de clase social baixa cando pasa progresivamente a ser habitado por inquilinos de clase media-alta
  

No hay comentarios:

Publicar un comentario