“Situación actual da industria en España e Galicia”. a) Desafíos: problemas estruturais (dimensión, I+D+i, tecnoloxía) e consecuencias da incorporación á Unión Europea. b) Tendencias recentes da industria en España: globalización e deslocalización.
España é un país integrado no conxunto dos países industriais do mundo. Mais o desenvolvemento da actividade industrial en España non acadou un nivel notable ata a segunda metade do século XX. A crise industrial de 1973- 1974, que evidenciou a necesidade de cambiar os sistemas de produción, coincidiu coa revolución tecnolóxico-informática ou terceira revolución industrial. Desenvolveuse unha nova etapa denominada postindustrial ou informacional, que deu lugar a novos modelos de empresas cunha importancia crecente das novas tecnoloxías, a innovación e a investigación. O ingreso de España na Unión Europea (a partir de 1986) supuxo o final do proteccionismo e a apertura do mercado á competencia exterior, que ten provocado unha reconversión industrial e peche de moitas industrias non competitivas.
Desafíos: problemas estruturais e consecuencias da incorporación á Unión Europea.
A industria española presenta diversos problemas estruturais que afectan negativamente á súa competitividade fronte á economía europea e global:
• Existe un escaso número de grandes empresas,
• A produtividade industrial é inferior á da Unión Europea.
• O nivel de intensidade tecnolóxica é baixo, e a porcentaxe de investimento en I+D é insuficiente.
Todo isto provoca unha balanza tecnolóxica deficitaria: as principais empresas de automóbiles, maquinaria eléctrica, aparellos electrodomésticos e produtos farmacéuticos fabrican con patentes estranxeiras, que son un enorme gasto para España que debe pagar pola súa aplicación.
A industria española, tras a entrada na Unión Europea, viviu un proceso de modernización produtiva que ten pasado por sucesivas crises (1990-1993, e a actual, desde 2007-2008). A mediados da década de 1990, a industria española, recuperada da primeira reconversión industrial, convertírase no sector de actividade máis produtivo grazas á moderación salarial e á flexibilidade na contratación laboral. A economía medraba por enriba da media europea e aumentaba o investimento español nos países da Unión Europea, mentres que en Portugal, o norte de África e Latinoamérica se instalaban empresas españolas.
Tendencias recentes da industria en España: globalización e deslocalización.
A industria tivo un ritmo positivo de crecemento de vendas, produción e demanda, aínda que vai perdendo importancia dentro do conxunto de actividades económicas a causa da terciarización xeral da economía e do emprego.
A crise financeira de 2007, xurdida inicialmente nos Estados Unidos, afecta posteriormente a toda a economía mundial. Na Unión Europea iniciouse unha tendenza xeral á baixa, que en España se reflicte nunha recesión da carteira de pedidos, un aumento dos stocks e unha desaceleración do emprego.
A incorporación de novos países á UE afecta á industria española por diversos motivos: estes países gozan dunha maior proximidade ao grande eixe industrial europeo que constitúen os países nórdicos, Alemania e o Norte de Italia; ademais, a estrutura produtiva é semellante á española, a man de obra máis barata, e a súa produtividade e cualificación en alta tecnoloxía, maior. Así mesmo, o investimento de capital estranxeiro permitiulles a implantación de empresas de alta tecnoloxía, co que aumentou o seu potencial industrial dentro da UE.
Un dos sectores da industria española máis afectados é o dos automóbiles, no que España mantivo un bo ritmo de exportacións; o sector está dominado por empresas de capital estranxeiro que poden deslocalizar as industrias na procura de menores custos.
O actual tecido industrial español estase a incorporar á globalización económica, de maneira que as nosas zonas industriais se configuran como puntos dunha rede de produción a nivel mundial. Nunha economía globalizada, as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado; disto derívanse as causas da deslocalización: a busca de menores custos laborais e de mellores condicións fiscais e técnicas. Por esta razón, as empresas se trasladan a lugares como o Leste de Europa, Sueste asiático, China,...As consecuencias das deslocalizacións son o incremento da taxa de paro e a perda de emprego no sector secundario, que tende cada vez máis a terciarizarse.
Situación da industria en Galicia.
En 1955, cando outras comunidades españolas comezaban o seu despegue industrial, perto do 70% da poboación galega aínda se dedicaba ás actividades agrícolas. Así pois, o proceso industrializador en Galicia estivo marcado por un evidente atraso, debido non só á falta de iniciativas locais, senón á deficiente organización do sector primario e a súa posición periférica e mal comunicada con respecto aos principais centros de decisión.
A adaptación da industria de Galicia aos novos sistemas produtivos impostos polo proceso de globalización dos mercados, e os problemas que provocou a recesión económica de 2008 requiren novas políticas industriais.
Os desafíos que debe afrontar a industria galega céntranse na mellora da súa competitvidade, tanto no mercado nacional coma no internacional. Para iso deberá superar os problemas máis importantes que dificultan o seu desenvolvemento industrial:
- Baixo investimento en I+D de Galicia dificulta a innovación tecnolóxica da industria. O gasto en I+D durante o ano 2007 supuxo 1,03% do PIB, mentres que no conxunto de España representou o 1,27% e na UE-27 1,83%.
- A produtividade industrial é inferior á media española, no obstante nos últimos anos incrementouse grazas ao desenvolvemento tecnolóxico impulsado por empresas e institucións.
- O tecido empresarial no que predominan as PEMEs dificulta o aumento do investimento en I+D. Este tipo de empresas dispón de menores recursos financeiros para desenvolver proxectos de investigación e desenvolvemento, aínda que tamén unha maior flexibilidade para afrontar crises económicas e adaptarse a novos mercados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario