martes, 18 de abril de 2017

Vocabulario examen 25/04


Taxas aeroportuarias: Impostos sobre diversas actividades que realicen persoas naturais ou xurídicas nos aeroportos de uso e administración pública.

Tour operadores: Sistema de organización do turismo por parte de axencias especializadas, que lle facilitan ao turista a xestión total da viaxe, dende a estadía ata as visitas pasando polo resto dos pormenores organizativos.

Ecoturismo: Tendencia  do  turismo  alternativo,  diferente  ao  turismo tradicional. Priorízase  manter  o  benestar  das  poboacións  locais,  minimizando  os  impactos negativos  para  o  medio  ambiente  e  a  comunidade  local.

 
Área  metropolitana: espacio  moi  urbanizado que  engloba  unha  cidade  central  que  dá  nome  a  área  e unha serie de cidades satélites que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais e servizos, todo organizado de xeito centralizado

Área suburbana: Territorio próximo ás cidades que polas súas características constitúe unha zona de transición entre o núcleo urbano propiamente e o espazo rural adxacente.

Cualificación do solo: Determinación do plan urbanístico consistente en detallar ou establecer pormenorizadamente o destino do chan previamente clasificado (urbano, urbanizable e non urbanizable). Con ela determínanse os usos e a edificabilidade

Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU):Instrumento de ordenación integral do territorio. Contén a clasificación do solo, definición dos elementos fundamentais da estrutura xeral do territorio (como poden ser  fixar  os  espazos  libres,  de  equipamento  comunitario,  os  sistemas  xerais  de  comunicación  etc.), desenvolvemento,  execución  e  a  vixencia  do plan.  Adoita  ser  municipal,    Plan  Xeral  de  Ordenación Municipal (PXOM).

Unidade veciñal de absorción (UVA): Concepto urbanístico, que refire as intervencións do Instituto Nacional da Vivenda durante a etapa do desarrollismo para combater o fenómeno do chabolismo na periferia das grandes ciudades (barrios de Fuencarral, Hortaleza, Vallecas e Villaverde nos 60), consistente na planificación de edificacións prefabricadas de vida útil prevista de cinco anos.

Xentrificación: Concepto urbanístico, que refire ao proceso de transformación económica, social e cultural dun antigo barrio degradado e/ou residencial de clase social baixa cando pasa progresivamente a ser habitado por inquilinos de clase media-alta
  

lunes, 17 de abril de 2017

Tema 12; España no escenario xeopolítico: España na UE - España no mundo.

España na UE


A Unión Europea é unha organización internacional constituída por 28 estados europeos. A Unión Europea ten moitas actividades, entre as que destacan a creación dun mercado europeo único (ou sexa unha unión aduaneira), dunha moeda única (adoptada por 16 dos 28 estados membros) e dunha política agrícola (PAC), pesqueira (PPC), comercial e de transportes común. A Unión Europea desenvolve tamén varias iniciativas para a coordinación das actividades xudiciais e de defensa dos Estados Membros, así como trata de equiparar o desenvolvemento das diversas rexións mediante compensacións económicas, e de fortalecer a propia unión creando vínculos culturais e de cooperación por medio de programas específicos de mantemento de proxectos a escala europea e intercambio de persoas.

O Tratado de París (1951), establecendo a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA), e o Tratado de Roma (1957), instituíndo a Comunidade Económica Europea e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica ou Euratom, foron asinados por seis membros fundadores: Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Luxemburgo e Países Baixos. Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo acordaran anteriormente formar o chamado Benelux.

Despois disto, a UE realizou seis ampliacións sucesivas: en 1973 Dinamarca, Irlanda e Reino Unido (que sairá da UE en 2019 despois de realizar un referendum ó respecto con resultado negativo -Brexit-); en 1981 Grecia; en 1986 España e Portugal; en 1995 Austria, Finlandia e Suecia; o 1 de maio de 2004, República Checa, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta e Polonia; o 1 de xaneiro de 2007, Bulgaria e Romanía; o 1 de xullo de 2013 Croacia.

En 1972 e 1994, Noruega asinou tamén tratados de adhesión á Unión Europea. Porén e sempre a través de referendos, a poboación norueguesa rexeitou a adhesión do seu país. A República de Macedonia, Islandia, Montenegro e Turquía son candidatos a adhesión á UE. As negociacións con Turquía, e Macedonia aínda non se iniciaron formalmente e por tanto aínda non hai unha data definida para a súa incorporación.

Para unirse á UE, un país debe satisfacer os criterios de Copenhaguen, definidos en 1993 no Consello Europeo de Copenhaguen. Estes esixen unha democracia estable que respecte os dereitos humanos e o Estado de Dereito; unha economía de mercado viable capaz de competir dentro da UE, e a aceptación das obrigacións da adhesión, incluída a lexislación da UE.

Cando se asinou o Tratado de Roma en 1957, España tiña un réxime ditatorial. Os países asinantes non contaron con ela, xa que non cumpría os requisitos políticos necesarios. En 1979 comezaron as negociacións para a adhesión de España á Comunidade Económica Europea (CEE). O requisito esixido era dispor de institucións democráticas e a adaptación da economía española á comunitaria, sobre todo na produción agraria e pesqueira. España, ademais, solicitou tempo para se adaptar á unión aduaneira e á existencia de determinados monopolios, e permitir así a integración progresiva dalgúns sectores produtivos. Tras longas negociacións, tanto España como Portugal incorporáronse á CEE en 1986.
Parte do desenvolvemento económico e social de España débese á integración europea:
   
  • España comezou a recibir fondos da CEE desde 1987. Estas axudas crearon uns 300.000 empregos anuais. 
  • A renda per cápita actual é o 97,7 % da media comunitaria; no ano 1986 era dun 68 %.
  • O 90 % dos investimentos que recibe España do exterior procede da Unión Europea.
  • Os fondos europeos serviron para financiar proxectos como:
    • Construción do 40 % de autovías e ampliación de portos, aeroportos e metros
    • Programas educativos para estudantes (Erasmus)
    • Tarxeta Sanitaria Europea
    • Restauración ou reconstrución do patrimonio artístico e monumental.

España no mundo



España é un dos 27 países membros da Unión Europea e un dos 198 países que hai actualmente no mundo. Forma parte da civilización occidental e da cultura mediterránea. A economía española é das máis desenvolvidas e a poboación goza dun elevado nivel de benestar. Para analizar a súa posición no conxunto mundial convén ter en conta diversas variables:

Extensión. Se ordenamos os países pola súa extensión, nos primeiros lugares figuran países que ocupan unha gran parte dun continente con extensións superiores aos 7 millóns de km. Unha segunda categoría de países inclúe grandes Estados con máis de 1 millón de km. España ocupa pola súa extensión (505.990 km) o lugar cincuenta e un na clasificación mundial, de xeito que se considera un territorio relativamente grande.

Poboación. Se ordenamos os países pola súa poboación, España ocupa un lugar destacado, polo que se pode considerar un país poboado. Salientan nos primeiros lugares China, con máis de 1.300 millóns de habitantes, e a India, con 1.166 millóns, que son os países máis poboados da Terra. España está situada dentro do grupo de pases que teñen un volume considerable de poboación (46 millóns).

Riqueza. O nivel de riqueza dun país adóitase medir segundo o seu Produto Interior Bruto por habitante (PIB per cápita). O PIB per cápita é o valor de toda a produción dun ano dividido polo número de habitantes. España, cun PIB por habitante de 24.000 euros, é un país rico que forma parte do conxunto de países desenvolvidos no mundo. España pertence á Unión Europea e, como tal, está incluída no grupo de países economicamente máis poderosos do planeta.

Desenvolvemento. Para poder situar de forma comparativa o desenvolvemento actual dos países recórrese ao Índice de Desenvolvemento Humano (IDH), un indicador que se calcula a partir de tres variables: a esperanza de vida ao nacer, o índice de escolarización e o índice do PIB por habitante e se puntúan entre un valor máximo de 1 e un valor mínimo de 0; España ocupa o lugar 27º na clasificación mundial (0,884 de índice). Todos estes datos veñen confirmar que formamos parte do pequeno grupo de habitantes do planeta que goza das condicións de vida máis favorables.

Respecto a súa proxección cultural no mundo, España é un país multilingüe, no que os diversos idiomas constitúen unha riqueza cultural. Das linguas de España, a que ten maior presenza no mundo é o castelán, porque o falan nas súas diferentes modalidades centos de millóns de persoas de diversos países de América Latina. O castelán tamén é a segunda lingua máis falada de Estados Unidos debido ao número de inmigrantes hispanos, e é lingua oficial da ONU e cooficial no ámbito da Unión Europea.

En canto a súa presenza nos organismos internacionais España, debido á Guerra Civil e á ditadura franquista, viviu illada do ámbito internacional entre os anos 1939 e 1959. A posición estratéxica que ocupa no mar Mediterráneo interesoulle a Estados Unidos durante a guerra fría e iso facilitou a súa apertura ao exterior e a súa entrada na ONU en 1955. Desde aquela España coñeceu un gran desenvolvemento económico e social e hoxe figura como membro da Unión Europea, institución na que se integrou en 1986 (CEE, hoxe UE).

Ademais partircipa nun gran número de organizacións internacionais, o que expresa a vontade e a necesidade de resolver os problemas pola vía do diálogo e da cooperación. Unha das máis importantes é a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Esta organización foi fundada despois da Segunda Guerra Mundial, en 1949, para lles facer fronte a posibles ameazas do bloque comunista. É unha organización de defensa político-militar cuxo obxectivo é a axuda mutua, salvagardar a paz, a seguridade e o benestar das potencias que a integran en caso dun ataque exterior. Tras un referendo, España incorporouse definitivamente á OTAN en 1986

Das organizacións económicas máis destacadas na que España tamén ten un papel moi activo salienta a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). Esta organización foi fundada en 1960 e ten como obxectivo coordinar as políticas económicas e sociais dos Estados membros. España ingresou na OCDE en 1961. Tamén forma parte do Fondo Monetario Internacional (FMI), institución de carácter financeiro, e da Organización Mundial do Comercio (OMC), de tipo comercial.

miércoles, 5 de abril de 2017

Exercicios tema 12

Exercicios

Exercicios 2

Maps




http://www.vox.com/2014/9/8/6103453/38-maps-that-explain-europe

http://www.vox.com/2014/5/28/5758662/occupation-europe-map-ukraine

http://www.vox.com/2014/9/23/6829399/23-maps-and-charts-that-will-surprise-you

http://www.vox.com/2015/2/18/8056325/bad-maps


Tema 4: “Problemática dos recursos hídricos en España e posibles solucións”


Tema “Problemática dos recursos hídricos en España e posibles solucións”. a) Os transvases. b) A desalinización. c) A recuperación de acuíferos. d) O saneamento dos ríos.

España é un territorio onde a auga é escasa e está desigualmente repartida. Podemos considerar España como unha área xeográfica árida porque as precipitacións unicamente superan os 1000 mm anuais nos lugares de clima propiamente oceánico, onde chegan os efectos das borrascas atlánticas, e nalgunhas zonas de montaña. Nas terras de clima interior e mediterráneo as chuvias son escasas e irregulares, con veráns secos, e con intensa evaporación. Do elevado grao de aridez de boa parte das terras de España derívase a escaseza dos seus recursos hídricos.

As confederacións hidrográficas son entidades adscritas ao Ministerio de Medio Ambiente que teñen como función xestionar os recursos hídricos do territorio que se lles asignou. Os recursos hídricos son importantes nas confederacións do Norte, Douro, Texo e Ebro. Pola contra manteñen un precario equilibrio as do Guadiana, Xúcar, Pireneo Oriental e Canarias e son claramente deficitarias as confederacións do Guadalquivir, Sur, Segura e Baleares. Por iso, as políticas hídricas están orientadas á obtención de auga.
Cabe diferenciar entre a política de transvasamentos, a desalinización da auga do mar, a recuperación dos acuíferos e os plans de saneamento dos ríos.
As políticas de transvasamentos A desigual distribución dos recursos hídricos presentou a posibilidade dunha política de transvasamentos, ao derivar auga dun río a outro. De feito o abastecemento de cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Murcia, Alacante, Sevilla ou Cádiz depende de pequenos transvasamentos de augas e de complexos sistemas de distribución. Para levar a cabo grandes transvasamentos son necesarias obras que, en ocasións, atopan unha forte oposición. De feito, dos proxectos existentes, unicamente se cumpriu a primeira fase do transvasamento Texo‐Segura. A condución de auga a gran distancia require custosos traballos de enxeñaría e de bombeo, e pódese perder auga por evaporación. Doutra banda, a cesión de caudais dun río a outro pode producir cambios nos acuíferos, limitacións para ampliar o uso da auga nas cuncas fluviais de orixe, e tamén producir cambios na achega de sedimentos.
A desalinización da auga do mar Na actualidade, búscase satisfacer a demanda de auga das áreas deficitarias coa instalación de plantas desalgadoras. Esta solución resulta custosa e o seu funcionamento consume moita enerxía. No entanto, a técnica para desalgar a auga do mar está a realizar numerosos progresos para abaratar os seus custos e mais o seu consumo de enerxía, e a auga que se obtén é de boa calidade. En España funcionan plantas desalgadoras nas illas Canarias e Almería, e estanse a construír novas instalacións ao longo da costa mediterránea.
A recuperación dos acuíferos As augas subterráneas, cuxa renovación pode representar decenas de milleiros de anos, explótanse a partir da perforación de pozos e o bombeo de auga. Este aproveitamento foi moi intenso nas terras mediterráneas, para regar as hortas, e tamén para aquelas terras que non contan con outro recurso hídrico, como o Campo de Níxar, áreas do Maestrazgo e algúns lugares da Mancha. A extracción de auga dos acuíferos non soamente fixo diminuír o seu nivel, senón que tamén provocou o desecamento total ou parcial de áreas lacustres e palustres. Nas áreas litorais, o risco máis grave é a salinización da auga dos acuíferos. Para poder extraer auga doce, as perforacións alcanzaron ás veces os 600 m de profundidade. A falta de presión da auga doce rompe o equilibrio entre a presión que exerce esta e a auga do mar, que penetra nos acuíferos e provoca a salinización dos solos de cultivo e a perda da súa fertilidade. Esta auga non é apta para algúns usos industriais nin para o consumo. A crecente urbanización da costa mediterránea e a agricultura e mais a gandaría intensiva favoreceron a filtración das augas residuais, xurros e produtos químicos que corromperon a calidade de moitas augas subterráneas. Para resolver estes problemas actualmente proponse inxectar auga para recargar algúns acuíferos e proceder á depuración das augas que conteñen.
Os plans de saneamento dos ríos En España aplícanse plans de saneamento dos ríos coa finalidade de reducir a progresiva deterioración da calidade das súas augas e acadar un bo estado ecolóxico, o que significa que os seus leitos van poder ter a capacidade de xerar vida.  Estes plans supoñen un maior control sobre as verteduras industriais e urbanas, así como a instalación de colectores e plantas depuradoras de auga, para converter algúns ríos cloaca en ríos de augas limpas.
Un dos obxectivos do Plan Nacional de Calidade das Augas 2007‐2015 é a restauración dos ríos españois co fin de devolver ao seu estado natural ríos, corgos, regueiros e brañais. Algunhas das metas principais que fixaba o Plan eran:
  • Garantir a calidade da auga distribuída en consonancia coas normas europeas.
  • Previr, reducir e tratar a produción de refugallos e os seus efectos nocivos.
  • Garantir un nivel elevado de protección das augas e promover a súa utilización sustentable.
  • Recuperar o valor ecolóxico e cultural dos ríos, posibilitando que as xeracións futuras poidan gozar da riqueza do medio fluvial.

Tema 3.2: “Factores da diversidade bioxeográfica”

Tema “Factores da diversidade bioxeográfica”. a) Situación xeográfica e procesos naturais. b) Acción antrópica.

A diversidade é un dos trazos que identifica as condicións naturais de España. Esta maniféstase tanto nas características do relevo, os contrastes climáticos e hídricos, e a distribución dos solos, como nas diversas adaptacións ao medio que realizaron os seres vivos. Á súa vez, a actividade humana tamén influíu nos solos, na vexetación e na fauna; unhas veces favorecendo o desenvolvemento de determinadas especies, e outras poñendo en perigo a súa supervivencia. Non obstante, e malia a intensa e secular explotación dos recursos, España é actualmente un dos países da Unión Europea onde a biodiversidade é máis elevada.

a) Situación xeográfica e procesos naturais. Canto á situación xeográfica de España, esta localízase entre o norte de África e o extremo suroccidental de Europa e, á súa vez, entre o Mediterráneo e o Atlántico. Esta situación permítelle ter influenzas de ámbitos con características climáticas, florísticas e faunísticas moi diversas, como son as rexións eurosiberiana, mediterránea e macaronésica.

Durante as glaciacións cuaternarias, amplos sectores da península ibérica e dos dous arquipélagos tiveron unhas condicións máis cálidas que as do centro e norte de Europa, polo que serviron desta forma de refuxio a numerosas especies vexetais e animais. Algunhas destas especies, desaparecidas actualmente do resto de Europa, aínda perduran en determinadas rexións españolas. Á súa vez, moitas quedaron illadas e evolucionaron, de tal xeito que deron lugar a endemismos, dos que España posúe un amplo patrimonio (o drago canario, algúns fentos da rexión atlántica,..).

As penínsulas do sur de Europa, así como algúns arquipélagos son as rutas máis empregadas polas aves para desprazárense entre Europa e África. Grazas a súa localización, España representa un papel esencial nas rutas das aves migratorias, ben como área de nidificación de numerosas especies, punto de invernada, ou simplemente como zona de descanso.

A existencia dun relevo moi contrastado, entre chairas e montañas, áreas costeiras e de interior, zonas continentais e arquipélagos, que multiplica a variedade de condicións ambientais. A iso súmase a diversidade litolóxica, onde rochas de diferente composición, cronoloxía e grao de meteorización favorecen a formación de distintos tipos de solos e, con iso, de diferentes condicións para que se instale a vexetación e a fauna.

Unhas condicións climáticas moi diversas con notables constantes entre as rexións de clima mediterráneo e oceánico, e entre estas e as que se dan no arquipélago de Canarias. Ademais, tanto no territorio peninsular como nos arquipélagos hai unha gran diversidade de climas locais, en función da altitude dos territorios e a súa diferente exposición ás masas de aire.

A distribución dos recursos hídricos, moi desigual en España, tanto espacial coma estacionalmente, inflúe na localización da flora e a fauna:
    · Nas rexións de clima oceánico ou en numerosas áreas de montaña, a auga achegada pola precipitación supera a que é consumida pola evaporación, polo que un volume considerable pode circular polos ríos.
    · En contrapartida, nas rexións mediterráneas e en amplos sectores de Canarias, a maior parte da auga de chuvia evapórase ou é empregada polos seres vivos, por estas causas, na maioría dos casos, os cursos de auga só se activan tras as chuvias torrenciais. Moitas especies desenvolveron mecanismos para adaptarse a estes contrastes.


b) Acción antrópica A incidencia da actividade humana sobre a biodiversidade tivo consecuencias de diferente signo:
    · Nunhas ocasións contribuíu á diversificación de ecosistemas -por exemplo, mediante algunhas prácticas agrarias-, ou á conservación dalgunhas especies, sobre todo aquelas das que se podía beneficiar.
    · Noutras, en cambio, favoreceu a súa extinción. Na actualidade, existen notables contrastes entre áreas intensamente explotadas durante séculos, e outras que, ao quedaren nunha posición marxinal dos fluxos económicos, preservaron boa parte da súa biodiversidade.

Nas últimas décadas, o número de especies ameazadas incrementouse significativamente; sobre todo, o daqueles que se atopan en perigo de extinción. O maior número de especies ameazadas rexístrase entre as aves, seguidas da flora e, a maior distancia, dos mamíferos e os reptís. Este incremento está moi vinculado á expansión de actividades humanas que implican, directa ou indirectamente, a destrución de hábitats e a contaminación do medio. Non obstante, este proceso coincide no tempo cunha etapa en que se están desenvolvendo numerosas estratexias de conservación, polo que cabe esperar que, nun futuro próximo, se reduza o grao de ameaza.

Tema 5: Repercusións ambientais da acción humana

“Repercusións ambientais da acción humana: a) Contaminación. b) Cambio climático. c) Pegada ecolóxica”. 

Na actualidade, moitas actividades humanas levan consigo grandes e graves consecuencias non desexadas, especialmente sobre o medio: a contaminación e o cambio climático quizais sexan dúas das máis preocupantes, por esta razón ás veces é necesario realizar avaliacións de impacto ambiental. A contaminación é unha das maiores e máis negativas consecuencias ambientais e sociais que teñen as actividades humanas. Supón a introdución, nun medio calquera, dunha substancia en cantidade abonda como para xerar algún dano ou desequilibrio, irreversible ou non, e que pode ser prexudicial para a saúde, para a seguridade ou o benestar da poboación ou para a vida vexetal ou animal. A contaminación clasifícase segundo os medios aos que afecta:
  • Contaminación atmosférica. Os principais contaminantes (en especial o dióxido de carbono) proceden de procesos de combustión en actividades de transporte, industrias, xeración de enerxía eléctrica e calefacción doméstica, así como da evaporación de disolventes orgánicos e das emisións de gases, que orixinaron un buraco na capa de ozono.
  • Contaminación da auga. Xeralmente a contaminación de ríos, mares e augas subterráneas provén de verteduras e refugallos industriais (con presenza de metais e de augas con elevada temperatura) así como de augas residuais non tratadas procedentes do saneamento de vilas e cidades.
  • Contaminación do solo. Aparece logo da aplicación de insecticidas, por filtracións ou roturas de canalizacións de augas residuais e produtos industriais.
    A contaminación tamén se pode clasificar en función do método contaminante ambiental. Así, podemos distinguir entre:
  • Contaminación química. Significa a introdución de substancias potencialmente perigosas para a saúde e para o ámbito da terra, nos alimentos, no aire ou na auga.
  • Contaminación radioactiva. Derivada da dispersión de materiais radioactivos, como o uranio enriquecido, usados en instalacións médicas ou de investigación, en reactores nucleares de centrais enerxéticas, en probas atómicas.
  • Contaminación acústica. É a contaminación debida ao ruído, ao son excesivo ou molesto causado polas fábricas, os medios de transporte ou certas actividades de lecer.
  • Contaminación térmica. Ten lugar no momento en que un proceso vén a modificar a temperatura do medio de forma prexudicial, por exemplo debido á vertedura de auga quente nun río: o incremento da temperatura diminúe a solubilidade do osíxeno na auga, polo que pode xerar unha gran mortaldade de peixes.
  • Contaminación electromagnética. É a producida a partir das radiacións xeradas por equipos electrónicos e por instalacións eléctricas.
  • Contaminación luminosa. Refírese ao resplandor de luz difundido no ceo nocturno e producido pola luz artificial procedente das cidades, dos vehículos e doutras infraestruturas.
  • Contaminación visual. Prodúcese cando a abundancia, a desorde ou o tipo de elementos que se achan na paisaxe deterioran a súa estética.

O cambio climático é a modificación que sofre o clima en relación ao paso do tempo e no ámbito global. Sobre o clima inflúen moitos fenómenos: a órbita da Terra, o tipo e cantidade de insolación, a composición da atmosfera, a disposición dos continentes, as correntes mariñas. Ao longo da historia do noso planeta estes fenómenos foron variando de forma natural, así que, certamente, sempre existiron cambios climáticos. Os seres humanos son un máis dos axentes que poden influír no cambio climático. Inda que durante moitos séculos a súa influencia foi moi reducida, nos últimos anos a cantidade e a intensidade das accións humanas sobre o planeta son tantas, que están a inducir notables transformacións das condicións climáticas e, o que é peor, a unha gran velocidade, o que impide a adaptación da natureza ás novas circunstancias. Para se referir ao cambio de orixe humana, úsase tamén a expresión cambio climático antropoxénico: as accións humanas de hoxe non só están a condicionar o clima a longo prazo senón no futuro máis próximo. Entre os elementos que inflúen no cambio climático cabe citar:
  • O efecto invernadoiro e o quecemento global. A enerxía solar quenta o solo terrestre, que devolve unha parte (un 37,5%) desa enerxía ao espazo exterior mentres que o resto é retido polos gases das capas superiores da atmosfera, producindo o seu quecemento. É o que se chama efecto invernadoiro xa que funciona igual que os cristais dun invernadoiro de xardinaría pero esta vez desenvolvéndose de forma natural: de aí o nome e o paralelismo. O preocupante é que nos últimos tempos a proporción dos gases que producen este efecto (CO2, metano e clorofluorcarbonatos ou CFC, entre outros) se elevou enormemente, de xeito que impide que saia ao espazo exterior parte da enerxía que emite a superficie da Terra. Como consecuencia, elévase a temperatura da atmosfera, empezando así un proceso de quecemento global e de cambio climático antropoxénico




  • O quentamento global e os océanos. O aumento global da temperatura ten un efecto directo nos océanos. Desde o ano 1960 a temperatura media dos océanos aumentou 0,1ºC, pero as augas do océano Antártico fixérono en 0,2ºC. Iso, unido ao aumento da temperatura do aire, fai que se orixine o desxeo de grandes placas xeadas nas zonas ártica e antártica, así como tamén o dos glaciares terrestres. 
Para intentar evitar os efectos negativos do cambio climático, asináronse varios tratados para reducir as emisións de gases contaminantes, o máis coñecidos dos cales foi o Protocolo de Kyoto, asinado e 1997 e que entrou en vigor en 2005, pero que non foi tan eficaz como debera polo escaso compromiso de grandes potencias como EEUU. Recentemente, en decembro de 2015, reuniuse a XXI Conferencia sobre o Cambio Climático, que asinou o Acordo de París para reducir o aumento da temperatura do planeta por debaixo de 1,5º, pero o acordo debe ser ratificado polos países firmantes e en calquera caso carece de capacidade sancionadora para os países que o incumplan.
A chamada pegada ecolóxica é un indicador de sustentabilidade que resume, para cada individuo, cal é a área necesaria para producir os recursos que utiliza e para asimilar os refugallos que xera. O seu obxectivo consiste en avaliar o impacto sobre o planeta nun determinado modo de vida. A biocapacidade do planeta por cada habitante estimouse en 1,8 ha, ou o que é o mesmo, se tivésemos que repartir o terreo produtivo da Terra en partes iguais, a cada un dos 7.000 millóns de habitantes, corresponderíanlles 1,8 ha para satisfacer todas as súas necesidades durante un ano. Malia o anterior, cada ser humano está gastando a cantidade de 2,23 ha, polo que, globalmente, se consomen máis recursos e se xeran máis refugallos dos que o planeta pode xerar e admitir.