jueves, 16 de marzo de 2017

Exercicio turismo 2





2.- Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):  

a) Observe a figura 1 e identifique as dez provincias peninsulares que recibiron 600.000 o mais turistas   estranxeiros (1 punto). Gerona (Girona), Barcelona, Tarragona, Madrid, Valencia, Alicante (Alacant), Granada, Málaga, Cádiz, Sevilla. 

b) Comente os documentos seguindo estas cuestións:  

  • Analice os tipos de documentos nas figuras 1 e 2 (1 punto). A figura 1 é un mapa administrativo de España, de coropletas, cunha división provincial, sobre a que se marca unha lenda de cores que amosan distintos intervalos de número de turistas estranxeiros recibidos por provincia a partir da información subministrada polo INE (Instituto Nacional de Estatística). A figura 2 amosa unha fotografía panorámica dunha paisaxe litoral humanizada; nun primeiro termo, un outeiro, en segundo plano unha aglomeración urbana a carón dunha praia -con edificios moi elevados- e ao fondo unha liña de montañas que descende cara a un cabo.

  • Comente a figura 2 analizando a súa posible localización, os elementos e as características deste espazo relacionándoas co tipo de actividade dominante (1 punto). Amosase  un modelo de paisaxe turística (que corresponde á cidade de Benidorm, no litoral alacantino). Nesta paisaxe aprécianse unha serie de recursos naturais que favorecen o turismo: praias longas e areosas que se combinan co clima mediterráneo -caracterizado por veráns secos e calorosos; o tipo de clima pode deducirse da escasa vexetación que existe na montaña do fondo e da cuberta vexetal de piñeiros que observamos no primeiro plano. Este espazo turístico caracterízase por unha abundante oferta hoteleira e extrahoteleira (apartamentos, cámpings), que dispón de boa accesibilidade por estrada e vía aérea, dada a súa proximidade aos aeroportos. Este tipo de paisaxe turística presenta –como podemos observar na imaxe- elevadas densidades e un elevado número de todo tipo de aloxamentos situados ao longo da liña de costa ou nas súas proximidades, diminuíndo con rapidez cara ao interior. Benidorm, ao igual que outras cidades do litoral mediterráneo, optaron por potenciar a construción en altura para facer rendible ao máximo este tipo de turismo (baseado en moitas ocasións en importantes operacións inmobiliarias). Este modelo turístico presenta todo tipo de actividades (hoteis, restaurantes, comercios, axencias de viaxes...) que teñen os turistas como clientes. Para iso precisa dispor de boas accesibilidades por estrada e vía aérea (proximidade a aeroporto). Estamos, polo tanto, diante do modelo máis extendido de oferta turística en España, o modelo de sol e praia, cunha abundante oferta dirixida a unha clientela masiva, de nivel medio, e moi concentrada nos meses de verán polo que enfróntase dende hai tempo a problemas de saturación, deterioración do medio ambiente e á competencia doutros destinos similares e máis baratos.

  • Analice distintas repercusións da actividade económica dominante nesta paisaxe (1 punto). As repercusións deste modelo turístico son variadas: 
    • Demográficas: cunha alta concentración de poboación en tempada turística alta no verán, tanto pola afluencia de visitantes como de empregados nos servizos turísticos. Esta afluencia de visitantes pode provocar saturación e deterioro das infraestruturas, perda de calidade e problemas medioambientais. A estacionalidade deste lugar, sen embargo, é menor que a doutros lugares da costa, pois tanto o turismo de Semana Santa e pontes como a afluencia de turismo de terceira idade español e estranxeiro contribúen a alixeirar un pouco a devandita estacionalidade.  
    • Económicas: creación dunha serie de empregos no sector turístico -que non obstante, están sometidos á estacionalidade da demanda- e na construción.  Tamén é unha actividade afectada por certa inestabilidade asociada á evolución da economía internacional: aumenta en períodos de crecemento económico, pero a chegada de turistas vese freada en fases de crise ou en momentos de inseguridade internacional. 
    • Ordenación do territorio: nos espazos próximos tamén se implantan actividades en relación co turismo, como amosa a canteira aberta na montaña; os espazos agrarios e rurais da contorna pasaron a ser terreo urbanizable para todo tipo de aloxamentos ou infraestruturas turísticas, co conseguinte cambio de uso e valor do solo.  
    • Medioambientais: a creación de bloques de hoteis e apartamentos á beira da liña de praia ten alterado profundamente a visión tradicional deste antigo porto pesqueiro. O incremento da actividade tamén provoca un consumo notable de recursos escasos -como a auga potable- e xera tamén importantes volumes de residuos sólidos urbanos (RSU), e diversos tipos de contaminación.  

Exercicio transporte 1





 2.- Atendendo ao documento conteste as seguintes cuestións (puntuación máxima de 4 puntos): 

a) Indique o nome das catro illas cos aeroportos de maior número de pasaxeiros (1 punto). Mallorca, Tenerife, Gran Canaria e Lanzarote.
 
 b) Identifique o tipo de documento e expoña brevemente as características do transporte aéreo (1 punto). O documento recolle un mapa temático de España de base provincial que representa duas variables: unha, cuantitativa, amosa o tráfico de pasaxeiros nos aeroportos comerciais españois no ano 2008 utilizando unha barra na que a lonxitude é proporcional ao número de pasaxeiros e a súa base está situada na provincia onde se atopa o aeroporto. Outra, cualitativa, sinala mediante a cor amarelo as provincias con aeroporto. No extremo superior de cada barra aparece o dato cuantitativo en miles, e os aeroportos cun tráfico menor a 250.000 pasaxeiros aparecen representados cun punto na súa localización provincial. A fonte é o Ministerio de Fomento.
O transporte aéreo destínase principalmente ó traslado de pasaxeiros a longas distancias. As mercadorías transportadas por este medio se restrinxen ás máis urxentes (medicinas), ás de gran valor (material informático), ás de rápida caducidade (correo, alimentos) e ás de escaso volume.
As súas principais vantaxes son ser un medio rápido, seguro e cómodo. Nas últimas décadas experimentou un rápido desenvolvemento debido ao crecemento da renda, os cambios na organización espacial da economía, o aumento da demanda turística, profesional e de negocios e o abaratamento dos prezos polo xurdimento de compañías de baixo custo.
O transporte aéreo tamén presenta problemas como:
- a súa capacidade é limitada polo que resulta un medio caro.
- produce unha alta contaminación atmosférica ao utilizar queroseno como combustible.
- a contaminación acústica polos ruídos e vibracións provocados polo despegue e aterraxe dos avións obriga a que os novos aeroportos se constrúan fóra das áreas urbanas, necesitando así vías de comunicación entre as cidades e os aeroportos.
- Un inconveniente engadido nos últimos anos foron os rigorosos controis de seguridade para previr atentados terroristas, que fan aumentar o tempo de espera nos aeroportos.
Na última década, as compañías tradicionais entraron en proceso de declive ao proliferar compañías de baixo custe (low cost) e os Gobernos impulsaron medidas para liberalizar as compañías que eran propiedade do Estado, que acabaron privatizándose ou fusionándose para ser máis competitivas.  

c) Explique as causas dos distintos valores entre provincias (1 punto). No mapa podemos observar que os aeroportos con maior tráfico de pasaxeiros se concentran no litoral mediterráneo e nas illas. A única excepción é o aeroporto “Adolfo Suárez” de Madrid. Esto débese a que o transporte aéreo é un piar básico da economía española porque está relacionado directamente co turismo, que é unha das maiores fontes de riqueza do país.
No mapa podemos ver que os principias aeroportos españois son os de Madrid, Barcelona e Palma de Mallorca. O de Madrid é o máis importante xa que pola estrutura xerárquica da rede aeroportuaria española funciona como hub ou aeroporto central, que ten conexións directas con case todos os aeroportos españois e cos principias do estranxeiro. Os aeroportos periféricos teñen que realizar os seus enlaces a través de Madrid aínda que tamén destaca o aeroporto do Prat de Barcelona, que aspira a un papel de hub.
Despois de Madrid e Barcelona, salientan aqueles aeroportos que serven a importantes zonas turísticas tradicionais como os do arquipélago canario: Tenerife, As Palmas, Lanzarote e Forteventura; os do arquipélago balear: Palma, Eivissa e Menorca e no litoral mediterráneo os de Málaga e Alacant.
 
d) Expoña as consecuencias do elevado número de aeroportos (1 punto). Un aspecto que podemos observar no mapa é a existencia en España de numerosos aeroportos xa que ata ben pouco se seguiu a política de que todas as cidades de certo tamaño contasen cun (modelo de aeroporto-cidade).
A práctica totalidade dos aeroportos españois son propiedade de “AENA Aeroportos”. Cando foi posible a construción de novos aeroportos por parte de xestores independentes, o xestor público contaba xa con aeroportos nas zonas con maior tráfico aéreo. Nos últimos anos construíronse varios aeroportos en distintas provincias se ben todos eles teñen tráficos moi reducidos (impacto da crise económica) e non son rendibles xa que un aeroporto necesita boa accesibilidade e unha importante loxística que comprende grandes instalacións e servizos adecuados para desempeñar a súa función e se non teñen un número mínimo de viaxeiros deixan de ser atractivos para moitas actividades económicas como servizos de restauración, oficinas bancarias, comercios, axencias de aluger de vehículos ou transportes urbanos.

Definicións para o control do 21/3

Vexetación clímax: é aquela vexetación que está en equilibrio coas condicións ambientais dun lugar, é dicir, a vexetación potencial que debería existir nun lugar de non mediaren outros factores cós meramente ambientais.

Vexetación antrópica
: Vexetación introducida polo home nun espacio determinado da biosfera polo seu valor económico, ou a degradación da cuberta vexetal existente. Cando a vexetación dunha zona é o resultado da intervención humana, denomínase vexetación secundaria. Un exemplo sería a repoboación de piñeiros e eucaliptos na paisaxe vexetal de clima oceánico.

Laurisilva
: Bosque nubrado subtropical, propio de lugares húmidos, cálidos e sen xeadas, con grandes árbores -algunhas perennifolias, de grande altura-, que en España se dá nas illas Canarias, máis concretamente nas vertentes setentrionais das illas occidentais de maior elevación, alí onde o “mar de nubes” -determinado pola afluencia dos alisios- permite o seu crecemento.

Maquis:
 ecosistema de matogueira mediterránea, formación de especies perennifolias,
principalmente arbustivas, que acostuma refuxiarse sobre solos silíceos. Os madroños, as xaras, os brezos, lentiscos, romeus e outras especies son características desta formación, de maior porte xeralmente que as garrigas.


Landa.- Formación vexetal de matogueira, característica da rexión eurosiberiana e como consecuencia da degradación do bosque mixto atlántico. Está formada por matogueiras como a xesta, o toxo e o breixo, podendo acadar os 3 m de altura. É característica da España húmida, asentándose sobre solos pobres e pouco aptos para o cultivo.
 
Estiaxe: momento do ano en que un río presenta augas baixas no seu caudal, debido á aridez ou á retención da auga en forma de neve ou xeo en inverno

Cunca fluvial
: é a porción de terreo que drena  a un colector principal (río ou lago), limitada por unha liña de cumes ou divisoria de augas– liña desde a que as augas correntes flúen en direccións opostas, e que soe coincidir cos niveis máis elevados de determinados sistemas montañosos

Marisma: terreo que normalmente está lixeiramente por debaixo do nivel do mar, que se inunda coas augas mariñas, coas dos ríos que desaugan alí, ou con ambas á vez, e que posúe unha vexetación anfibia


Paisaxe: calquera área da superficie terrestre produto da interacción dos diferentes factores presentes nela e que teñen un reflexo visual no espazo. Defínese polas súas formas: naturais ou antrópicas

Efecto invernadoiro:
 Concepto medioambiental que refire ao proceso que explica o quentamento da atmósfera terrestre por similitude co que acontece nun invernadoiro; en efecto, a atmósfera pode ser atravesada pola radiación solar calorífica de onda curta, pero non por toda a radiación terrestre de onda larga, gran parte da cal é absorbida polo vapor de auga e o dióxido de carbono.

Ecosistema: conxunto de organismos vexetais e animais que habitan un lugar e que interrelacionan entre sí e co medio que lles é propio.

Avaliación de impacto ambiental: Procedemento técnico-administrativo mediante o cal se avalía á repercusión provocada por un programa, obra ou proxecto con capacidade para xerar alteracións notables no medio ambiente co obxectivo que a autoridade competente poda aceptalo, modificalo ou rexeitalo.