jueves, 16 de marzo de 2017

Definicións para o control do 21/3

Vexetación clímax: é aquela vexetación que está en equilibrio coas condicións ambientais dun lugar, é dicir, a vexetación potencial que debería existir nun lugar de non mediaren outros factores cós meramente ambientais.

Vexetación antrópica
: Vexetación introducida polo home nun espacio determinado da biosfera polo seu valor económico, ou a degradación da cuberta vexetal existente. Cando a vexetación dunha zona é o resultado da intervención humana, denomínase vexetación secundaria. Un exemplo sería a repoboación de piñeiros e eucaliptos na paisaxe vexetal de clima oceánico.

Laurisilva
: Bosque nubrado subtropical, propio de lugares húmidos, cálidos e sen xeadas, con grandes árbores -algunhas perennifolias, de grande altura-, que en España se dá nas illas Canarias, máis concretamente nas vertentes setentrionais das illas occidentais de maior elevación, alí onde o “mar de nubes” -determinado pola afluencia dos alisios- permite o seu crecemento.

Maquis:
 ecosistema de matogueira mediterránea, formación de especies perennifolias,
principalmente arbustivas, que acostuma refuxiarse sobre solos silíceos. Os madroños, as xaras, os brezos, lentiscos, romeus e outras especies son características desta formación, de maior porte xeralmente que as garrigas.


Landa.- Formación vexetal de matogueira, característica da rexión eurosiberiana e como consecuencia da degradación do bosque mixto atlántico. Está formada por matogueiras como a xesta, o toxo e o breixo, podendo acadar os 3 m de altura. É característica da España húmida, asentándose sobre solos pobres e pouco aptos para o cultivo.
 
Estiaxe: momento do ano en que un río presenta augas baixas no seu caudal, debido á aridez ou á retención da auga en forma de neve ou xeo en inverno

Cunca fluvial
: é a porción de terreo que drena  a un colector principal (río ou lago), limitada por unha liña de cumes ou divisoria de augas– liña desde a que as augas correntes flúen en direccións opostas, e que soe coincidir cos niveis máis elevados de determinados sistemas montañosos

Marisma: terreo que normalmente está lixeiramente por debaixo do nivel do mar, que se inunda coas augas mariñas, coas dos ríos que desaugan alí, ou con ambas á vez, e que posúe unha vexetación anfibia


Paisaxe: calquera área da superficie terrestre produto da interacción dos diferentes factores presentes nela e que teñen un reflexo visual no espazo. Defínese polas súas formas: naturais ou antrópicas

Efecto invernadoiro:
 Concepto medioambiental que refire ao proceso que explica o quentamento da atmósfera terrestre por similitude co que acontece nun invernadoiro; en efecto, a atmósfera pode ser atravesada pola radiación solar calorífica de onda curta, pero non por toda a radiación terrestre de onda larga, gran parte da cal é absorbida polo vapor de auga e o dióxido de carbono.

Ecosistema: conxunto de organismos vexetais e animais que habitan un lugar e que interrelacionan entre sí e co medio que lles é propio.

Avaliación de impacto ambiental: Procedemento técnico-administrativo mediante o cal se avalía á repercusión provocada por un programa, obra ou proxecto con capacidade para xerar alteracións notables no medio ambiente co obxectivo que a autoridade competente poda aceptalo, modificalo ou rexeitalo.

martes, 14 de marzo de 2017

Exercicio transporte 2



2.‐ Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 4 puntos): 

a) Nomee seis comunidades autónomas polas que pasa o AVE segundo o documento (1 punto).

O AVE, no mapa, atravesa as comunidades autónomas de Madrid, Andalucía, Castela‐León, Castela‐A Mancha, Aragón e Cataluña. 

b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións: 

Identifique a figura e enumere as características da rede de transporte por estrada (1 punto).

A figura é un mapa temático con división provincial no que os símbolos representan elementos do transporte en España (estradas, ferrocarrís, portos e aeroportos); tamén representa rutas de transporte entre as cidades norteafricanas (Ceuta e Melilla) e a península ibérica. Ten unha escala gráfica adxunta. A rede de transporte por estrada constitúe unha peza básica do conxunto do sistema de transportes. Pon en comunicación a totalidade dos núcleos de poboación do país, ao tempo que resulta imprescindible para acceder ao resto de infraestruturas de transportes (estacións de ferrocarril, aeroportos e portos). É unha rede claramente xerarquizada, na que a rede de estradas de grande capacidade está constituída por autoestradas e autovías; ten un carácter radial ‐herdado da rede de estradas borbónicas implantadas no século XVIII.  Cando na década de 1960 se modernizou a rede de estradas para adaptala ao tráfico de vehículos e de camións e ao desenvolvemento económico, consolidouse o modelo radial. Non obstante, nos últimos anos privilexiáronse as rutas transversais: Cantábrico, Ruta da Prata, Somport‐Valencia. As decisións políticas ‐como a redacción do PEIT‐ teñen moito que ver ao respecto. O resultado final é unha rede de estradas en forma de rede de malla, que conecta mellor as diversas rexións de España entre si e proporciona maior accesibilidade a países da contorna, especificamente Portugal e Francia. Se ben é certo que boa parte das provincias occidentais, limítrofes con Portugal, viven aínda de costas á fronteira, en parte por dificultades do relevo, e en grande medida polo abandono demográfico destas áreas. 

Cite as zonas con menor densidade de autoestradas e autovías, e argumente os factores que motivan dita situación (1 punto). 

Os principais corredores de tráfico correspóndense coas áreas de maior densidade urbana, industrial e turística: o corredor mediterráneo, o cantábrico, o eixe do Ebro, a costa galega e as estradas próximas a Madrid. A maior desenvolvemento económico, maior relevancia do transporte. Por contra, as áreas rurais interiores do Estado, as de menor industrialización e núcleos de poboación máis pequenos permanecen relativamente lonxe das vías de alta capacidade (autoestradas e autovías). O interior galego, parte de Castela e León, Estremadura, Huesca e Teruel son exemplos destas áreas nas que o baixo desenvolvemento económico ou unha forte tendencia ao despoboamento xustifican a distancia dos grandes corredores de transporte.

Indique as consecuencias económicas e medioambientais que producen os medios de transporte representados no litoral mediterráneo (1 punto). 

A maior densificación da rede de transportes no Mediterráneo coincide co incremento das actividades industriais e turísticas nesta área ao longo do período posterior ao desarrollismo. A nivel económico prodúcese unha concentración de actividades de todo tipo (agrícola, industrial e turística) no eixo mediterráneo, que, á beira do eixo do val do Ebro, constitúe o espazo de desenvolvemento principal da economía española. A concentración de infraestruturas provoca unha presión significativa sobre os espazos naturais, que se ven reducidos á par que se reducen algúns terreos agrícolas ben feraces ‐o que obriga a cavar zonas de pendente máis afastadas da costa‐. A concentración de portos produce tamén un impacto sobre o deterioro da calidade das augas dun mar pechado como o Mediterráneo, xa de por si afectado no conxunto por unha alta concentración demográfica e industrial. 

Exercicio turismo 1







2.- Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 4 puntos): 

a) Enumere as comunidades autónomas ás que pertencen os datos do documento e as súas capitais  (1 punto). Costa do Sol: Andalucía: Sevilla;   Costa Brava: Cataluña: Barcelona;  Illa de Lanzarote: Canarias: Sta. Cruz de Tenerife e Las Palmas de Gran Canaria Pireneo catalán: Cataluña: Barcelona 
 
b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións: 

  •  Analice o tipo de documento e os datos representados (1 punto).  Gráfico lineal utilizado para representar a variable da ocupación hoteleira estacional nalgunhas zonas turísticas de España durante os distintos meses do ano 2005.  No eixo horizontal aparecen representados os meses do ano, e no eixo vertical a porcentaxe de ocupación hoteleira correspondente a cada una das zonas representadas (Costa do Sol, Costa Brava, Illa de Lanzarote e Pireneo catalán), utilizando diferentes cores para identificar cada unha delas.   Os datos recollidos para elaborar a gráfica proveñen dunha enquisa sobre ocupación hoteleira realizada polo Instituto Nacional de Estatística (INE).  
  •  Explique as causas das diferenzas entre a liña verde e as demais (1 punto).A liña verde representa un tipo de turismo de montaña (Pireneo catalán) que ten unha estacionalidade máis acusada que o turismo de sol e praia, con dous máximos. Nas áreas de montaña practícase un turismo invernal asociado ás estacións de esquí que explica por qué a ocupación máis baixa se rexistra aquí na primavera e outono. O pico de ocupación de verán nas áreas de montaña prodúcese a causa dun incremento do turismo rural e ecolóxico, vinculado á práctica de actividades de contacto coa natureza que máis recentemente se veñen potenciando (sendeirismo, montañismo, rutas verdes,…).  As condicións climatolóxicas tamén xustifican as diferenzas entre o Pireneo catalán e as demais localizacións, malia que na illa de Lanzarote a estacionalidade é menor, debido á continuidade relativa das condicións meteorolóxicas (clima subtropical) ao longo do ano.  
  • Comente as consecuencias negativas dos datos presentados (1 punto). Entre as consecuencias negativas podemos destacar: A dependencia das condicións meteorolóxicas, especialmente significativa nas áreas de montaña, onde a redución de días de neve pode diminuír a utilización das instalacións.No nivel social, o predominio dos contratos temporais causa o aumento do paro en tempada baixa. No ámbito económico, a dependencia extrema do sector turístico é moi significativa. No aspecto ambiental, o predominio do turismo de sol e praia produce unha deterioración da liña de costa e urbanización masiva (grandes infraestruturas como portos deportivos, espigóns, peirao…), a destrución de paisaxes singulares, a sobreexplotación de recursos, conflitos polo uso do solo e da auga –sobre todo con usos agrarios e industriais, especialmente no Mediterráneo-, contaminación mariña, vertido de residuos e sobreexplotación de infraestruturas. A precariedade dos propios establecementos hoteleiros pode repercutir na contaminación visual do contorno. 


Mapas PEIT


Tema 9: Sector servizos e o proceso de terciarización da economía en España e Galicia”. a) Características do sector terciario. b) Causas da terciarización. c) Contrastes na localización dos servizos.

“Sector servizos e o proceso de terciarización da economía en España. a) Características do sector terciario. b) Causas da terciarización. c)  Contrastes na localización dos servizos.

O sector servizos abrangue todas aquelas actividades que non se poden considerar agrarios, pesqueiros ou industriais. En España este sector ocupa o meirande número de traballadores. Por iso se considera que vivimos nunha sociedade terciaria. Nos países desenvolvidos máis da metade da poboación activa traballa no sector terciario ou servizos, que medrou en importancia tanto polo número de persoas que ocupa como pola riqueza que xera. A distribución dos servizos no territorio amosa grandes desigualdades e desequilibrios, dado que tenden a se concentrar nas zonas con maiores niveles de renda.


a) Características do sector terciario. 


O sector terciario ou servizos abrangue o conxunto de prestacións orientadas a satisfacer as necesidades e demandas da sociedade. É un sector moi heteroxéneo formado por actividades moi diversas. As características principais que definen o sector terciario son: 


- Actividades intanxibles e inmateriais. O que se ofrece e se valora é a calidade da prestación que se realiza, por exemplo, un servizo médico ou unha asesoría. 



- Actividades imposibles de almacenar. Os servizos préstanse cando son necesarios ou requiridos, polo que se adoitan localizar preto dos posibles usuarios. 


- Actividades moi diversas. Desde administracións públicas, servizos financeiros, comerciais, culturais e de lecer, sanitarios e educativos, dirección, administración e asesoría de empresas, servizos de limpeza e mantemento, asistencia social, comunicacións etc. 


- Actualmente, téndese a diferenciar o terciario clásico do terciario superior ou cuaternario, sector que reúne as actividades máis cualificadas: investigación, telecomunicacións, alta tecnoloxía... 


- É un sector que abrangue dende grandes empresas con milleiros de traballadores a pequenos empresarios. 


b) Causas da terciarización. 


Desde hai tres décadas, pódese dicir que España ten unha economía de servizos, porque máis de dous terzos de todos os empregos e a produción que se xera no país proceden deste sector. A tendencia é que esta proporción continúe aumentando nos próximos anos, tal e como ocorre en todos os países do noso medio. Por iso se adoita afirmar que en España vivimos un proceso de terciarización da economía. 


O rápido crecemento que experimentaron as actividades de servizos é o resultado das profundas transformacións que viviu a sociedade española, que hoxe presenta as seguintes características


- É unha sociedade de consumo, en que o aumento do nivel de renda elevou a capacidade de compra e, con isto, o desenvolvemento do comercio e toda unha serie de servizos destinados á poboación. 


- É unha sociedade do benestar, en que aumentou a oferta de todo tipo de servizos sociais (educativos, sanitarios, culturais, deportivos...), ofrecidos por institucións públicas e privadas. 


- É unha sociedade de ocio, en que aumenta a importancia do turismo e de diversos servizos relacionados co gozo do tempo libre (hostalaría, restauración, espectáculos etc.). 


- É unha sociedade capitalista avanzada, en que o sector financeiro e de seguros ocupa un lugar destacado no control do diñeiro e o crédito, básicos para o funcionamento das empresas e o propio consumo familiar. 


- É unha sociedade do coñecemento, en que cobran protagonismo unha serie de servizos avanzados que melloran a calidade e competitividade das empresas (enxeñaría, deseño, servizos informáticos, asesoría técnica...), xunto a centros de investigación e centros tecnolóxicos para promover a I+D. 


- É unha sociedade rede, en que tanto as persoas coma os produtos ou a información teñen cada vez maior mobilidade, xerando densas redes de fluxos ás que os territorios queren estar conectados, o que aumenta a demanda de todo tipo de transportes e telecomunicacións. 


- É unha sociedade regulada, porque a súa complexidade esixe unha administración pública eficaz que xestione o seu funcionamento. 


Todo isto supón unha gran diversidade de servizos, desde os máis especializados e modernos ata os máis tradicionais e precarios. 



c) Contrastes na localización dos servizos. 



A localización do emprego en actividades de servizos mostra importantes diferenzas se se considera o volume total de persoas ocupadas nas diferentes provincias. As de Madrid, Barcelona e Valencia concentran case cinco millóns de empregos, equivalentes a máis dunha terceira parte do total, seguidas por outras provincias litorais, xunto a Sevilla e Zaragoza. 

Se se considera en cambio a proporción do emprego terciario sobre o total, as diferenzas diminúen, cos valores máis altos en Madrid, o litoral mediterráneo (agás Cataluña) e ambos os arquipélagos.


Esa distribución relaciónase coa influencia de diversos factores: 

  • Ante todo, relaciónase coa repartición da poboación e o seu nivel de renda, pois a maioría destas actividades buscan estar cerca dos seus clientes potenciais e, polo tanto, aumentan en territorios con altas densidades e elevado nivel de ingresos.
  • Tamén inflúe a presenza de poboación estacional relacionada co desenvolvemento do turismo, sobre todo, nas áreas litorais, pois iso engade un volume importante de consumidores dalgúns tipos de servizos
  • Un terceiro factor é a densidade de empresas no territorio, pois son as principais demandantes dalgúns servizos (desde o transporte e as telecomunicacións, aos servizos informáticos, xurídicos, de mantemento e reparación, de deseño e enxeñaría etc.).
  •  Por último, as administracións central, autonómica e local distribúense por todo o territorio, pero a presenza de funcionarios e contratados nelas é maior naqueles provincias e cidades onde se localiza a capitalidade nacional ou autonómica.
En resumo, os servizos teñen hoxe unha grande importancia e dinamismo, ata converterse na principal fonte de emprego actual e para o futuro. Por esa razón, e porque as diferentes actividades tamén mostran diversas tendencias de localización, xeran paisaxes específicas e, en ocasións, son fonte de impactos negativos; a Xeografía interésase cada vez máis por este sector que conta con máis de catorce millóns de empregos e dous terzos do valor da produción total obtida en España, así como a maior perspectiva de crecemento. 
 

O sector servizos en Galicia. 
 

Máis do 60% do PIB de Galicia corresponde ao sector servizos, que experimentou un gran crecemento e diversificación nas últimas décadas. O turismo, o comercio, os transportes e mais os servizos sociais son exemplos desta transformación. 


O sector terciario de Galicia adquiriu unha importancia decisiva na creación de postos de traballo, xa que en 2008 os servizos ocupaban o 63% do emprego galego. A distribución xeográfica está pouco equilibrada; os servizos concéntranse nas capitais provinciais e nos grandes núcleos urbanos, principalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra. Distínguense dous subsectores: 


- Os servizos non destinados á venda son os servizos sociais financiados polos organismos oficiais, como a educación, a saúde e a administración pública. Así, en 2006 o 56% do gasto público que realizou a Xunta estivo destinado a sanidade e educación. 


- Os servizos destinados á venda abranguen o comercio, o turismo, os transportes, os servizos ás empresas, que diversificaron a súa oferta en actividades como asesoramento xurídico, servizos informáticos e administrativos, recursos humanos ou publicidade e os servizos financeiros, que potencian o crecemento da economía a través da concesión de créditos a particulares e empresas, e o investimento en proxectos empresariais. 


En canto ó turismo, Galicia dispón de máis de 54.000 prazas hoteleiras e de numerosos servizos e equipamentos complementarios. Os turistas que visitan Galicia proceden na súa maioría do territorio español (80,4%) e en menor medida do estranxeiro (19,6%), sobre todo de países da UE, como Portugal, Reino Unido, Alemaña, Francia e Italia. A nosa Comunidade ofrece diversos tipos de turismo: turismo de sol e praia, turismo cultural, turismo rural e turismo termal. A imposibilidade de competir no mercado internacional cos destinos masivos de praia determinou a orientación da política turística cara a outros campos, como o gastronómico, cultural, congresos ou o deportivo, co fin de atraer un turismo de maior calidade e asegurar a ocupación hoteleira durante todo o ano. Tras uns anos de retroceso pola crise economica, os datos provisionais presentan o 2015 como o mellor ano do turismo galego na historia, superando os anos xacobeos 2004 e 2010.

Respecto ao comercio, Galicia incrementou nas últimas décadas o comercio interior como consecuencia do crecemento demográfico e económico. Na actualidade representa un 10% do PIB e emprega un 17% da poboación ocupada. Caracterízase pola coexistencia de numerosos pequenos establecementos xunto a grandes empresas comerciais nacionais e multinacionais. Actualmente, o pequeno comercio está vivindo unha crise que se manifesta na redución de establecementos tradicionais e na perda de emprego. 


Os intercambios co exterior son cada vez máis importantes debido á apertura progresiva da economía galega. A balanza comercial nos últimos anos foi positiva xa que as exportacións superaron as importacións. Así, durante os primeiros nove meses do 2015, Galicia vendeu ao estranxeiro produtos por valor de 14.000 millóns de euros e importou o equivalente a 11.261 millóns. As exportacións céntranse na venda de material de transporte, confección e peixe, crustáceos e moluscos. As importacións que destacan polo seu volume son os produtos enerxéticos e o material de transporte.


Finalmente, nos transportes hai que salientar que a situación periférica e o relevo accidentado de Galicia son factores que explican que as infraestruturas de transporte e comunicación co resto do Estado fosen tradicionalmente moi deficientes. Así e todo, nas últimas décadas, os investimentos públicos destináronse a modernizar e ampliar a rede de estradas, os ferrocarrís (destacando a lenta introducción da alta velocidade), os portos e os aeroportos.