viernes, 11 de noviembre de 2016

Mapa faia - sobreira PAU 2013

2.- Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 4 puntos): 


 a) Na figura 1, localice e nomee as cinco provincias limítrofes con Portugal nas que apareza a sobreira (1 punto). 

De Norte a Sur: Zamora, Salamanca, Cáceres,  Badajoz e Huelva. 


 b) Comente os documentos atendendo ás seguintes cuestións:


Identifique as figuras 1 e 2 e especifique as características das rexións bioxeográficas ás que pertencen (1 punto).
 

Son dous mapas de España coa división provincial e corocromáticos que representan a extensión superficial de dúas especies vexetais, sobreira e faia. Os dous mapas teñen a escala sinalada (numérica no da esquerda e gráfica no da dereita) e a fonte (Atlas Nacional de España). Trátase de dous mapas temáticos cualitativos (definen cualidades non relacionadas con cantidades)  que é o tipo de mapa máis utilizado en xeografía física. A escala de medida é nominal.

Aparece no mapa a superficie de faias e sobreiras en dúas rexións: a faia esténdese pola rexión eurosiberiana (tamén atlántica) no bosque temperado oceánico caducifolio, e tamén na cordilleira pirenaica ata unha altura de máis de mil metros (a rexión boreoalpina comezaría a partir dos 1.200-1.300 m); a sobreira  sitúase na rexión mediterránea caracterizada polo bosque perennifolio e a matogueira.


Determine os factores que condicionan a existencia desta vexetación en cada caso (1 punto).  

Hai tres factores básicos que son as precipitacións, os solos e a altitude, coa súa influencia sobre a temperatura. 
 A  sobreira (Quercus suber) esténdese pola rexión mediterránea, caracterizada desde o punto de vista climático por una estación seca e calorosa (prefire áreas con temperaturas medias superiores aos 18 graos C e climas que superen os 40 graos C de máxima); precisa máis de 500 mm de precipitacións ao ano (o ideal da sobreira está entre 600 e 1.000 mm anuais, inda que se adapta a climas con máis de 400 mm de precipitación anual; de aí a súa extensión en Estremadura e no occidente da Península). Tampouco tolera invernos fríos e prefire solos silíceos como os existentes no Oeste da Península. Sobreira e aciñeira forman o bosque típico mediterráneo, o bosque esclerófilo. 


A faia  (Fagus sylvatica) pertence á rexión eurosiberiana de bosque caducifolio. Forma  un bosque pechado con escaso sotobosque. Tolera mal a calor e ben o frío, polo que medra mellor na cordilleira Cantábrica nas abas orientadas cara ao Norte; adáptase ben a áreas de elevada pendente e altitude entre 300 e 1.700 m. Na rexión atlántica, a faia combínase en bosques mixtos con carballos e coníferas. Necesita grande humidade, de aí a súa extensión no mapa pola cordilleira Cantábrica e os Pireneos. Prefire os solos calcarios pero adáptase aos silíceos. Este factor e tamén visible no mapa.


Relacione a vexetación con aspectos ambientais e económicos (1 punto).

A  vexetación clímax constituída por especies autóctonas como a faia e a sobreira de copas anchas e troncos leñosos (que poderían durar séculos e acadar alturas notables, de ata 20 m) está en retroceso por mor da acción antrópica; reduciuse á superficie a causa da sobreexplotación agrícola (roturación, sobrepastoreo…) e da substitución por outras especies de maior rendibilidade económica e máis rápido crecemento. Estes bosques foron moi transformados pola actividade humana agraria no pasado, e urbana e industrial na actualidade.

A degradación do sobreiral dá lugar á formación de matogueiras como maquias e estepas. O faial consérvase en moitos lugares case como bosque relicto, que precisa protección ambiental para a súa conservación (ex.: bosque de Muniellos, en Asturias). 

Tradicionalmente, as dúas especies tiveron un importante aproveitamento económico. A madeira dura e densa da sobreira foi utilizada para a fabricación de toneis e barcos. Os froitos da sobreira son moi apreciados pola súa landra para a alimentación do gando.  Pero a cortiza é o principal aproveitamento da árbore. Esta cortiza tiña como función protexer a árbore dos incendios e pódese extraer cada nove anos. Utilízase para a fabricación de tapóns, colmeas, parquets, illantes, calzado etc. En Estremadura,  a preparación da cortiza é una das principais actividades industriais. A madeira da faia é tamén moi apreciada na carpintería interior, mobiliario e ebanistería. Con ela fabrícanse portas, tarimas, frisos, molduras, chapas decorativas e taboleiros contrachapados industriais.
 

Comentario paisaxes litoloxía PAU 2015


2.- Comente os documentos presentados atendendo ás seguintes cuestións (puntuación máxima de 4 puntos): 

Relacione o número de cada imaxe cunha letra da figura inicial (1 punto).
 A 1; B 2; C 3; y D 4.
 
Identifique os tipos de rochas predominantes en cada paisaxe especificando a súa orixe xeolóxica (1 punto).

Na fotografía 1 estamos diante dunha paisaxe granítica, concretamente diante dunha pedra cabaleira nun berrocal, característico da España silícea. Esta área está formada por rochas cristalinas e ríxidas da era precámbrica e primaria, nas que predomina o granito.
A fotografía 2 amosa unha paisaxe de badlands ou “terras malas” de relevos con cárcavas propia de áreas onde hai depósitos sedimentarios pouco resistentes (arxilas, margas, conglomerados ou xesos), depositados a finais do Terciario e Cuaternario. 
A fotografía 3 é a paisaxe dun relevo formado por sedimentos da era secundaria e comezos do terciario, pregados durante a oroxenia alpina. Corresponde a páramos, unha estrutura de relevo tabular que se asenta sobre terreos calcarios. 
A fotografía 4 corresponde a un val fluvial que debuxa unha profunda foz. A litoloxía predominante é calcaria formada nos fondos mariños na era secundaria e relaciónase co relevo cárstico, no que as gorxas ou foces son vales estreitos e profundos con vertentes abruptas, causadas pola erosión fluvial.  

Analice os procesos erosivos e os tipos de modelado resultantes en cada caso (2 puntos).

A paisaxe da fotografía 1 reflicte os procesos de modelado do relevo granítico, nos que as propias características desta rocha, cristalina e ríxida, dan lugar a alteracións físico-químicas que inclúen a xelifracción, formando gretas ou diaclasas que fenden as rochas e dan lugar a tors que, tras unha acción continuada, poden fender as rochas e dar lugar a caos de bolas, penedos, etc. 

A fotografía 2 dá lugar a unha paisaxe de cárcavas sobre rochas febles, alí onde hai unha alternancia de períodos secos e cálidos con outros de choivas torrenciais, curtas e intensas, e sen existir protección vexetal (especialmente no SE peninsular). Con estas condicións, as arroiadas provocan un forte desgaste nas vertentes, formando cárcavas ou badlands.

A fotografía 3, que se corresponde cunha área de relevo tabular, explícase pola existencia de rochas máis duras (especialmente calcarias) no nivel superior do relevo. A medida que a auga e outros axentes erosivos van actuando sobre o relevo, as capas inferiores máis brandas son erosionadas, dando lugar a fondos de val abertos ou campiñas, mentres no alto, as chairas estruturais darán lugar aos páramos e outro tipo de relevos tabulares máis, que quedan en resalte, a xeito de relevos residuais reducidos (mesas, moas, etc.).

A fotografía 4 correspóndese cunha paisaxe cárstica; rochas duras que se fracturan formando gretas, e as súas formas resultan tanto da disolución subterránea como da acción da auga en superficie.  Algunhas das formas características son o canón, garganta ou foz; tamén formaranse covas con estalactitas, estalagmitas que unha vez afundidas darán lugar a depresións: dolinas, uvalas, poljes.

Hidrograma PAU 2015

2.- Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 4 puntos): 

a) Cite os cinco ríos indicados na  figura 1 (1 punto).

A: Sil;  B: Gállego;  C: Llobregat; D: Júcar (Xúquer); y E: Guadalquivir.

b) Comente a figura 2 seguindo estas cuestións: 

- Identifique o documento e indique as variables que aparecen (1 punto). O documento que se presenta é un hidrograma (gráfico lineal) que reflicte a evolución do coeficiente de caudal dun río ao longo dun ano. No eixo horizontal reflíctense os meses do ano hidrolóxico (de aí a súa disposición de outubro a setembro) e no eixo vertical reflíctese a variación do coeficiente de caudal (K) que resulta de dividir o caudal medio de cada mes entre o caudal medio anual ou módulo. No gráfico o valor 1 corresponde ao caudal medio anual; un valor inferior a 1 indica augas baixas e un valor superior a 1, augas altas. A través dunha liña evolutiva vermella que expresa a variación deste caudal con respecto ao caudal medio ou módulo (valor 1 no eixo vertical). Na información que acompaña á gráfica amósanse os valores reais do caudal (en m3/sg) e os valores do coeficiente de caudal correspondentes a cada mes.

 -
Sinale o tipo de réxime representado na figura 2 e analice as causas (1 punto). A evolución do caudal medio amosa un máximo moi marcado da primavera -mes de maio- relacionado coa fusión da neve, e outro máximo secundario de outono, que é cando se dan as maiores precipitacións de choiva. Os valores mínimos prodúcense en inverno, momento no que a meirande parte das precipitacións das zonas altas se producen en forma de neve; o outro mínimo, estival, este relacionado coa diminución relativa das precipitacións e o incremento da evaporación por mor dunhas temperaturas máis elevadas. Estas características correspóndense como modelo de réxime hidrográfico nivopluvial. 

 -
Determine o tipo de zona xeográfica á que pertence e as consecuencias deste réxime (1 punto). O réxime nivopluvial dáse na cabeceira dos ríos que nacen nas cordilleiras do norte peninsular; pertencería a unha estación de aforo próxima ao nacemento do río (afluentes da marxe esquerda do río Ebro). Os ríos situados nestas áreas xeográficas poden producir abundantes remanentes de auga para o regadío en zonas máis baixas, e tamén son utilizados como recurso para a xeración hidroeléctrica pola gran altitude das montañas nas que nacen (máis de 1500 metros). 

Mapas del tiempo comentados



Aquí tenéis los mapas del tiempo comentados, con relación a los rótulos tened en cuenta que "ciclónica" quiere decir dominada por borrascas, y "advección" se refiere a situaciones dominadas por centros de acción dinámicos.






Tiempo tormentoso con fuertes vientos del oeste que arrastran una masa de aire fria y húmeda, temperaturas frías pero moderadas y lluvias generalizadas, más abundantes en el noroeste.


Situación dominada por una borrasca procedente del norte de África con bajo gradiente que provoca temperaturas muy altas con vientos muy débiles; esto provoca el calentamiento del suelo y la creación de borrascas térmicas. Estas pueden en ocasiones provocar precipitaciones tormentosas.




 Tiempo frío que provoca la creación del anticiclón térmico, escasez de viento y precipitaciones, cielos despejados.


Vientos del nordeste que arrastran masas de aire polar fría y seca, cielos despejados con precipitaciones escasas o nulas, en su caso en forma de nieve a partir de alturas medias, frío intenso.


Tiempo de verano: anticiclón de las Azores sobre la península, bajo gradiente de presión, temperaturas altas, especialmente en el Sur, afectadas por borrasca térmica de norte de Africa. Baja probabilidad de precipitaciones.





Vientos del este húmedos pero poco potentes, tiempo cálido y estable, al desgajarse una vaguada del jet stream provoca precipitaciones súbitas y torrenciales en el este que pueden provocar crecidas e inundaciones, es el fenómeno conocido como gota fría.

lunes, 7 de noviembre de 2016

Exercicio perfil topográfico Galicia




a) As unidades identificadas na figura son:

B ……….. Depresión Meridiana (ou fosa Carballo-Tui
C ……….. Dorsal Meridiana Galega ou Dorsal Galega. 
E ……..... Depresións interiores, fosas miocénicas (Monforte, Ourense,...). 
F ……….. Serras orientais. 

b) Estamos diante dun corte/perfil topográfico do relevo galego, con orientación Oeste-Leste, marcando no eixe horizontal a distancia en liña recta ata 250 km. e no eixe vertical a altitude ata 2.000 metros; nel indícanse as principais unidades do relevo, distinguidas por cores. Ademais das altitudes actuais das distintas unidades, reflíctese -en liña de puntos descontinua- o redondeamento da penechaira galega antes da fractura do relevo acontecida durante o Terciario. 

c) Na área A, correspondente ao bloque litoral, predomina o granito que da lugar a un modelado característico desta rocha intrusiva, cristalina e ríxida que pode ser alterada física ou quimicamente (por xelifracción ou conxelación da auga en gretas ou diaclasas; os axentes erosivos poden ocasionar tamen tors, caos de bolas, penedos, a presenza de pedras cabaleiras, etc.). Un exemplo ben característico de modelado granítico atopámolo no Monte Pindo. Na área E, correspondente ás fosas tectónicas orixinadas despois da oroxénese alpina, acumúlanse depósitos sedimentarios de rochas brandas como as arxilas, facilmente erosionables, con formas como as cavorcos, somontes e acumulación de materiais detríticos, outras veces coincidentes con materiais aluviais depositados en fondos de depresións con estratos horizontais, que producen un relevo con escasa pendente. 

d) O relevo galego actual é o resultado dunha historia xeolóxica de millóns de anos na que se alternaron fases oroxénicas con outras de calma, nas que predominou a erosión e a sedimentación.

1) Durante a era arcaica ou Precámbrico (4.000-600 millóns de anos) emerxeu do mar unha banda arqueada de noroeste a sueste, formada por lousas e gneis, que comprendía case toda a actual Galicia. 

2) Na era primaria ou Paleozoico (600-225 millóns de anos) tivo lugar a oroxénese herciniana. A cordilleira herciniana, formada por materiais como o granito, lousa e cuarcita, mantivo unha aliñación predominante NO-SE, formando a base do zócolo hespérico que se estende ao Oeste de toda a Península Ibérica. 

3) A era secundaria ou Mesozoico (225-68 millóns de anos) foi un período de calma no que predominaron a erosión e a sedimentación, e no que continuou o aplanamento da cordilleira herciniana. 

4) Durante a era terciaria (68-1,7 millóns de anos) produciuse a oroxénese alpina. Como resultado desta oroxénese, o zócolo hercínico, formado por materiais paleozoicos ríxidos, experimentou fracturas e fallas. Así, acomodándose á vella rede de fracturas e a outras novas xurdidas como consecuencia do pregamento alpino, fracturáronse os bloques do Macizo Galaico e xurdiron depresións afundidas á beira de horsts realzados. 

5) Durante a era cuaternaria (1,7 millóns de anos ata a actualidade) producíronse o glaciarismo e a sedimentación de depósitos aluviais. En Galicia, o glaciarismo quedou restrinxido aos puntos máis elevados das serras orientais e sudorientais, con pequenos circos de cabeceira. No fondo das depresións, o arrastre fluvial depositou aluvións que as foron colmatando. 

Exercicio clima



a) Localice cinco sistemas montañosos con temperaturas medias inferiores a 7,5ºC (1 punto). 

Pireneos, Sistema Central, Sistema Ibérico, Cordilleira Cantábrica, Montes de León, Serras SO de Galicia. 

b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións: 

  • Identifique o documento e relacione as áreas coas mesmas temperaturas coas zonas xeográficas ás que correspondan. (1 punto) 


Trátase dun mapa temático, corocromático, con isoliñas (isotermas) que representan a temperatura media anual das distintas áreas de España (Península, Baleares e Canarias). Na lenda, as cores azuis reflicten as zonas máis frías (áreas montañosas do centro e norte peninsular, Submeseta Norte e cumios máis elevados dos sistemas montañosos meridionais). As cores marelas e salmón (de 12,5ºC a 17,5ºC) correspóndense coa Submeseta Sur, depresión do Ebro, áreas litorais do Cantábrico e Galicia, ademais dos vales interiores de Galicia e Dorsal Meridiana, arquipélago balear e áreas montañosas de Canarias). As cores vermellas, con temperaturas máis elevadas, correspóndense coas áreas de dominio mediterráneo levantino e andaluz, depresión do Guadalquivir e litorais das illas Canarias. 

  • Explique os factores xeográficos e termodinámicos que condicionan as áreas con temperaturas superiores a 15ºC (1 punto).

Canto aos factores xeográficos: España localízase en latitudes medias. Pero a latitude máis meridional (incluso subtropical no caso canario) das áreas litorais levantinas e andaluzas contribúe ao incremento da temperatura media. A altitude dos espazos sinalados correspóndese esencialmente con áreas deprimidas ou litorais, que están por debaixo dos 200 metros sobre o nivel do mar. En Canarias, a pesar das maiores altitudes, a súa posición latitudinal xustifica o valor medio máis elevado das temperaturas anuais. 

A proximidade ao mar: nas costas mediterráneas, o inverno é suave e o verán, caloroso, pois este mar, pechado e bordeado por relevos montañosos, actúa como un almacén de calor e non pode amortecer moito as elevadas temperaturas estivais. Polo tanto, a amplitude térmica das súas costas é moderada. 

No referente aos factores termodinámicos: Na área mediterránea prodúcese un predominio do anticiclón das Azores durante boa parte dos equinoccios e solsticio de verán. A penetración de vagas de aire frío é menor ca nas áreas setentrionais da península. Por contra, a influencia sahariana, moi acentuada no verán, produce unha elevación das temperaturas medias. As illas Canarias constitúen un dominio climático orixinal debido á súa situación no extremo sur da zona temperada, en contacto co dominio intertropical e preto das costas africanas, o que fai que se entrecrucen influencias variadas. Dominan as altas presións tropicais (anticiclón das Azores) e o vento alisio do nordeste, que dá lugar a temperaturas cálidas todo a ano nas zonas baixas, xa que ningún mes baixa de 17 ºC, polo que a amplitude térmica é pequena (inferior a 8º C). 

  • Relacione as áreas de temperaturas inferiores a 15ºC cos dominios climáticos aos que corresponden (1 punto). 


A área de 12,5ºC a 15ºC correspóndese cos dominios climáticos do mediterráneo continentalizado da Submeseta Sur e a depresión do Ebro; o suboceánico (oceánico de transición ou oceánico de influencia mediterránea) dos vales interiores de Galicia e o oceánico do litoral cantábrico.

A área de 10ºC a 12,5ºC correspóndese, esencialmente, co dominio mediterráneo continentalizado (ou de interior) da Submeseta Norte e montañas medias.

A área de 7,5ºC a 10ºC correspóndese co dominio de montaña peninsular.

A área de menos de 7,5ªC de media correspóndese co dominio de alta montaña peninsular. 

viernes, 4 de noviembre de 2016

Localización ríos

Para o control do día 15 de Novembro entran os ríos das vertentes mediterránea e cantábrica-galega


VERTENTE CANTÁBRICA-GALEGA:

  • Bidasoa
  • Nervión
  • Besaya
  • Nalón-Narcea
  • Navia
  • Eo
  • Eume
  • Tambre
  • Ulla
  • Umia
  • Lérez
  • Limia
  • Miño 
    • Sil
    • Avia
    • Tea
    • Arnoia

VERTENTE ATLÁNTICA
  • Douro
    • Pisuerga
    • Esla
    • Adaja
    • Tormes
  • Texo
    • Jarama
    • Alberche
    • Tiétar
    • Alagón
  • Guadiana
    • Cigüela
    • Jabalón
    • Zújar
  • Guadalquivir
    • Genil
  • Tinto e Odiel

VERTENTE MEDITERRÁNEA
  • Guadalhorce
  • Andarax
  • Segura
  • Xúquer
    • Cabriel
  • Turia
  • Mijares
  • Ebro
    • Jalón
    • Guadalope
    • Aragón
    • Gállego
    • Segre
  • Llobregat
  • Ter